A Segunda Rexional entra na súa fase decisiva logo do parón da Semana Santa. Dous ascensos e tres descensos directos en xogo nas últimas tres xornadas da 2ª fase.
Na zona norte, o drama do descenso deixa ao Mondoñedo coa obriga de gañar todo e agardar a que os seus rivais fallen. Está a seis puntos do Roupar e do Abadín e a oito do Goiriz, o seu próximo rival (domingo ás 17:00h no Viñas da Veiga). Unha derrota certificaría o descenso.
Pola súa banda, no grupo de ascenso a igualdade é moito maior. O Sanci lidera a clasificación con dous puntos de marxe sobre o Cospeito. Ambos enfróntanse esta fin de semana nun encontro que marcará o devir do grupo (domingo ás 17:00h na Veiga). A tres puntos da cabeza está o Meira e a catro a Candelaria.
Máis distantes e sen practicamente opcións están o Celta Barreiros, o Muimenta e o Cabreiros que xunto co Guitiriz converteranse en xuíces do tramo final de liga.



Son varios os futbolistas que, principalmente por lesións, non van estar neste treito decisivo do campionato. Non obstante, a súa experiencia seguro que aínda lles serve para botar unha man aos seus por moi lonxe que estean. É o caso do noso protagonista. Simón Rodríguez Fernández (Burela, 12 – 05 – 1988) lesionouse no último partido ante o Muimenta e perde o que queda de liga.
Central dos que mandan dende atrás e capitán de garantías nunha Candelaria que non renuncia a nada. Ten dous encontros na Granda e unha saída a Cospeito que lles pode facer chegar con opcións ata a última xornada. Simón estará presente doutra maneira.
Futbolinlugo: Como vai a recuperación?

Simón Rodríguez: Opereime o martes da semana pasada e saíu todo ben. Agora toca facer as curas e agardo que en breve me quiten os puntos. A principios de maio teño que ir a consulta. Quitaranme a férula e despois poñeranme un walker.
«É unha lesión moi dura de cabeza»

Fil: Xa estás pensando nos prazos para volver xogar ou prefires agardar?
SR: Hai que ir semana a semana. É unha lesión bastante longa, polo que me comentaron. Sobre todo, moi dura de cabeza por mor da rehabilitación. Coñezo a Isma do Ribadeo que pasou polo mesmo. Díxome que a rehabilitación é un pouco longa porque non ves como melloras. Ves que pasan as semanas e vas evolucionando moi pouco a pouco.
Fil: Como foi a lesión?
SR: Os rivais despexaban un balón, eu estaba só, ía despexar tamén e no momento sentín un zumbido e como unha pedrada ao lado do pé que xa me tirou ao chan. Pensei que non era moito pero ao apalpar xa vin que non tiña tendón de Aquiles. É máis o ruído que a dor. Dor tes, o pé incha; pero sobre todo a miña preocupación era saber que pasara.

Fil: Cres que vas botar moito de menos o fútbol este tempo?
SR: Si, para min é o medio no que desconectas, estás cun grupo bo de amigos e desfrutas do deporte. Levo toda a vida xogando ao fútbol e quítame das distraccións do día a día. É a segundo vez que me pasa algo parecido. Rompín o peroné cando xogaba no Cervo. Tiña 21 anos. Fora en Bóveda tamén eu só nun balón dividido. Daquela non tivera que operar pero estivera catro meses sen xogar.
«Non somos un equipo de grandes individualidades»

