Robero Varela foi un dos protagonistas da pasada xornada na provincia. Roberto Varela foi un dos líderes da vitoria do Club Lemos ante o Dubra. Un triunfo importante ante un rival directo. O Lemos quedaba con catro puntos de marxe sobre o descenso e tres equipos polo medio.
A salvación do Club Lemos neste curso será o último obxectivo deportivo de Varela como futbolista. O capitán monfortino pasou, da man de Futbolinlugo, pola sintonía do Ser Deportivos Lugo. Anunciou a súa retirada ao final desta campaña.
Roberto Varela é un dos futbolistas de referencia na zona sur da provincia. Nos próximos días fará 38 anos e leva percorridos centos de campos na Preferente e na Primeira Galicia.
Quiroga, Bóveda ou Escairón foron algúns dos equipos de Roberto Varela. Pero, sobre todo, o Lemos. En diferentes etapas acumula máis de dez temporadas vestindo as cores do conxunto da súa vila.


Varela coñece en profundidade o club. A súa experiencia permítelle ser unha voz autorizada sobre o momento que vive a entidade. Está sendo unha tempada complicada. O capitán recoñece problemas internos. Na primeira volta produciuse a saída do adestrador Moure e, dende aquela, Juanlu Bernal asume os mandos.
Roberto Varela tamén se amosa crítico coa canteira. Cre que, para un conxunto como o Lemos, é vital contar con xogadores da casa, pero admite que agora mesmo non están saíndo eses futbolistas.
Quedan oito partidos na Preferente Norte. Catro deles serán na casa. Este domingo ás 18:00h na Pinguela, o Lemos recibe ao San Tirso, rival da zona nobre da clasificación. Logo visitará ao Miño e recibirá ao Victoria da Coruña; antes de visitar ao líder Noia que podería estar a piques de certificar o seu ascenso.

As palabras de Roberto Varela
O redactor de Futbolinlugo, Marcos Fernández e o presentador do Ser Deportivos Lugo, Álex Gato conversaron con Roberto Varela sobre a situación do Lemos. A continuación, deixamos o audio no que se pode escoitar a nosa participación.
Nas seguintes liñas resumimos as palabras de Roberto Varela.
O encontro co Dubra: «Fomos con moitas urxencias. O equipo saíu moi concentrado desde o primeiro minuto. Fomos un bloque defensivo moi bo. Fixemos un partido practicamente perfecto. Só o único erro defensivo que tivemos costounos o gol local. O Lemos deu a cara, competiu moi ben e trouxemos os tres puntos que era o que queríamos».


Cuarto equipo que menos encontros perde: «Pola experiencia que teño, este equipo penso que tiña que estar entre os seis primeiros. Non digo loitar polo ascenso, pero si estar moito máis lonxe da zona de perigo. Levamos un ano con lesións, problemas internos, foise Moure,.. non damos collido unha semana tranquila de adestramentos; sempre hai cositas. Así estamos onde estamos. É complicado explicalo, pero hai que aceptar a realidade como vén. Toca seguir remando e evitar o descenso porque baixar a Primeira para este club sería moi negativo».
Oito encontros para o final: «Agardo un final de liga moi axustado. Vennos o San Tirso este domingo e xa temos bastantes baixas. Despois imos recibir na casa o As Pontes e ao Vitoria. Se sacamos eses tres encontros si que practicamente o teriamos que ter feito.«
O club debe aspirar por ascender a curto – medio prazo?: «A categoría do Lemos, por instalacións e historia, debe ser a Terceira. Pero porque a historia diga que teña que estar en Terceira, iso non vale para nada. Hai que sentar unhas bases. Sobre todo a canteira do Calasancio ten que empurrar moito máis. Penso que o problema que ten o Lemos a día de hoxe é que a canteira é un pouco floxa. Non sae xente nova con peso. Eu con 38 anos xa non tiña que estar no Lemos. Economicamente o club non é o máis poderoso da zona. Entón ten que acompañar a canteira e acertar nas fichaxes e darse o ano bo. A ver se no futuro próximo poden darse as circunstancias».

Queda capitán do Lemos aínda?: «Non, este ano xa me retiro. Xa levo dicindo varios anos que era o último, pero este é definitivo. Teño dous fillos pequenos e as findes apetéceme disfrutar deles e facer outro tipo de cousas. Irei á Pinguela como un afeccionado máis do Lemos. O fútbol deume moito na vida. Estou eternamente agradecido. Pero o deste ano xa o teño moi pensado.»
Mensaxe para os rapaces da canteira: «Que volvan ter ilusión como tiña eu cando era xuvenil. Para min xogar no Lemos era o máximo como xogador de Monforte. Agora parece que aos rapaces iso lles dá un pouco igual. Non sei se o problema é deles ou tamén dos adestradores da base que non teñen o peso e o coñecemento para sacar pequenos. Penso que será un pouco todo. Baixou moito o nivel das categorías en xeral».
