#Fútbol afeccionado #Segunda Futgal

Sanci, Xermade, Iberia, Brollón e Ferreira cumpren o 6/6

O San Ciprián, o Xermade e o Iberia, na zona norte, e o Brollón e o Ferreira, no sur, gañaron os dous partidos que van de liga na Segunda Futgal. Sanci e Brollón continúan liderando polo diferencial de goles.

2ª xornada en ‘O Noso 11 A Chaira‘:

  • Líderes por diferenza de goles: Sanci e Brollón
  • Equipos que gañaron todo: Sanci, Xermade, Iberia, Brollón e Ferreira
  • Equipo máis goleador: Brollón (8)
  • Equipos que menos encaixou: Alfoz (0)
  • Equipo que non marcou: Mondoñedo
  • Máximos goleadores (3): Dani Prieto (Iberia), Mujib (Riotorto), Rafa (Ferreira) e Maza (Brollón).
  • Porteiro menos batido (0): Jacobo (Alfoz).

Sanci, Xermade e Iberia na cabeza

O San Ciprián superou ao Mondoñedo (0-2). Vive a súa segunda xornada no primeiro posto da clasificación. Os locais realizaron unha boa posta en escena. Pouco a pouco o Sanci creou dano as costas da defensa. Borja Mella fallou un penalti antes do descanso. 



No ecuador do segundo tempo, foi expulsado Miguel Lorigados. Deonildo e Racha saíron dende o banco e déronlle un plus aos visitantes. Aproveitaron as accións rápidas para levarse os tres puntos. No último tramo, Racha definiu tras un bo pase de Antón dende atrás. Nos últimos intres, Racha repetiu cun bo desmarque, gran control e disparo final.

O Xermade impúxose á Candelaria (2-0). Foi un encontro desputado con poucas ocasións. Os locais puxéronse por diante xusto antes do descanso cun gol de Pedro dentro da área.

Na segunda metade, o Xermade controlou o xogo. Os cambios entraron ben no partido. Marcaron o segundo tanto por medio de Nando tras unha xogada de Álex pola banda esquerda. 

O Iberia gaña enteiros na casa do Riotorto (1-2). Dominio visitante en xeral aínda que Gerardo si levaba perigo nos locais. Dani Prieto marcou un gran gol de falta para adiantar aos seus. Mujib igualou o encontro co seu terceiro tanto do curso.

Na segunda parte, Iván García marcou para poñer novamente por riba ao Iberia. Os pupilos de Moro dispuxeron de máis ocasións, pero bateron con Iliam que realizou unha gran actuación. Con todo, no último tramo o Riotorto puido empatar.



Casás, Pontenova, Alfoz e Cabreiros gañan por primeira vez

O Casás venceu ao Celta Barreiros (5-2) no duelo de ascendidos. Comezou dominando o Celta Barreiros e púxose por diante cun gol de Diego. Con todo, os locais colleron as rendas, comezaron a xerar ocasións e marcaron cinco goles en media hora. Foi unha media hora que non esquecerán no cadro lugués.

Co resultado impoñendo, no segundo tempo os visitantes sacaron a honra. Nico marcou o segundo tanto para maquillar o marcador. 

O Sporting Pontenova levou os tres puntos ante o Guitiriz (1-3). Brayan adiantou aos visitantes e Álex Costea marcou o segundo pouco despois de penalti. Ao comezar o segundo tempo, Adrián puxo o 0-3. Tentárono os locais que lograron marcar un gol. A expulsión do gardamallas Breixo condicionou o tramo final.

O Alfoz continúa coa porta a cero tras gañarlle ao Cospeito (0-2). O cadro visitante marcou os dous goles no primeiro tempo. Os pupilos de Javi Chinchón controlaron o xogo e volveron amosar unha gran tarefa defensiva que lle impediu a un Cospeito en construción marcar gol.