Fil: Ademais a Candelaria chega con opcións ao tramo final de liga, como valoras esta campaña do equipo?
SR: Creo que está sendo un ano moi bo. Non somos un equipo con grandes individualidades, pero o noso forte é o grupo. Creo que desputamos todos os partidos e non fomos inferiores ao rival, agás no duelo co Celta Barreiros que tivemos unha segunda parte mala. Ninguén contaba con nós para a fase de ascenso e creo que o ganamos nós no campo.
Fil: Como vedes as posibilidades de loitar polo primeiro posto?
SR: A pena foi o partido en Muimenta. Marcaba moito as nosas aspiracións. Temos opcións pero o San Ciprián lévanos catro puntos. O partido que lle vén contra o Cospeito na casa marcará un pouco o corte. Nós se gañamos ao Guitiriz seguiremos tendo posibilidades. É moi complicado porque vexo o San Ciprián moi forte.
Fil: Quizais sorprendeu o voso resultado no Pichón logo de gañarlle ao Muimenta (7-1) na Granda…
SR: Os partidos hai que xogalos, non son todos iguais. Na primeira volta estivemos acertados de cara o gol e como visitantes non. Iamos bastantes limitados de cambios e tivemos ademais a lesión de Jorge ao cuarto de hora. O Muimenta tamén tivo as súas oportunidades e traballaron ben defensivamente.
«O bo deste formato é que sempre te xogas algo en abril e maio»
Fil: Que opinión che merece este novo formato ideado para o regreso do fútbol logo do gran parón pola pandemia?
SR: Creo que a opción foi boa. Gusta sempre xogar contra equipos próximos, sobre todo aquí na Mariña que somos varios e sempre hai máis rivalidade. E permítelle aos afeccionados ir ver partidos de cerca. O bo tamén é que tes unha fase de ascenso que sempre te xogas algo nos meses de abril e maio. Ao mellor nós, nunha liga regular normal, se estamos un pouco máis descolgados nestes momentos non nos xogariamos nada.
Fil: A Segunda norte dividiuse en dous grupos e agora xa estades misturados para xogar polo ascenso, cal dos dous grupos da 1ª fase era máis forte?
SR: A nivel de xogadores hai grandes equipos. O Iberia non entrou na fase de ascenso por fortuna para nós pero ten un gran conxunto. O Meira ten boas individualidades, o Cospeito estase vendo que ten un bo equipo…, creo que os grupos estaban anivelados. Por exemplo, ao Muimenta pensei que lle ía custar máis e desputa os partidos coma outro calquera.
«Sempre hai a mítica gracia con Rocky e con Rambo»
Fil: Falabas antes de que o voso forte é o grupo, é ese o factor determinante?
SR: Non temos grandes nomes para dicir «grazas a este o Candelaria vai estar arriba». Creo que foi o grupo e o traballo semanal. Jaime deunos bastante caña nos adestramentos e fisicamente estabamos bastante ben. Demostrouse no campo que sempre fomos a unha, xogando o noso xogo e sacando resultados.
Fil: Vasme permitir que me meta, pero grandes nomes si que tedes, non en calquera vestiario están Rocky e Rambo…
SR: (risas) En Cabo Verde normalmente teñen sempre o seu nome e máis un apodo. Non sei onde sacaron eles o de Rocky e Rambo pero sempre hai a mítica gracia de que xogamos con grandes actores que foron de películas de acción. Pero chistes á parte, eles o que son é grandes persoas e grandes traballadores alí no campo.
«Hai persoas que poden coller o meu papel sen problema ningún»
Fil: Aínda así, a baixa dun capitán sempre se nota, en que aspectos cres que pode afectarlle ao equipo a túa?
SR: Ninguén é importante. Houbo máis baixas, como por exemplo a do último mes polo tema laboral de Rambo. É un bo xogador, pero fomos marcando goles igual. A miña tamén, vaise cubrir con outra persoa que traballe e entre na dinámica. Como son capitán e xogo de central si que é certo que sempre colocas un pouco máis aos compañeiros e dirixes ao equipo. O meu papel hai persoas que poden collelo sen problema ningún.
Fil: Levas ben iso de ser capitán?
SR: Levo bastantes anos no fútbol e tamén na Candelaria. Cando o deixou Julián collín eu a capitanía. Igual teño moitos defectos porque protesto cos árbitros cando non tiña que dicirlles nada ou berro moito cando non tiña que facelo. Pero creo que fun bo compañeiro nesas funcións e cando houbo problemas estiven aí sempre.
Fil: Novena tempada xa na Candelaria, que significa para ti o equipo da Rúa?
SR: Son de Burela e non te sintes como se xogaras na túa vila. Pero estou moi contento. Á directiva hai que poñerlle un monumento porque fan un traballo moi grande xa que beneficio non sacan ningún e todo é o seu tempo. Síntome como un veciño máis da Rúa e só teño que darlles as grazas por acollerme como o fixeron.
«O público vai ver a quen coñece»
Fil: Chama a atención que a Candelaria siga aí loitando e o equipo do núcleo urbano de Cervo, no que ti xogaches, tivera que desaparecer, como se pode explicar iso?
SR: É moi dfícil aguantar dun club. Creo que fan birguerías para chegar a onde se chega porque axudas hai moi poucas e gastos hai moitos (fichas, material, luz, auga, etc.). Ten que gustarche moito para dedicarlle o tempo que necesita. Entón moitos clubs que non teñen esa dedicación van ir desaparecendo. Creo que moitos clubs da Segunda e da Terceira vano ter moi complicado. As xeracións seguintes non seguen. Hai que darlle unha volta e pensar nestes clubs, en como podemos axudarlle.
Fil: Cal podería ser unha solución?
SR: Por exemplo, aquí facer como na Costa da Morte. Facer unha liga da Mariña para que a poboación da comarca teña un aliciente con derbis e xente coñecida. O público vai ver a quen coñece, non por ver o partido en si. Igual ter un grupo da Mariña é un aliciente bonito. Reestruturar os grupos como fixeron agora podería ser unha alternativa.
Simón Rodríguez en curto:

Un campo da provincia: A Granda porque xogo alí e para min é ideal polas súas dimensións.
Un momento no fútbol: Cando xogaba nos infantís do Burela xogamos a promoción de ascenso á Liga Galega fronte ao Dépor. Sempre che quedan esas lembranzas.
Un compañeiro: Raúl Reigosa que levamos moito tempo xogando xuntos. E dous máis que teño gana de xogar con eles Moras e Manolito. Sempre quedou ese de non poder xogar os tres xuntos. Falamos de que un ano vai ser pero nunca xurdiu a oportunidade.
Un adestrador: Marcoume Ánxel, o que xogou no Burela. En xuvenís fora cedido para o Cervo. Daquela era lateral e pasei a central. Marcoume as directrices de como tiña que xogar.