Chega un novo Tres en Raia Boas Mans Fisioterapia, e faino cun pleno de vitorias do Sporting Pontenova que lidera o grupo norte. O Muimenta é segundo logo de golear na Veiga e o Cazás completa o podium malia empatar fronte ao Celeiro.
No grupo sur, o Quiroga é líder tras vencer no Catro Ventos de Carballedo, cun punto de marxe sobre un Sober que foi quen de gañar nas Rapadas. O Relámpago Taboada goleou ao Becerreá B e sumou o primeiro triunfo do curso.
GRUPO NORTE
O Sporting Pontenova vence en Paraños ao Rioaveso e segue de pleno (1-2). Encontro no que os visitantes comezaron mellor e foron os dominadores claros dos primeiros vinte minutos. Jaimuky adiantou aos de Héctor Expósito á saída dun córner e o Sporting contou con varias ocasións para marcar. Sen embargo, o Rioaveso mellorou co paso dos minutos e logrou igualar o choque cun gol de Álex Anido cun tiro lonxano. Xusto antes do descanso, Marcos superou no man a man a Diego Barro e puxo de novo por diante ao Sporting. A segunda metade resultou parella e ámbolos conxuntos tiveron ocasións, aínda que sen que houbera alteracións no marcador.
O San Ciprián cae goleado fronte ao Muimenta logo dunha mala segunda metade (1-5). Seguen sen puntuar os locais que caeron diante do Muimenta, segundo clasificado. A primeira metade resultou parella. Os visitantes adiantáronse logo dunha boa xogada colectiva que culminou Óscar. Os mariñáns igualaron o choque cun tanto de Silva tras un córner. Os de Félix Martins gozaron da mellor ocasión para poñerse por diante cun lanzamento de penalti, no que non tiveron atinados. No segundo tempo, Fran Veiga trocou de sistema e o Muimenta amosouse moi superior a un Sanci que saiu despistado. Martín, Seijas, Jesús e Fer golearon para os chairegos.
O Cazás empata diante dun Celeiro que suma o seu primeiro punto (1-1). Os visitantes, en clara melloría desde o comezo ligueiro, arañaron un punto no difícil feudo do Cazás. O primeiro tempo resultou parello, cun Celeiro achicando ben os espazos. Jamal e Cao tiveron boas oportunidades para os chairegos, que desbaratou o gardameta Ernesto. Tras o descanso, os de Martín Rodríguez lograron adiantarse cun tanto de Luca. O Cazás arriscou na procura do empate e logrou grazas a un omnipresente Otman, que dominou o mediocampo e convertiu un penalti para empatar o choque. O Celeiro, moi serio en defensa, impediu ocasións claras dos de Ángel Pena, que continuan na zona alta da clasificación.
Un Río Ouro moi entonado golea ao Roupar no Árbol (5-1). Os de Julio Castro suman pleno de puntos como locais. Fronte ao Roupar, saíron moi ben ao campo, dominando moitas facetas do xogo e chegando con perigo á portería rival. Aos dez minutos, Jony adiantou ao Río Ouro cun bo gol de falta, mentres que Asier e Joao deixaron o encontro vista para sentencia antes do descanso. O Roupar, que non estivo coa intensidade precisa, non tivo opcións. No segundo tempo, os de David Lorenzo saíron mellor, pero os locais foron de lograr dous tantos máis que xa non deixaban lugar á dúbida en canto ao resultado. Jony, de penalti, e Ezequiel foron os autores. Co orgullo ferido, o Roupar mellorou no tramo final, xerando boas ocasións de gol e recurtando diferencias no marcador por medio de Xavi.

