Foto de portada: Mariluz Fagín
A Terceira Rexional está chegando ao final de temporada e aos equipos penso que aínda non lles chegou a proposta de patrocinio de Citroën. Refírome por iso de que os grupos nos que se dividiu a categoría na 2ª fase se chaman C1, C2, C3 e C4.
Bromas á parte, o único certo é que quedan dúas xornadas e hai catro ascensos en xogo. Vén unha finde por diante que pode ser decisiva en favor do Castro B, do Lemos B ou do Carballedo. Non obstante, noutros casos haberá que esperar ao derradeiro partido.

Isaac Rouco: «O equipo está ilusionado, pero para nada está confiado»

Un dos equipos que está mellor situado para subir de categoría é o Castro B. No grupo C1, o filial conta con catro puntos de marxe sobre o Rioaveso, o seu gran rival ao que derrotou na anterior xornada. Unha vitoria este sábado ás 18:30h na casa ante o Cazás deixaría o ascenso garantido.


Isaac Rouco, adestrador: «O equipo está ilusionado, pero para nada está confiado. Foi moito traballo e os rapaces teñen moita gana de gañar esta finde e certficar o ascenso«
As opcións: «Nisto do fútbol non se pode dicir que algo está feito ata que está, aínda que eu teño moita confianza nos meus xogadores. Pero hai que ter en conta que o Cazás é un equipo moi duro, que nos plantou cara nos tres encontros que levamos xogados con eles esta tempada. Ogallá pechemos o ascenso esta finde, pero con moito respecto ao rival«
Pola súa parte, o Rioaveso esperará un fallo do líder para ter algunha esperanza de cara a última xornada. Esta fin de semana toca derbi vilalbés ante un Nausti en notable melloría.

O adestrador do Machinango, Miguel, sabe que o equipo está doído polas escasas opcións de subir de categoría: «por lesións e algunha que outra cuestión fomos os últimos partidos con xente moi tocada facendo un esforzo sublime todo o equipo. Quédome con que o traballo realizado nos adestramentos puidose ver no campo onde competimos os partidos ata os últimos segundos. A mágoa son as consecuencias porque había equipo para competir polo ascenso«.
As opcións e o reto da Copa para Miguel: «o fútbol dá moitas voltas, pero realmente sabemos que o Castro está moi cerca de conseguilo. Mentres eu estea, non dubides que o meu equipo vai competir ata o último segundo. E quen sabe se daremos algunha que outra sorpresa na Copa…«
David Lorenzo: «Subir é un premio que merece todo o equipo»

O C2 é o grupo con máis igualdade polo ascenso. Hai tres equipos implicados e os duelos directos marcarán sentencia. O Catro Roldas lidera a táboa con dous puntos de marxe sobre a Comercial e catro sobre o Celeiro. Pero o encontro desta finde entre o club de Román e o cadro viveirense podería apertar aínda máis as cousas. Na última xornada haberá un duelo entre o Catro Roldas e a Comercial en territorio vilalbés.
David Lorenzo, preparador do Catro Roldas: «Estamos desfrutando da situación e totalmente convencidos de que somos capaces de competir os dous partidos ante dous grandes rivais. Temos moitas ganas de darlle a nosa afección unha alegría que ten máis ca merecida no último partido na casa»
A presión do ascenso: «Penso que é unha obriga desputalo ata o final. É un premio que merece todo o equipo«

A Comercial xogará esta finde o último partido na casa ante o Friol B. Agarda conseguir os tres puntos para despois xogalo todo no partido da Canteira ante o Catro Roldas.
Para o seu míster, Andrés Rodríguez: «A primeira vista non hai máis opcións que gañar os dous partidos. Se o facemos, estamos en Segunda. Se entramos noutros resultados, xa habería outras contas. Pero nós partimos desa base«.
O ascenso é unha obriga?: «Non sei se obriga é a palabra máis axeitada; ao mellor si. O que penso é que tanto o club como o grupo que temos merece unha categoría superior. A nivel persoal é un desexo por selo primeiro ano que estou metido de cheo nun equipo«.
Pola súa parte, o Celeiro meteuse de cheo na loita co triunfo conseguido na súa casa ante a Comercial. O cadro viveirense non tivo unha gran primeira fase, pero veuse beneficiado no segundo tramo de competición cando os equipos se volveron agrupar con diferenzas mínimas.
O técnico Martín Rodríguez recoñece que «afrontamos o partido co Catro Roldas como unha final. Esperemos que a afección responda como o día da Comercial e nos axude a conseguir os tres puntos«.
A temporada: «Penso que pasaron factura as lesións. Non son de escudarme nesas cousas, pero non resulta fácil cando xente importante se lesiona. Tamén que non daba coa tecla, pero sempre fomos de ir de menos a máis. Creo que non forcei ao equipo en pretemporada polo tema covid e equivoqueime. Valoro moito a fase que estamos facendo porque ninguén contaba con nós. Ten que haber unha milagre, pero nós imos pelexalo ata que os números dean«.
Perry Rivera: «Queríamos ter opcións de ascenso e agora témolo na man»

