A SD Antas almórzase ó FC Porriño
Pouco lles importou ás xogadoras do Antas xogar de mañá en Porriño. Partido moi cómodo para as adestradas por Dani Abelairas que axiña se adiantarían no luminoso cun gol de Nuria a pase dende o curruncho de Elisa.
A encargada de pór o 0-2 no marcador foi unha habitual da cita co gol: Jenny, que marcaría dende a frontal da área cun pase de Iria.
Xa na segunda metade, o Antas fíxose co dominio total do partido e do balón, tendo moita máis paciencia e mobilidade e chegando así á meta rival con máis facilidade. Cun bo pase de Nuria a Elisa, quen definiu con precisión, chegaría o 0-3.
Nos últimos suspiros do partido foi Elisa quen deu un pase filtrado entre liñas para Jenny, que volvía anotar para firmar o 0-4 final.



Con esta vitoria o Antas sitúase na zona alta da táboa, empatada a puntos coa primeira clasificada á que agardará no Castro Seoane na primeira xornada desputada no 2025.
A SD Chantada non levanta cabeza
Pese a que o partido comezou moi igualado en canto a intensidade e xogo, a SD Chantada sucumbiu ante o Arenteiro. Pouco a pouco as xogadoras do equipo visitante – Arenteiro – foron encerrando ó Chantada no seu campo e impedindo o xogo logal.
Así chegou o primeiro gol, tras un bo centro lateral e, a partires de aí, tiveron xa un par de ocasións máis. Indo por debaixo no marcador a SD Chantada sacudiuse a presión e foi capaz de crear perigo ás costas da defensa, rematando incluso un par de saques dende o curruncho que se marcharon fóra por pouco. O descanso chegou co 0-1 no luminoso.

Á volta dos vestiarios empezaron moito mellor as chantadesas, apertando arriba. Así marcou Sara Piñeiro o 1-1. Mais a partir do 65′ a SD Chantada deu un paso atrás e o Arenteiro aproveitouno para ir para o partido. No minuto 75′, un córner mal despexado pola SD Chantada acabou nun gol desafortunado en propia porta.

A partires de aí, un penalti que aínda que a piques estivo de salvalo a gardameta Andrea, cazaron as xogadoras do Arenteiro o rexeite para meter o gol. Isto rematou por afundir á SD Chantada, que noutro saque dende o curruncho mal despexado acababa con outro gol en propia porta das locais.
O quinto chegou xa coa SD Chantada rendida. O equipo chantadés competira ben ata o 65′, a partir do que houbo dous partidos ben distintos.
O CD Lugo afunde ao Orillamar
Non tivo opción o Orillamar, que apenas tivo ocasións en todo o encontro. Na primeira metade, tras un saque de esquina favorable ó CD Lugo chegou o primeiro gol por medio de Iria. A partires de aí as chegadas a porta do Lugo foron incesantes pero na primeira parte, a defensa do Orillamar estivo acertada para acabar evitando o perigo.

Xa na segunda metade luciuse Ánxela cun hat-trick e sumou o quinto ó marcador lucense Xiana. O Orillamar estaba desaparecido en ataque.

Dura derrota do PM Friol B
Resultado algo enganoso o 4-1 final colleitado na Pastoriza polo filial friolés. Se ben é certo que o cadro local conta con xogadoras de gran calidade especialmente nas liñas de ataque, tamén é certo que se trata dun equipo que tácticamente presenta moitas fallas na súa organización e plan de xogo, o que o leva a depender moito das individualidades.
O PM Friol sabía que a súa opción pasaba por explotar as esas debilidades do Pastoriza, e aínda que a primeira parte foi moi parella, non foron quen de aproveitar as súas oportunidades. O partido chegou, de feito, cun 2-1 ao descanso e cun Friol que puido anotar nada máis comezar o encontro nunha ocasión moi clara.
Un partido moi igualado que non reflicte o marcador a tónica real do mesmo. Foi a partir do minuto 80′, cando o Pastoriza marca o terceiro, cando as friolesas baixaron os brazos e así mesmo chegou o 4-1 definitivo que, porén, non fora o agardado nos 80 minutos anteriores.
O Monte Forte suma outros tres puntos merecidos pero cun só tanto
A puntería non foi o forte das xogadoras do Monte Forte que, pese a dominar todo o encontro ante o Arzúa CF a domicilio, só foron quen de anotar por medio dun penalti que convertía Moji no 42′.
As numerosas faltas feitas polo equipo local marcaron un partido cuxo dominio estaba nas botas das xogadoras monfortinas quen finalmente se quedaron cos merecidos tres puntos do encontro.

A Milagrosa exhibe superioridade ante o Trazo para pechar o ano
Na casa, a Milagrosa pechou o ano co luminoso marcando un 3-0 favorable e merecido, xa que as adestradas por Felipe foron moi superiores durante todo o encontro. Boa conta diso dan as estatísticas, xa que o Trazo non chegou a tirar a porta nin unha soa vez en todo o partido.
O Carballedo arrolla ao Resmón a domicilio
Partido dominado de inicio a fin polas «guerreiras» que xogaron todo o partido metidas en campo rival, con moitísimas ocasións para anotar, incluso máis goles, dos que marca o luminoso final: 0-5.

Chegaron ao descanso cun 0-2 pese ás decisións arbitrais, moi polémicas. Á volta dos vestiarios a expulsión de Ari, as de Sementa tiveron que seguir con só 10 xogadoras no campo, pero continuaron dominando claramente o encontro, sen que o Resmón chegara nin sequera á área rival. Un partido de clase, con Uxía Peque firmando unha gran actuación e unha Ana Lamas que segue estelar, anotando no seu casilleiro persoal un hat-trick.
A Comercial adiantara xornada mais non conseguiu sumar
A Comercial xogara o partido desta xoranda o pasado 6 de decembro, ante a SD Negreira a domicilio, mais o resultado foi acorde ao partido: complicado. A Comercial xogou cunha menos boa parte do partido e, porén, conseguira comezar poñéndose por diante no marcador e xogando a un gran nivel.
O paso dos minutos fixo mella nun equipo que tiña que facer maior desgaste físico ó ter unha xogadora menos, polo que o equipo de Vicky non puido facer máis e acabou por sucumbir ante a SD Negreira. Porén, o rendemento das xogadoras é reseñábel, facendo un bo partido pese a todas as dificultades, xogando de ti a ti ao rival pese a ser unha menos.
Nuri incluso, que nunca xogara na portería, púxose os guantes e atallou disparos complexos e facendo boas saídas polo balón. Antía no lateral, posición non habitual para ela, fixo un partidazo desbordando pola banda e cubrindo moi ben as costas da central, cortando numerosos balóns.
