O Racing Villalbés no Vero Boquete

Rematou a aventura do Racing Villalbés

A aventura do Racing Villalbés pola promoción de ascenso á Segunda RFEF rematou despois de caer por 6-1 ante o Compostela nun encontro onde os de Secho foron dominadores de principio a fin. Pese a que o final non puido ser bonito, o traxecto foi máis que fermoso. No debut de Juan Rodríguez na Terceira RFEF como primeiro adestrador, liderou a un equipo no que, pese a ter baixas importantes, o núcleo duro rendiu mellor que nunca. Os Santomé, Make, irmáns Varela, Buyo, Vérez e López lideraron a un equipo no que emerxeron novos nomes como Pablo Trigo, Manu Mosquera, Herrero ou Santi Prado.

O play off do Racing Villalbés rematou en Compostela

O Compostela dominou de principio a fin para vencer por 6-1 ao Racing Villalbés. Os de Secho foron en tromba a polo partido e lograron abrir o marcador no minuto 5 cun tanto do canteirán do Lugo Maceira. Os chairegos terían que seguir sufrindo e Armental puxo o segundo no minuto 20, o que xa poñía a remontada como unha misión moi complicada. Máis sería antes do descanso cando a mala fortuna se cobraría unha vitima no Racing Villalbés en forma de gol en propia porta.

A Juan Rodríguez tocoulle axitar a árbore para que os chairegos puidesen dar guerra e intentar igualar a eliminatoria e, en primeira instancia, os trocos tiveron éxito, xa que Anthony puido batir a Cobo e reducir as distancias. Os chairegos tiñan máis esperanza e fe que nunca, pero o Compostela tiña máis espazos para correr que en toda a eliminatoria. Os seus dianteiros aproveitaron esa condición e Antón Guisande, Maceira e Charly rematarían poñendo o resultado final.

Unha tempada a valorar moi positivamente

Pese a que non tivo un final bonito ao caer de forma contundente, a tempada do conxunto chairego é digna de mencionar. Cun dos cadros de xogadores máis curtos de toda a división, estiveron a maior parte da tempada nos postos de promoción de ascenso cando o primeiro obxectivo era acadar a permanencia. De feito, nin o Compostela nin o Arosa foron capaces de vencer na competición regular aos chairegos, o que é só un exemplo dunha tempada de sobresaínte para os de Juan Rodríguez.

Aínda falta o Lemos

Pero o fútbol do Trío de Ases non remata aquí porque aínda falta o Lemos na loita por conseguir subir á Terceira RFEF. A eliminatoria ante o Negreira comezará esta fin de semana. É un encontro de gran magnitude polos dous equipos que se enfrontan. Os monfortinos chegan despois dun final de liga a un ritmo vertixinoso, mentres que o Negreira non tivo a segunda volta que esperaban, perdendo o título polo camiño. Iso sí, esta fin de semana acadaron a Copa do Sar despois de vencer ao Arzúa

O encontro ten máis alicientes que o propio ascenso, pero sobre todo hai un que destaca. Mediranse os máximos goleadores de cada un dos grupos da Preferente. Alberto Freire conseguiu 23 goles para gañar o pichichi no norte, mentres que Fito ‘Imperiale’ sumou a mesma cantidade para levar o galardon no sur. Dous equipos con grandes xogadores nos seus cadros e que prometen dous partidos fermosos para o final da tempada e buscando ter dúas semanas máis de tempada para medirse ao Órdenes ou ao Portonovo.

Foto do Instagram do Racing Villalbés.