O CD Lugo suma tres importantes puntos
Volve á senda da vitoria o CD Lugo grazas ao gol anotado por Noa no minuto 51 do encontro.
O partido das luguesas foi moi completo, sabendo controlar os tempos durante os 90 minutos.
Na primeira metade, o dominio foi albivermello tanto no ataque como en defensa, creando varias ocasións moi claras de gol, aínda que coa mala sorte de non atopar porta.
Xa na segunda parte, coa mesma filosofía e xogo, ao pouco de comezar chegou o gol de Noa. A Bovedana espertou, incidindo maior presión na saída de balón do CD Lugo, polo que a capacidade de xeerar perigo por parte das lucenses, mermou. Aínda así, o partido non semellou perigar para a vitoria luguesa en ningún momento.



O PM Friol gaña e colócase no 5º posto
Cómoda vitoria para as friolesas na casa das últimas clasificadas, o CD Romanón. Tres goles de Yoleidis e un de Potassa (0-4) sentenciaron un encontro no que a diferenza de tantos puido ser moito maior se as xogadoras amarelas tiveran un maior acerto de cara a porta.
En canto ao que o partido se refire, pouco hai que dicir. As locais – Romanón – pecháronse atrás para tentar recibir os menores goles posibles, xogando metidas na súa área e dando como resultado un partido aburrido, no que o total dominio do balón era do PM Friol e todo se baseaba en intentar tirar a porta por parte das friolesas e, das locais, que ese mesmo balón non entrara.
Sexa un partido para o gusto dos afeccionados e afeccionadas ou non, os tres puntos valen igual e, ao PM Friol, sérvenlle para acadar a 5ª praza na táboa, colocándose a seis puntos do Play-off de Ascenso, que agora marca o Sárdoma.

O filial do CD Lugo cae ante o Tordoia
Aínda que o partido estivo igualado para ambos equipos, un erro das albibermellas na primeira parte que as xogadoras locais – Tordoia – souberon aproveitar condicionou o partido, cuxo marcador xa non se movería.
Foi un encontro con apenas ocasións para ningún dos dous conxuntos. Porén, o CD Lugo B atopou unha dificuldade engadida para poder desenvolver o seu estilo habitual, xa que o terreo de xogo, moi pequeno, impedíalles despregar o xogo combinativo que adoita caracterizar ás xogadoras adestradas por Iria.
En definitiva, un partido aburrido, sen apenas ocasións de gol na que un erro lugués definiu o partido, que finalmente caeu do lado das locais.

Tropezo da SD Antas nun partido marcado polo chiflo
Unha SD Antas irrecoñecible nalgunhas fases do encontro e unha arbitraxe dun nivel «lamentable», segundo fontes da SD Antas, deixan ao equipo do Castro Seoane sen os tres puntos ante un rival directo, o AT Villalonga.
As xogadoras da SD Antas trataban de continuar coa súa boa xeira de vitorias, pero deuse un partido moi incómodo, con moitos erros individuais e ante un equipo, o Villalonga, moi traballado.

O partido comezou da mellor maneira posible, coas locais apretando arriba e tentando chegar rápido á área rival. Nuria, cun disparo dende dentro da área, faría intervir á porteira cunha boa parada.
Nun bo pase de novo de Nuria, Jenny fusilou a portería cun bo golpeo para abrir o marcador: 1-0.
Mais a falta de contundencia atrás e un saque de esquina das rivais libres de marca levounas a empatar o partido. Pero aí apareceu de novo Jenny, que adiantaría ás locais con outro golpeo dende a frontal da área.
Tralo paso polos vestiarios o partido volveuse tolo. A arbitraxe, que no primeiro tempo favorecera, probablemente de forma pouco xusta ás locais, mudou entón as tornas para favorecer no segundo lance ao Villalonga, pitándolles dous penaltis canto menos dubidosos.
O último chegou no minuto 90′ logo de pasar media hora cunha xogadora menos entre as filas da SD Antas. Dese xeito, remataría o partido co 2-3 final.

