Deu comezo a Terceira Futgal e con ela chega o Tres en Raia En Boas Mans. Arrancou a competición con dous líderes sorprendentes vistas as prestacións na pasada campaña de ámbolos dous conxuntos. No grupo norte o Matela goleou na casa á Comercial e comeza a liga no máis alto. O Goiriz sacou o encontro como local fronte ao Roupar, mentres que Castroverde e Cazás obtiveron os tres puntos a domicilio. O Rioaveso descansou, mentres que o encontro entre o Abadín e o Celeiro foi adiado.
No grupo sur, o Monterroso B goleou no campo do Corgo e ocupa a primeira praza. Carballedo e Taboada B colideran a tabla tras gañar a Relámpago Taboada e Bóveda respectivamente, xunto co Sporting Lucense, que derrotou pola mínima á Sarriana B. Nesta primeira xornada o Río Sil descansou e o encontro entre Chantada Atlético B e Sober será disputado o día 7 de decembro ás 17 horas.
grupo norte
O Matela comeza no máis alta tras golear á Comercial (5-2). Non comezou ben o conxunto local. Boti marcou en propia porta e Simao igualou a contenda nunha acción protestada pola Comercial ao considerar que existiu falta ao porteiro. Ra puxo de novo en vantaxe aos visitantes antes do descanso e Torito desperdiciou unha pena máxima para ampliar diferencias. Cuchy fixo trocos para a segunda metade e o Matela mellorou notablemente. Ramos e Porto déronlle a volta ao marcador en só dous minutos e nos últimos intres Simao con dous novos tantos completou o seu hat-trick.
O Castroverde castiga a falta de profundidade do Friol B (1-3). O filial tivo máis posesión de balón, pero sen chegar con claridade á portería rival. No primeiro tempo presenciáronse poucas ocasións sobre o céspede da Reigosa. Borja abriu o marcador antes do intermedio para o Castroverde, e na segunda metade os visitantes chegaron con certo perigo antes de que Gelo fixera o segundo tras superar ao porterio no man a man. O xove Iván aproveitou un erro na saída de balón para apretar o marcador. Os de Bruno Castro volcáronse na procura do empate e o Castroverde aproveitou os espazos para sentenciar por medio de Borja.


O Goiriz vence no Ventiño a un rexuvenecido Roupar (2-0). Saiu mellor ao campo o cadro visitante. O novo Roupar de Ángel Pena foi protagonista sobre todo na primeira media hora de xogo e contou con dous man a man para poñerse por diante. O Goiriz mellorou co paso dos minutos e adiantouse nunha xogada a balón parado que rematou Canario ao fondo da portería. Na segunda metade notouse a veteranía e o maior fondo físico do Goiriz. O Roupar arriscou na procura do empate e o gardameta Anxo mantivo no encontro aos xermadinos. A falta dun cuarto de hora para o final Jose deixou o encontro visto para sentencia ao resolver outra acción a balón parado.
O Cazás vence con solvencia no campo do Catro Roldas (0-2). Os de Suso Coto pagaron a falta de experiencia e acusaron varias ausencias importantes. A lesión de David Orosa nada máis comezar trastocou os plans do adestrador que tivo que recompoñer a súa liña defensiva. O Cazás fíxose co control do partido e contou con varias ocasións antes de que Héctor, á media hora de xogo, marcara dunha boa volea. Na segunda metade o Catro Roldas estivo mellor colocado e foi quen de chegar á área rival. Os visitantes non sentenciaron ata o minuto 87, cun bo gol de Lois en xogada individual.


grupo sur
O Monterroso B vence no Corgo ao ritmo de Yoni (2-5). Comezou mellor o Corgo ante un filial monterrosino moi nervioso e Brais adiantou aos de Abel Rochela aos catro minutos de partido. Os visitantes foron collendo o temón do encontro de xeito paulatino ata que Carlos logrou o tanto do empate. Os de Pampín contaron con ocasións para marchar ao descanso en vantaxe, pero non estiveron atinados. Tras o paso por vestiarios o Monterroso B saiu de xeito fulgurante e en sete minutos acadou tres goles, dous deles de Yoni e un de Toni. A falta dun cuarto de hora para o final Yoni sentenciou co seu terceiro tanto, quinto do equipo. Un auténtico golazo desde longa distancia. No desconto, Coto maquillou o marcador para o Corgo desde o punto de penalti.
O Carballedo vence ao Relámpago Taboada cun Moncho inspirado tras pasar pola vicaría (4-2). Retornou á Terceira Futgal o Carballedo e fíxoo con vitoria. Os de Adrián Pateiro comezaron mellor e Moncho, que viña de casarse o día anterior, abriu o marcador ao rematar unha falta lateral. Pouco despois, o propio Moncho asistiu para que Cheij fixera o segundo. O Relámpago quedou con dez por expulsión do seu gardameta ao tocar o balón fóra da área e o Carballedo aproveitouno para facer o terceiro, obra de Doval, desde preto do medio campo. No segundo tempo, o cadro local saiu relaxado e o Relámpago gozou dos seus mellores minutos. Moure e Ezzahir apretaron o marcador e mesmo tiveron opcións de igualar o partido. Pero era o día de Moncho. E a falta de vinte minutos sentenciou tras unha boa xogada indiviudal. Nos últimos intres o Carballedo contou con boas ocasións para marcar máis goles.
Un Taboada B máis atinado venceu ao Bóveda (2-0). Encontro moi parello en ámbalas dúas metades. O filial estivo mellor nas áreas e logrou tres puntos para comezar a temporada. Álex Pita abriu o marcador nun primeiro tempo no que os de Elcoso tamén contaron con boas opcións para marcar. No segundo, Iván deixou o encontro visto para sentencia. O Bóveda buscou o gol ata o final, pero non estivo atinado diante dun inspirado Eloy.
O Sporting Lucense aproveita os erros da Sarriana B e comeza con vitoria (1-2). Primeira metade de moitas imprecisións por parte do equipo local. Os de Raúl tiveron unha boa oportunidade por medio de Rubén, pero dous erros na saída de balón aproveitounos Zoum para poñer en clara vantaxe a un Sporting Lucense que soubo resolver a súa escaseza de efectivos. O cadro capitalino contou con ocasións para deixar o encontro resolto na primeira parte. Tras o paso por vestiarios o filial sarriao trocou de sistema e os xogadores de refresco provocaron chegadas con claridade á área rival. O bigoleador Zoum viu o segundo cartón amarelo e a Sarriana B gozou dos mellores minutos. Rubén recurtou diferencias a pase de Brais e contaron con ocasións para acadar o empate, pero a inspiración do gardameta Jean impediuno.
Foto de portada: Facebook Veteranos Futgal Grupo Lugo Provincial.