O Castroverde resposta tres veces ao Pol B nun encontro con final de infarto (3-3). Encontro disputado no Municipal de Pol, un esceario de luxo para a categoría. O Castroverde saiu mellor ao campo e contou con boas ocasións para adiantarse no marcador por medio de Feli, David e Borja. A falta de acerto e as intervencións de gardameta Álex evitaron o gol. Sen embargo, os locais amosaban o seu poderío ofensivo cada vez que eran quen de chegar a tres cuartos de campo. Despois dun par de chegadas perigosas, Lucas executou á perfección unha falta e abriu a lata para os de Basi. Preto do descanso, o Castroverde reclamou cartón vermello a Soumare por unha entrada a Cancela que o colexiado deixou en amarelo. Co tempo case cumprido, unha transición ben levada polos visitantes, culminouna Noel para empatar o encontro. Os de Iago Núñez volveron incomodar ao Pol B tras o paso por vestiarios, sobre todo nos primeiros intres. Pero os chairegos volveron adiantarse logo dun despiste en mediocampo do Castroverde e Porto non perdoa diante do porteiro. Eran os mellores minutos dos locais, que contaron con ocasións para facer o terceiro. A falta de cinco minutos para o final, Soumare ve o segundo cartón amarelo por agarrar ao gardameta Babu e o Castroverde logrou empatar por medio de Adri, xa co tempo cumprido. Aínda habería tempo para ver dous goles máis. Porto, nada máis sacar de centro, sorprendeu aos visitantes cun forte disparo para adiantar ao Pol B por terceira vez. O encontro parecía decidido para os locais, pero Borja igualou de penalti. Xa co colexiado a piques de asubiar o final, Cancela rozou o cuarto para o Castroverde.

GRUPO SUR
O Quiroga vence no campo do Carballedo e segue no liderado (1-3). Primeira metade moi disputada e sen demasiadas ocasións para ningún dos dous conxuntos, aínda que as máis claras foron para os visitantes. Brais adiantou ao Quiroga logo dun erro na saída de balón dun Carballedo que buscou xerar perigo a través de centros laterais. Tras o paso por vestiarios, os locais buscaron o empate e o Quiroga soubo aproveitar os espazos á contra para facer o segundo obra de Alexis. Ariel gozou dunha gran ocasión para facer o terceiro e deixar o choque sentenciado. O Carballedo recurtou desde o punto do penalti grazas a Doval. Os de David Guerra tentaron o empate, pero novamente Brais, o mellor xogador do partido sentenciou para o Quiroga.
O Sober remonta e infrinxe a primeira derrota do curso ao Páramo (1-3). Os de Armental son segundos logo dun triunfo de mérito nas Rapadas. Malia todo, o Páramo comezou moito mellor e dispuxo dun penalti para adiantarse no marcador que Manu, providencial, detivo. O gardameta visitante amosouse infranqueable ata en tres claras ocasións dos locais, pero nada puido facer aos vinte minutos de xogo nun lanzamento de Juan, que adiantou aos de Castro. Co paso dos minutos, o Sober asentouse no campo e Martín logrou igualar antes do descanso. No segundo tempo, Armental deu entrada a Piñe e convertiuse no revulsivo anotando os dous goles do triunfo visitante. O Páramo rematou con nove xogadores por expulsión de Julito e Lynget.
O Casás vence con claridade ao Taboada B (3-0). Os locais saíron ao campo moito máis enchufados que o seu rival e deixaron o encontro encarrilado antes do descanso. Maira, de penalti, e Yerai marcaron para os de Andrés Rodríguez, que contaron con ocasións para que a renda fora máis ampla. No segundo tempo, os visitantes estiveron moito mellor e pelexaron por recurtar diferencias. No mellor momento de xogo dos de Jacobo Vázquez, chegou o terceiro tanto local, obra de Maira, que deixou o choque visto para sentencia.
O Relámpago Taboada golea ao Becerreá B cun Fran en estado de gracia (4-0). Chegou a primeira vitoria da tempada para os locais, nun encontro no que os de Melanie Carreira amosaron un gran nivel defensivo, impedindo ao Becerreá B xerar ocasións de perigo. Fran, cun hat-trick, resultou decisivo para un Relámpago que aproveitou cada saída á contra para xerar perigo. Cabo, marcou o cuarto gol, na mellor xogada combinativa do encontro.
Río Sil e Corgo B igualan nun encontro con dúas metades ben diferenciadas (2-2). Terceiro empate para os locais que seguen sen coñecer a vitoria neste curso. O primeiro tempo foi de claro dominio visitante. Ethan e Rucho puxeron en clara vantaxe aos de Pablo Bargados, pero o Río Sil deu un paso á fronte no último tramo do periodo inicial. Claudio recurtou diferencias e a piques estivo de igualar no último intre, pero o balón estrelouse no longueiro. O segundo tempo resultou de dominio local. Dasi logrou o empate e no último tramo as ocasións sucedéronse, aínda que o marcador non se moveu.