Na zona sur, no grupo C3, un partido desta finde xógase como se unha final se tratase. O Lemos B é primeiro clasificado cun punto máis ca o Monterroso B. Ambos enfróntanse este sábado ás 19h no Anexo de Cerdeiriños. O cadro lemista sería equipo de Segunda se consegue gañar.
Perry, adestrador do Lemos B: «Afrontamos o partido con moitas ganas e coa idea de gañar. Sabemos que cun empate e gañando na última xornada co Relámpago teríamos ese ascenso feito, pero nos queremos pechalo canto antes. O Monterroso B é un rival complicado, que xa nos puxo as cousas moi difíciles na casa (empate 2-2 na 1ª volta)»
Situación ideal: «De principio queríamos ter esas opcións de ascender e agora témolo na man. É a situación que queríamos e estamos preparados para ela«
O filial monterrosino é consciente de que ten a última baza na súa man para chegar a última xornada dependendo de si mesmos. Para o adestrador Pablo J: «Afrontámolo con moita ilusión e moitas ganas porque a falta de dúas xornadas dependemos de nós. Temos a espiña do partido da primeira fase na que merecemos moito máis«.
Obxectivo: «O fin deste conxunto é formar aos xogadores para o primeiro equipo e crear un bon grupo para competir en todos os partidos. A partir de aí, o que veña é froito do traballo. Creo que fomos merecedores de ter esta oportunidade e vamos pelexala ata o final. Dende aquí desexarlle moita sorte tamen ó noso rival e que gañe o mellor”.
Rodrigo Amarante: «O equipo chega moi ben fisicamente»

No grupo C4, o Carballedo foi o encargado de darlle a volta a clasificación neste segundo tramo de liga. O cadro do Catro Ventos leva unha traxectoria intratable con catro vitorias en catro partidos posible. Conta con todo ao seu favor para ascender e podería facelo nesta xornada. Ten catro puntos de marxe sobre o Sober e cinco sobre o Rubián.
O cadro preparado por Rodrigo Amarante xoga esta finde co Taboada B: «Afrontamos a recta final con moita humildade, ilusión e coa intención de seguir facendo o noso traballo para continuar o camiño ata o obxetivo final».
Chave do bo momento: «Creo que na segunda fase estamos a ser moi sólidos en defensa polo que somos un equipo que concede pouco. Ademais estamos tendo bastante pegada en ataque. Por outra banda, o equipo chega moi ben fisicamente«.
O Sober tentará chegar a última xornada con algunha opción na casa xa que se enfrontará ao Carballedo no que podería ser un duelo directo. Para o técnico Ibán «está claro que non dependemos de nós. Temos que gañar os dous que quedan e que o Carballedo non gañe ante o Taboada B. Mentres matematicamente haxa posibilidades temos que agotalas. O sábado xogan eles antes ca nós e xa imos saber o resultado«.
Valoración da tempada: «Non podo estar máis contento cos xogadores en tema de asistencia aos adestramentos. E iso que nos pasaron miles de percances en canto a lesións, covid, algún accidente ata de coche, motivos persoais,… Non se lles pode pedir máis aos rapaces. Se non ascendemos, estivemos aí ata o final e é o que vale que a xente che demostre o sentimento que ten polo Sober«.
Dende o Rubián son conscientes que as posibilidades de loitar pola primeira praza son mínimas. O adestrador Senén recoñece que o equipo foi de máis a menos ao longo da tempada: «Estar tanto tempo parados xogounos malas pasadas. Todas as fins de semana tivemos xente lesionada e baixas tamén polo covid e iso pagámolo. No cómputo global empezamos mal en Monforte pero fomos collendo ritmo e encadenamos 5 vitorias seguidas sen encaixar goles. Despois volvemos ter altos e baixos. Na primeira fase xogámonos todo en Monterroso e fomos quen de gañarlles. Nesta o Carballedo superounos os dous partidos. Neste último creo que fomos mellores pero eles gañaron«.