Bo partido do filial friolés ante unha poderosísima UD Cee
As friolesas comezaron a segunda volta loitando de ti a ti cunha UD Cee que na primeira volta non lles dera ningunha opción. O PM Friol fixo un partido moi serio a nivel defensivo, un equipo compacto.
O nivel do equipo friolés sube xornada tras xornada e iso nótase. Na primeira metade a UD Cee apenas tivo ocasións e, de feito, adiantáronse as friolesas con gol de Noelia no 22′, o cal as xogadoras visitantes non foron quen de empatar ata xa chegado o 57′.
O PM Friol tratou de buscar balóns en profundidade e a piques estivo de chegar o segundo gol das amarelas, pero o balón non quixo entrar. A sorte púxose totalmente na contra das friolesas que cando o empate parecía claro, e xusto, no minuto 94 unha xogada desafortunada acabou co gol da UD Cee para levar os tres puntos que, por sensacións, non lle pertencían.
A SD Chantada cae sen remedio ante as líderes, a CD Valladares
Un 8-0 é un partido que só tivo unhas donas, e esas foron as locais, as xogadoras do CD Valladares que, con esta vitoria e despois do tropezo da SD Antas ante o Villalonga, colócanse como primeiras clasificadas.
Pola súa banda, a SD Chantada, que mellorou moito na segunda parte; suma con esta a súa 11ª derrota en 15 xornadas, o que as coloca 13ªs na táboa, en postos de descenso mais tan só a un punto do Lóstrego, rival que marca a salvación e que ten tan só un punto máis que as chantadesas.
Na seguinte xornada Chantada agarda a visita doutro dos equipos fortes da liga, a SD Antas.
O Carballedo tamén sabe golear a domicilio
As xogadoras de rosa saíron con todo ao campo e o gol non tardou en chegar. Xa no minuto 2, despois dunha gran xogada combinativa do equipo, Diana Picos encargouse de abrir o marcador ante a SD Negreira no Cepelo. Pero as gañas de máis eran latentes e o Carballedo seguiu xogando coa mesma intensidade, tocando o balón e dominando o partido no campo contrario.
Tampouco tardou en chegar o segundo gol, das botas dunha habitual nos tiros de falta, Ana Lamas, quen cunha das súas particulares xenialidades puxo o 0-2. Pero o Carballedo seguía con fame, saíndo con todo a atacar. Iso costoulles o gol do Negreira, que nunha contra conseguía anotar para recurtar distancias (1-2) no minuto 32 do encontro.
Mais de novo Ana Lamas sería a encargada de mandar o partido ao descanso cun colchón de 2 goles para o Carballedo, anotando o seu segundo tanto no partido, o terceiro do equipo, no minuto 41′ (1-3).
Á volta dos vestiarios o dominio seguía sendo das ‘guerreiras’ e o bo xogo despregado viuse premiado con dous goles de Ari, no minuto 73 e no 78 (1-5). As gañas de seguir anotando non baixaron nas filas do Carballedo e sería, de novo Ana Lamas, quen no minuto 85 poría o definitivo 1-6 para sentenciar o partido.

Tarde de goles no Rodríguez Lago a cargo da Comercial
Cun xogo combinativo de calidade, boas triangulacións e unha presión intensa cando as rivais tiñan o balón encargándose de que o partido se xogara no campo rival, a Comercial impúxose con contundencia ante o Trazo.
Abriu o marcador para as locais (Comercial) Lara Carrera no minuto 10. No 38′, foi Aroa Puente a encargada de aumentar a vantaxe. Porén, tan só 3 minutos despois o Trazo recurtaba distancias (2-1) grazas ao tanto anotado por Antía Bello. Mais lonxe de servir para que as xogadoras da Comercial se puxeran nerviosas e as do Trazo se botaran arriba, o que ocorreu foi o contrario. O xogo da Comercial mellorou, cun equipo máis sólido, con máis gañas de ir a polo partido e amosar que os tres puntos deste encontro non se ían marcar do Rodríguez Lago.
Kathy, no 53′, devolvía a distancia de dous goles ao seu equipo anotando o 3-1. Dez minutos despois, Aroa voltou a marcar para pór o 4-1.
No 75′, o Trazo recurtou de novo distancias mediante un gol de Kelly (4-2) pero unha inspirada Kathy volvía deixar claro, poñendo o 5-2 tan só uns minutos despois, que a Comercial saíra ao campo para levar os tres puntos e ningunha outra opción era posíbel.

Non digas gol, mellor di Anita
Aínda que o San Lázaro non saiu de todo ben ao partido, con falta de intensidade, mentres que as xogadoras do Órdenes si saíron metidas no partido, o San Lázaro puido manter a súa porta a 0 durante eses primeiros intres de dúbidas.
Pouco a pouco o San Lázaro foise metendo no partido e, no momento no que Anita abriu o marcador, o partido mudou. Xa co segundo gol do San Lázaro, de penalti, tamén tirado e anotado por Anita, o Órdenes baixou os brazos e por enriba delas pasou o San Lázaro como unha treboada total.
Anita firmou os 4 goles do seu equipo que remataría gañando 0-4 a domicilio para devolver ao equipo á senda da vitoria e colocarse na segunda posición da táboa.

A Milagrosa queda cos tres puntos ante a ADC Monte Forte
As locais foron quen de dominar o partido e acabar con vitoria pese a xogar os últimos minutos con unha xogadora menos, trala expulsión por dobre cartón amarelo de Antía Penas.
O primeiro dos goles do partido chegou das botas de Irene García para adiantar á Milagrosa (1-0) no minuto 44. Á volta dos vestiarios, o Monte Forte empataba o partido grazas ao gol de penalti de Nerea Pereiro.
Mais Valeria encargaríase de volver a pór por diante ao seu equipo, a Milagrosa, cun gol no 52′. Xa no 70. ampliaría distancias Daniela Castro 3-1, mais no 80′, o partido volvía a abrirse co gol de Laura Correas para o Monte Forte (3-2) e a Milagrosa xogando cunha menos. Aínda así, o marcador non voltou moverse e, finalmente, os tres puntos quedaron no Luis Gorgoso para as locais.
