Tan só restan catro xornadas nos Máxicos
-
- 0
- 6min de lectura
Salvatierra Abogados presenta unha nova edición dos Máxicos, que ultiman as súas opcións para acadar os obxectivos da temporada.
O Burela gaña no Luis Pallín para achegarse ao ascenso (0-2). O tempraneiro gol de Adri logo de gañarlle as costas á liña defensiva rival puxo as cousas de cara ao Burela, que despois pasou a defender os ataques malintencionados dun Oural que dominou, pero que sufriu na liña defensiva. O comezo do segundo tempo seguiu a mesma dinámica, pero outro gol rápido de Jairo Campo puxo o choque moi favorable para os mariñáns diante duns Máxicos sarriáns que buscaron o gol, pero non estiveron atinados na definición.
O Monterroso gaña ao Pastoricense e respira definitivamente (3-1). Logo dunha primeira metade na que os vermellos tiveron as máis claras nas botas de Lorenzo e o Pastoricense facía dano con internadas por banda, o Monterroso deu un paso adiante no segundo tempo e anotou tres goles case consecutivos (Burgo nun córner, Yoni nunha falta lateral e de novo Yoni nun contragolpe) para deixar o choque sentenciado. Aínda que Iago recurtou diferenzas pouco despois e o Pastoricense viu como se lle anulaba un gol, non houbo tempo para máis diante da experiencia dos Máxicos locais.
O Foz supera (tamén) ao San Lázaro (2-0). A superioridade mariñá fíxose notar, particularmente ao longo dun primeiro tempo no que tan só Aitor Moreda logrou finalizar en gol unha das múltiples oportunidades locais. O San Lázaro medrou co paso dos minutos e inquedou a meta de Hugo, pero o Foz aproveitou unha mala saída de balón dos Máxicos celestes mediado o segundo tempo para sentenciar en transición co 2-0 que sería definitivo.
A SD Chantada vence diante do Outeiro de Rei (3-1). Un penalti no minuto 3′ foi aproveitado por Manu para poñer o 1-1, pero unha nova pena máxima —neste caso sobre Ily e transformado por Óscar Ben— deron paso a unha primeira parte igualada, sen moitas ocasións. Porén, Manu puxo o 2-1 nunha sucesión de rexeites nunha falta lateral antes do descanso e, xa no segundo tempo, chegou o 3-1 nunha gran xogada combinativa nun disparo cruzado de Pablo para deixar tres puntos no Sangoñedo e manter aos Máxicos do Outeiro na loita pola permanencia.
O Meira e o Guntín asinan táboas na Lomba (1-1). Os locais foron mellores no primeiro tempo e Farra foi quen de adiantalos cun remate de cabeza. Porén, os Máxicos laranxas asentáronse no choque co paso dos minutos e a igualdade foi a tónica dominante. Tomás transformou unha pena máxima para igualar o resultado mediada a segunda marte e, desde o 1-1, houbo ocasións para ambos lados, pero o electrónico non se moveu máis nunha localidade meirega na que asoma a sombra do descenso.
O Taboada faise forte na casa a costa do Lourenzá (4-1). Foi o mellor partido da temporada dun cadro branquiazul no que Mosky emerxeu —de novo— coma un dos Máxicos desta categoría. Dous ataques verticais dos de Martín Murado poñían o 2-0 no tempo de lecer diante dun Lourenzá que non daba coa tecla. Na segunda parte, o gol de Gabri xusto á volta dos vestiarios sentenciou a contenda e Mosky pechou o resultado coa súa tripleta de goles. Yago Cruña tampouco faltou á súa cita co gol e fixo o da honra para os laurentinos cando xa se estinguía o partido, 4-1 no «Canti».
O Xove cae diante dunha Residencia que se aferra á matemática (0-1). Foi un duelo moi igualado no feudo mariñán, con especial mérito para un cadro local que xogou con 10 homes ao longo de 60 minutos. A Residencia non foi quen de desentramar o tecido defensivo dun Xove que tamén xerou perigo con accións verticais. Porén, a sorte estivo do lado lucense no tempo engadido, cando Martín enviou ao fondo das mallas un saque de esquina para dar 3 puntos a unha «Resi» que segue á procura do intratable Burela.
O Castro e o Chantada Atlético ofrecen goles e emoción (4-3). Os Máxicos chantadinos dominaron na primeira metade e, de feito, o «Atlético» aproveitou as baixas locais para poñerse 0-2 na recta inicial: un roubo de Ovenza e un balón ás costas foron aproveitados por Dani Delgado. O Castro reaccionou e castigou dous desaxustes visitantes para empatar (2-2) con goles de Alvarito e Marino, pero os de Corredoira golpearon de novo para poñer o 2-3 nun saque de esquina e, na última acción do primeito tempo, erraron unha pena máxima na que se pediu a expulsión de Pablo Vivero.
Xa na reanudación, a intensidade que aportaron os cambios do Castro supuxeron o 3-3 nun córner moi ben botado por Alvarito e un penalti provocado por Iván González —e transformado tamén por Alvarito— para remontar o resultado e deixar tres puntos de ouro no Arturo Pereiro diante dun rival que mostrou unha versión moi boa.
O Santaballés e o Racing Villalbés ‘B’ protagonizan un derbi moi vistoso (2-1). Especialmente no primeiro tempo, no que os dous equipos ofreceron aos numerosos siaereiros 3 goles en 25 minutos. Denís fixo o 0-1 nunha acción na que gañou a espalda da defensa local, mentres que Fraga empatou nun saque de esquina aos 3 minutos. Os Máxicos de Freire remontaron nun penalti transformado por Vérez e, xa na segunda metade, o duelo foi moito máis pechado. O Santaballés sufriu a expulsión de Soto e defendeu con uñas e dentes un resultado que peligrou nun penalti a prol do Racing na recta final. Porén, Ivo detivo o envío e deixou os tres puntos na Liga.
A Milagrosa da un paso de xigante logo de vencer ao Valmiñor (2-0). A intensidade e concentración locais mantiveron con vida aos Máxicos lucenses na primeira metade, ademais dun Tommy que detivo un man a man dos de Nigrán. Xa no segundo tempo, a fame albivermella fíxose notar e as ocasións se sucederon a prol dos de Frigsa, que foron levados en volandas pola súa incansable e fiel bancada. David fixo o 1-0 e Rafa sentenciou no tempo engadido diante dun cadro pontevedrés que non gozou de ocasións en toda a segunda metade.