Rubén Pena: “Non hai Preferente ningunha; eu vou para Xermade”

Tanta facilidade para marcar goles, como sentimento para manterse afín a unhas cores. Rubén Pena López (Xermade, 27-03-1977) iniciouse no fútbol no colexio, coma tantos outros pícar@s. No Monte Caxado das Pontes formouse un grupo de rapaces que pasarían do fútbol sala ao fútbol campo. Arriba había un equipo que daba que falar en toda España competindo na Segunda B. Foron épocas de bonanza que xa os máis novos non recordamos. A enerxía foi a menos e ao noso protagonista colleuno na transición. Chegou a debutar na Terceira Galega, pero o seu futuro pasaba por ser capitán dun pobo. No Xermade pasou medio século de vida. De máximo goleador a central. E debeu ser para evitar que o puxesen de porteiro, que decidiu parar. Na temporada pasada colgou as botas e nós tiñamos unha débeda pendente con el. A espiña cravada das catro finais de Copa Deputación perdidas. A satisfacción de dalo sempre todo sobre a herba.

Futbolinlugo: Bótase de menos o fútbol?

Rubén Pena: Moito. Desde os 8 anos que comecei no equipo do colexio nas Pontes ao fútbol sala… Agora con dous fillos dedícaste a outras cousas. Pero o gusanillo ese das fins de semana non se me vai da cabeza.

Fil: Ti chegaches a xogar en Terceira…

RP: Debutei nun derbi entre o Endesa e o Xove Lago no campo do Xove. Pero foi nunha segunda etapa. Eu con 17 anos funme do Endesa. Fixeran dous equipos de xuvenís; A e B. A min sentárame moi mal que me meteran no B. Collín e funme. Daquela meu irmao e os meus amigos estaban en Xermade e fun para alí. Fixen dúas ou tres campañas nas que destaquei bastante en número de goles e volvéronme chamar das Pontes.

“Milo Abelleira foi o mellor adestrador que tiven”

Nunca puido levantar un título de Copa, pero si o de Liga. Co Xermade conseguiu 4 ascensos e unha permanencia en Primeira

Fil: Aí si que debutas…

RP: Na temporada 2000/2001 con Milo Abelleira. O mellor adestrador que tiven. Non porque fora o que foi el en Terceira; senon polo que me ensinou e polo que mirou por min. Por un chaval que viña de Xermade. Aquel home chegou alí cobrando unha pasta como adestrador. De feito, o ano seguinte foise. Chegou a un equipo no que de figuras solo quedaban Lemos (o actual adestrador do Bergantiños) e Ramiro. A empresa daquela empezou a baixar pasta, o equipo acababa de descender,…contabamos con ser un equipo que loitase pola permanencia e chegamos case a volver xogar o play off á Segunda B.

Fil: E ti daquela eras un dianteiro goleador…

RP: Eu sempre xoguei diante. Coa idade e por necesidades do equipo en Xermade fun pasando ao medio campo. Pero eu sempre fun dianteiro. Tiña unha cousa moi boa. Velocidade non, pero dáballe cos dous pés e ía moi ben de cabeza. Nesas categorías tes moito ganado. Podía botar 90 minutos sen tocar un balón e chegaba unha e…pumba!. Iso era o que valía (risas).

Fil: E despois daquel ano na Terceira xa volviches para o Xermade. Por que?

RP: Marchou Milo e chegou Víctor Basadre. A maneira que tiña el de ver o fútbol era distinta a como a vía eu. Non miraba moito pola canteira e ía máis a base de fichaxes del; que é entendible. Entón eu díxenlle ao presidente Dasilva que marchaba. El comentoume que non me preocupase que había varios equipos que chamaran preguntando por min como o Laracha ou o Betanzos que estaban en Preferente.

“Non me arrepinto, sempre xoguei onde quixen”

Un goleador de área. O seu récord está en 31 goles na Segunda Rexional. E sendo suplente os últimos 6 partidos de liga

Fil: E que lle dixeches?

RP: Díxenlle: “non hai Preferente ningunha; eu vou pa Xermade”. Púxose tolo. Que para onde ía con 21 anos que aínda podía gañar algún carto… Pero eu volvía xogar o fútbol para desfrutar. Si que agora digo que igual se chegara a xogar varias temporadas en Preferente tiña a opción de volver á Terceira. Pero non me arrepinto, sempre xoguei onde quixen.

Fil: Que foi o que te fixo volver ao Xermade?

RP: Estaba meu irmao e meu pai na directiva. E tiña a todos os amigos da infancia alí. Saiamos xuntos as findes. Fun simplemente polo grupo de xente.

Fil: Daquela o Xermade estaba en Segunda Rexional…

RP: O ano seguinte ascendemos. Foi o primeiro ascenso. Con Paco de adestrador. Das veces que ascendimos era o peor equipo con diferenza. Pero era tanta a unión que tiñamos por fóra que se trasladou tamén ao campo. Aquel ano creo que non estabamos nin nos seis mellores conxuntos da categoría. De feito, viuse que en Primeira foi un desastre. Faltando sete xornadas xa estabamos descendidos. E aínda así, fun o segundo máximo goleador por detrás do Sergio Arias que estaba no Monterroso.

Fil: Houbo algunha opción de volverse mover de equipo?

RP: Tiven unha e nunca o dixen. Só o saben meu pai, meu irmao e eu. O ano do ascenso con Felipe Mieres fixeramos un temporadón. Marcara 31 goles en 30 partidos. E os seis útimos deixárame no banco (risas). Daquela chamoume Molo para o Viveiro en Preferente. Para levarme a min e a Fontao que está agora de adestrador no Mugardos. Houbo esa opción. Con 35 anos. Pero dixen que non.

“En Xermade só che deixaban xogar se petencías ao concello”

Fil: Con que te quedas de toda a túa traxectoria?

RP: A nivel deportivo o equipo que houbo con Felipe Mieres. Era superior ao resto. Se cando fomos a Primeira o equipo non se chega a desfacer, pelexariamos por ascender incluso de Primeira. Gañámoslle a Sarriana na Ribela e na casa, ao Lemos na Pinguela,… Eramos un equipo con xente veterana que se xuntou.

Sempre quixen xogar en Xermade. Que mira que non é un sitio de arraigo futbolístico. Tes aquí Santaballa que vas ao campo e dá gusto. Ti vas a Xermade e hai a xente de sempre. Cando eu empecei a xogar con 17 anos era curioso. En Xermade só che deixaban xogar se pertencías ao concello. Daquela o alcalde Manuel González dicía que tiñas que ser nacido no concello de Xermade. Había trinta e dúas fichas de trinta e dúas persoas de Xermade. Despois houbo que abrir o abano.

Fil: A día de hoxe sería imposible…

RP: Inviable totalmente. Aínda que rexuntaras aos de Xermade, Cabreiros e Roupar. Non tes xente de idade de xogar nacidos no concello. A proba está en Momán. Que ten equipo de veteráns e non de sénior.

Fil: E como levaches ese cambio de posición no terreo de xogo?

RP: Antes xogábase moito fútbol directo. Como para arriba sempre adoitaba haber xente, fun retrasando un pouco a posición. Ata que xa no último ano de Carlos como adestrador baixei e con Rebolo xoguei sempre de 6 por diante da defensa.

Fil: Por que decides parar?

RP: Polo tema físico non. Chega un momento que te ves cunha idade ao lado de xogadores que podían ser teus fillos e dis “ata aquí” (risas). A xente coa que tiña máis afinidade levan anos retirados e eu estaba xogando con chavales de vinte e pico anos. Non tiña sentido.

Fil: Temos unha pregunta para ti do teu compañeiro Fran García: Despois de estar marcando goles toda a vida é certo que te decidiches retirar o día que te viches xogando de central no derbi en Cabreiros?

RP: Foi un dos días si (risas). Xa estaba tomada. Pero aquel día por falta de xente Rebolo dixo se podía xogar central… Paseino mal. Ademais perderamos 3-1 ou así.

“O fútbol afeccionado ten data de caducidade”

Escucha “O soño de Rubén Pena” en Spreaker.

Fil: Como ves o fútbol afeccionado?

RP: Vexo que ten data de caducidade. Creo que non tardará moito tempo en que varios equipos desaparezan. A xente cambiou. Non é coma antes. Ti tiñas un xogador de Xermade e aínda que, por exemplo, viñera o Cabreiros ou o Roupar nunca irían xogar alí polo tema do orgullo. Hoxe venche un grupo de 3 ou 4 chavales e un ano xogan en Xermade, outro van para Cabreiros… Non hai o arraigo que había antes. Agora algún xogador se bota tres ou catro partidos sen xogar xa non che volve. Na miña época iso non pasaba. A xente comprometíase un ano e ata que se acababa. Se non xogaba a final de ano xa decidiría para onde ía. Dálles igual. A xente non é nada comprometida. O compromiso non é chegar e dicir vou adestrar. O compromiso é cando as cousas van ben todos unidos. E cando van mal, máis unidade aínda. A sociedade en si cambiou tamén. Todo o mundo quere xogar saíndo ao fútbol de Guardiola.

Fil: Fixo moito dano a televisión?

RP: A televisión fixo un dano moi grande. E nestas categorías Guardiola tamén (risas).

Fil: Segues pendente do Xermade?

RP: Si. Os partidos que lles fun ver vinos moi ben. A súa categoría por excelencia é a Segunda. Loxicamente cando compites falo por un obxectivo. E ten que ser quedar de primeiro ou gañar. Senon non tería sentido isto. Pero a día de hoxe a categoría é a Segunda.

Fil: Seguirás ligado dende dentro ao fútbol?

RP: Nun futuro inmediato non. Sempre digo que me gustaría adestrar, pero nunca se sabe.

RUBÉN PENA EN CURTO…

Durante seis temporadas Rubén Pena foi o máximo goleador do grupo norte da Segunda Rexional. A media sempre superou aos 20 goles

Campo da provincia: se me teño que quedar cun, o Municipal de Xermade. Pero un campo no que sempre me gustou xogar foi o Acebreiro da Pastoriza.

Adestrador: sería inxusto dicir un nome, pero xa o comentei antes. Tiven 14 adestradores e de todos aprendín algo. Pero o que máis me marcou foi Milo Abelleira. No amplo sentido da palabra.

Un xogador: non sabería dicir un. Tamén sería inxusto. Se falamos de Xermade, por exemplo: Vilaboy, Fontao, Filgui e tamén Dani Bossa que veu con 40 anos a Xermade e deu unhas leccións de fútbol. Un tío que puido xogar en Primeira e veu a un equipo de Rexional con 40 anos… Impresionoume moito.

Imagen por defecto
Redacción Futbolinlugo
Artículos: 273

Deja un comentario