Neste mes de maio de moitas ledicias e algunha decepción deportiva, a realidade fíxonos outra vez relativizar os nosos pequenos males cotiáns. Tristemente, hai uns días, perdemos a Xoel Pena, futbolista pontés falecido nun accidente laboral con 24 anos.
Nun momento no que as palabras non saen e as bágoas inundan o pensamento, os seus amigos e compañeiros quixeron dedicarlle unha pequena homenaxe. Por iso, nas seguintes liñas, persoas coas que Xoel levaba brincando dende cativo, lembran diferentes vivencias con el, sempre co fútbol coma fío condutor.
De pouco ou nada vale ser mellor futbolista, se un non demostra o seu talento para ser un bo compañeiro. Xoel posuía esas cualidades, de aí que conserve os amigos cos que comezou dándolle patadas a un balón no colexio e tamén na base do CD As Pontes, club do que formou parte ata finalizar a idade xuvenil.

A conexión As Pontes – Xermade é ben coñecida na contorna, a pesar de falar de dous concellos pertencentes a distintas provincias. Os vínculos transcenden ao social e, por suposto, ao fútbol. Nos últimos anos, numerosos xogadores ponteses recalaron nas filas de equipos coma o Xermade, o Cabreiros ou o Roupar.

Este foi o caso de Xoel, que xunto con varios amigos, fichou polo cadro verde na temporada 2021/2022, a posterior á covid, cando o equipo competía en Segunda Futgal. Unha lesión grave de xeonllo impediulle consolidarse no conxunto coma futbolista, pero seguiu apoiando aos seus compañeiros dende fóra. Foi un máis do Kolectivo Roupar, grupo de animación que se constituíu na bancada do Novo.
Na campaña 2024/2025 Xoel puido retomar a súa actividade futbolística. Foi o seu curso máis importante e convertiuse practicamente nun fixo nos onces titulares do Roupar. Marcou dous goles, o primeiro ante o Friol B (4-1), para goce dos seus amigos na bancada ante un tanto moi desexado por Xoel e os seus. Á celebración dese gol corresponde a imaxe de portada, da autoría do SDC Roupar, na que Xan e Xavier o felicitan.
Unha nova lesión no xeonllo impediulle continuar coa súa progresión. Seguía pendente do fútbol, coa intención de poder volver xogar se o seu corpo llo permitía, á par que continuaba coa súa formación profesional.
Estas e as seguintes palabras non teñen máis pretensión ca resaltar o respecto dos seus por Xoel. Sirva este pequeno recoñecemento para constatar que o fútbol une, forma persoas e xera uns lazos irrompibles, pase o que pase. Que a terra che sexa leve, Xoel. Moito ánimo para a túa familia e amigos, que nunca se esquecerán destes momentos vividos.

Santiago Morales Ferreiro ‘Santi’, amigo e compañeiro de Xoel dende o prebenxamín do CD As Pontes ata o xuvenil
«Xogabamos en infantís e estabamos no banco Juan, Xoel e eu. O noso adestrador era Marco Roca. Estabamos facendo cousas de nenos, de todo menos atendendo ao partido. A cuestión foi que Marco preguntounos a min e a Xoel cal era o resultado. Mirámonos e intentamos buscarlle solución. Había un xogador do Val pegado á banda e preguntámoslle. Díxonos un marcador e respondimos esa difícil pregunta. Lamentablemente, o compañeiro tampouco coñecía o resultado do encontro, e nós quedamos castigados. Sorte que ese día estaba próximo ao Nadal e Marco, como regalo, deixounos xogar uns minutos”.
Antonio Silvén Ramos ‘Nono’, amigo e compañeiro de Xoel dende o prebenxamín do CD As Pontes ata o xuvenil
“Estabamos xogando en Santa Mariña do Monte, campo do Meirás. Era un día de choiva e o campo estaba cheo de lama. Todos estabamos cheos de merda, excepto un. Xoel estaba coa roupa coma se estivese recén saída da lavadora e as botas enceradas. Non lle facía falta mancharse para dar un pase e deixar ao dianteiro só contra o porteiro. O xogador máis elegante co que compartín campo”.
Juan Bellas Díaz, amigo e compañeiro de Xoel dende o prebenxamín do CD As Pontes ata o xuvenil e no SDC Roupar
«Eu comecei a xogar ao fútbol un ano despois ca Xoel. El xa era o veterán do equipo aínda estando en prebenxamíns. Esa veteranía servíalle para ser o responsable de executar todos os tiros libres. Xoel era o único que sabía levantar o balón do chan, polo que cada falta era sinónimo de gol. Todos os rivais quedaban de pedra, non podían comprender como ese rapaz lograba pasar o balón por riba da barreira e, consecuentemente, que acabase sempre dentro da portería”.
Mohamed Jeddaoui Jaaouani ‘Moha’, amigo e compañeiro de Xoel dende infantís do CD As Pontes ata o xuvenil e no SDC Roupar
«Xoel era pillo ata para quecer. Normalmente ao comezar o adestramento, sempre tíñamos que dar voltas ao redor do campo ou, ás veces, tiñamos que realizar exercicios de fondo e físico nos que tamén había que poñerse a trotar. Xoel non levaba moi ben esa parte, nin no adestramento nin no partido, pero nunca lle fixo falta correr para xogar. Cando todos estabamos seguindo as delimitacións do campo, pegados á liña, Xoel, pouco a pouco, ía acurtando os límites ata trazar un círculo que se facía recto nos tramos nos que estaba o adestrador mirando”.
Xan Paz Guerreiro, amigo e compañeiro de Xoel dende benxamíns do CD As Pontes ata o xuvenil e no SDC Roupar, e Xavier Gabeiras Formoso, amigo e compañeiro de Xoel dende benxamíns do CD As Pontes ata o xuvenil e no SDC Roupar
«Xoel e nós compartimos inicial no nome. No Roupar estabamos xogando os tres no medio do campo, formando un tridente, pero pouco adiantado. Medramos cos tridentes da BBC e a MSN. Nós, xa dende nenos, éramos a triple X (XXX). Xogamos toda a vida xuntos, cando non era na rúa, nos campos do As Pontes ou no patio do colexio. Sempre foi o mellor dos tres.
En Roupar, dende o comezo da tempada, sempre antes de cada partido, prometíanos un gol que se demorou até a décima ou undécima xornada. Nunca fomos moi goleadores pola nosa posición, pero ese día no Novo de Roupar, Xoel mandou un pase á rede e celebrámolo os tres ao puro estilo Messi, Suárez e Neymar, cos nosos amigos do Kolectivo que estaban na bancada. Temos gravado ese momento en vídeo e iso quedará connosco para sempre”.

