É o gardameta do moda no noso fútbol. O futbolista do Lemos e dúas veces All Star Futbolinlugo Pablo Losada Gutiérrez (Monforte, 07/02/2001) sumou ás súas habilidades baixo paos outra faceta máis: a de goleador. No desconto do encontro fronte ao Ordes disputado na Pinguela, o porteiro anotou cun bo testarazo o gol do empate para os monfortinos.
Pasou polos micrófonos do Ser Deportivos Lugo e falou co presentador do espazo Álex Gato e con Diego Díaz, redactor de Futbolinlugo.
Aquí podes escoitar a entrevista completa, que a resumimos nas seguintes liñas.
O gol. «No minuto 90 dixéronme que era mellor agardar para que subira rematar, pero no 92 xa subín sen pedir permiso e rematei fóra. Na última acción do partido, xa no minuto 95 volvín rematar e desta vez foi dentro«.


O comezo de temporada do Lemos. «Creo que é un bo comezo. Perdemos no primeiro encontro na Pinguela co Sigüeiro, un equipo que creo que vai estar pelexando polo ascenso, con dous goles de falta e un de penalti. Logo fomos ao difícil campo do Sofán e fomos quen de gañar. Nesta xornada, nun encontro que tiñamos marcado coa X no calendario ao enfrontarnos a un equipo que estará pelexando por evitar o descenso salvamos un punto á heroica«.
Obxectivos. «Desde o club o que se nos esixe é a permanencia. Nós no vestiario marcámonos salvarnos con tranquilidade e non ter que sufrir no último tramo ligueiro. Nesta categoría, si estás nunha zona cómoda é doado que podas mirar cara arriba. Creo que estará todo bastante comprimido«.
A implicación da base. «O Lemos debe estar nutrido cun 50 ou 60 por cento de xogadores de Monforte. Se non é así é difícil que o equipo subsista«.

A non retirada de Varela. «No primeiro adestramento meu co Lemos fai cinco temporadas xa se arrepentira de ter renovado (risas). Xa fixo a entrevista con vós para obrigarse a parar, pero eu creo que aínda tirará un ano máis«.
Obediencia ou desobediencia. «Sería unha indisciplina se a primeira vez que pido permiso para subir rematar o fixera, xa que desde o banquiño non me deron permiso. Logo xa non preguntei, pero estou seguro de que se o fixera daríanme permiso«.