O Cabreiros vence á Piringalla (3-2). Álex López ‘Miñocas’ adiantou aos visitantes á media hora de xogo. Logo, o Cabreiros deulle a volta en poucos minutos. Marcou primeiro por medio de Alberte ao transformar un penalti. Xusto despois do gol, chegou de seguido o segundo a través de Chema.

O segundo acto foi igualado. A Piringalla empatou de novo por medio de Miñocas. Riobó foi expulsado con cartón vermello, pero remataron marcando con outro gol de Chema. Tentouno nos últimos minutos a Piringalla que tamén quedou con 10 sobre o campo. 

Folgueiro: primeiros tres puntos e seis goles

O cadro do Vicedo logrou a goleada da xornada ante o Muimenta (0-6). O Folgueiro marcou dous goles moi cedo. Os locais intentaron presionar ao rival e levaron algo de perigo a balón parado. Con todo, os de Manuel Vicente marcaron o terceiro e levaron o partido ás transicións rápidas coas que acabaron goleando.

O Brollón e o Ferreira no máis alto

O Brollón impuxo a súa lei na casa do San Roque (0-4). Maza marcou dous goles para os visitantes antes do cuarto de hora. O Brollón aínda se permitiu o luxo de fallar un penalti antes do descanso. No segundo acto, o San Roque puidose meter no encontro nunha dobre ocasión na que foi crucial o gardamallas Álex. Logo os visitantes anotaron dous goles máis.

O Ferreira derrotou ao Incio (2-5). Os visitantes puxéronse 0-2 moi cedo. Con todo, víronse sorprendidos pola boa reacción local na segunda metade. O Incio conseguiu igualar. Primeiro con gol de Cepeda e logo de Darwin de penalti. O Ferreira repúxose con tres tantos máis para finalmente gañar.

O Portomarín, o Becerreá, O Páramo e o Rubián empatan

O Portomarín igualou na Reigosa (1-1). O Portomarín é 3º con catro puntos logo de xogar co Friol que sumou o primeiro punto do curso. Os locais puxéronse por diante. Tiveron algunha opción para ampliar a renda. No último tramo, o Friol apertou e logrou o empate nunha xogada envolta na polémica.

O Becerreá empatou en Palas (1-1). Partido pechado nos Chacotes. O balón parado foi decisivo. De falta, adiantou Kevin ao Becerreá. De falta tamén Tenerife empatou para os locais.

O Páramo e o Santa Comba equilibran o duelo de ascendidos (1-1). Encontro igualado e con poucas ocasións. Adiantouse na segunda parte O Páramo cun gran gol de Antón. Reaccionou o Santa Comba para levar un punto.

O Rubián e o Paradela empataron e seguen sen perder (0-0). Partido desputado e tamén con escasas opcións de gol. Ninguén marcou nun duelo que se enfrascou aínda máis nun segundo tempo con moito xogo parado e varias protestas. O punto permítelles a ambos non coñecer a derrota nas dúas primeiras xornadas.

O Antas logra a primeira vitoria

Os pupilos de Hugo Vázquez derrotaron ao Chantada B (1-0). Foi unha primeira parte frouxa e moi igualada. No segundo tempo, o Antas saíu mellor. Marcaron e puideron anotar o segundo. No tramo final foi un partido directo onde puido caer un gol para calquera equipo. Kevin tivo unha boa actuación nos locais.

Primeiro punto do Quiroga e do Lemos B

O Quiroga e o Lemos B empataron (1-1).

O Quiroga e o Lemos B empataron (1-1). Foi o cadro lemista o que se adiantou ao comezo. O xogo continou igualado e Cañero avisou cunha ocasión antes do descanso. A volta dos vestiarios non perdoou e marcou o tanto do empate. Puido marcar o segundo o conxunto local pero non atinou. Logo quedaron cun menos por expulsión de Jato e foi o o Lemos B quen puido levar os tres puntos.

    Dejar un comentario

    Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *