#Fútbol afeccionado #Preferente Futgal #Terceira RFEF

A Sarriana vece na Lomba cun tanto de Diego Rey

O Trío de Ases O Cantón desta xornada déixanos a derrota do Racing Vilalbés en Segunda RFEF. Foi no campo da Ximnástrica Torrelavega, rival directo pola permanencia. Na Terceira RFEF a boa nova protagonizouna a Sarriana que foi quen de vencer no campo do Arousa cun tanto nos últimos intres de encontro. O Polvorín perdeu na súa visita ao Alondras, mentras que o Viveiro cedeu tras adiantarse no marcador co Gran Peña. Na Preferente só o Castro foi quen de puntuar, e fíxoo diante do Noia, líder da categoría. Ribadeo, Lemos e Residencia caeron como locais fronte a Sofán, San Tirso e Miño, respectivamente.

O Racing Vilalbés sufre unha dura derrota no campo da Ximnástica Torrelavega (2-1)

Derrota dolorosa dos chairegos no campo do Malecón diante dun rival que chegaba empatado a puntos cos de Simón Lamas. O encontro comezou con dominio local, aínda que só conseguiron achegarse con perigo en xogadas a balón parado. Mediada a primeira metade, Pablo Rey, nunha das súas grandes especialidades, anotou un golazo de falta directa. O Racing Vilalbés medrou co gol e foi superior ao seu rival nos últimos intres do primeiro tempo.

O segundo tempo foi de dominio territorial da Ximnástica Torrelavega, aínda que sen que Álex Santomé tivera que intervir en ningunha ocasión ata que no minuto 67 nun centro lateral Javi Delgado rematou libre de marca lonxe do alcance do gardameta chairego. O encontro abriuse moito co empate e o Racing Vilalbés contou cunha gran ocasión de Álex Pérez, tras xogada persoal, que detivo moi inspirado o porteiro local. A falta de dez minutos para o final Unai Hernández fixo o tanto da vitoria cántabra cun lanzamento desde a frontal que se colou pegado ao pao. Nos últimos intres Nathan viu o cartón vermello ao cortar unha contra.



O Racing Vilalbés segue en postos de descenso, a un punto do play out que ocupa o Marino de Luanco e a dous da permanencia, que marca o Valladolid Promesas, vindeiro rival dos chairegos na Madalena.

A Sarriana vence ao Arousa e sitúase a cinco puntos do play off (0-1)

Triunfo de prestixio para a Sarriana na Lomba diante dun Arousa chamado a pelexar polo ascenso de categoría. Os de Luisito comezaron mellor con chegadas á área rival, aínda que sen xerar excesivo perigo. Os centros laterais arousistas na procura dun remate na área deron boa conta deles os centrais e o gardameta Valentín. O ex do Racing Vilalbés, Santi Gegunde e Iñaki Leonardo tiveron as máis claras para os locais. Tijan, a servizo de Keko, contou cunha boa ocasión para os sarriaos.



O segundo tempo comezou cun paradón de Valentín nun lanzamento desde fóra da área. O Arousa optou por un fútbol máis directo e a Sarriana coa entrada ao campo de Diego Rey e Boedo xerou máis perigo diante da área rival. Ámbolos dous protagonizaron varias xogadas que remataron con situacións de gol, ata que no minuto 88 un servizo de Boedo resolveuno Diego Rey no man a man diante do gardameta.

O Polvorín non puido sumar no campo dun Alondras que decidiu na segunda metade (2-0)

Encontro moi parello o disputado no Morrazo. O Alondras comezou mellor, con máis presenza en campo rival e xerarndo certo perigo en faltas laterais e córners. O Polvorín, a partir do cuarto de hora, neutralizou o xogo local e co paso dos minutos fíxose co dominio do xogo. Os gardametas apenas tiveron que intervir no segundo tempo.

Tras o paso por vestiarios o encontro seguiu moi igualado. Os de Dani Galán tentaron ter o control a través do balón, mentres que os locais optaron por un xogo máis directo. Nun saque desde o curruncho chegou o primeiro gol local ao aproveitar Diego un rexeite á saída dun córner. Maceira tivo nas súas botas o empate nun man a man que detivo ben o gardameta Esteban. O Polvorín volcouse na procura do gol, sobre todo con incursións pola banda dereita. Nunha transición moi preto do final Joel sentenciou o choque a favor do Alondras.

O Viveiro cede diante do Gran Peña e volve a postos de descenso (1-2)



Foi mellor o Viveiro nos primeiros corenta e cinco minutos. Nacho e Martín polas bandas levaban perigo á área rival. Nun pase de Martín a Manu, este foi derribado na área e o colexiado decretou penalti. Rolle non errou desde os once metros. O Viveiro segui levando a iniciativa, mentres que o Gran Peña procuraba contraatacar con Rivera e Óscar Lorenzo como referentes ofensivos.

A segunda metade trocou o decorado por completo. O conxunto vigués fíxose co dominio do medio campo e comezaron a chegar con moito perigo á área viveirense. Non tardou en chegar o empate, obra de Óscar Lorenzo tras unha boa xogada combinativa e máis tarde Álex deulle a volta ao marcador. O Viveiro tentou igualar o partido e Gamarra contou con dúas boas ocasións que non foi quen de concretar.

Un desdibuxado Ribadeo cae goleado polo Sofán no Pepe Barrera (1-4)

Mal encontro dun Ribadeo que non é quen de pechar a permanencia na categoría. As baixas de Guntín e Castrín pesáronlle aos de Pichi, que non foron quen de igualar as forzas cun Sofán coas ideas moi claras sobre o Pepe Barrera. O comezo foi prometedor para o Ribadeo. Nunha recuperación de Santi o balón chegou a Asier, que tras boa xogada individual, centrou para que Criss rematara ao fondo da portería. Na seguinte xogada, de novo Asier serviu para que Álex Meitín rematara lixeiramente alto. O Sofán non tardou en facerse co dominio do partido e co paso dos minutos a sensación de perigo era maior nas proximidades da área de Carrera. Avisou Fabián cun lanzamento desde a frontal e pouco despois chegou o empate. Javi Souto rematou libre de marca un saque desde o curruncho. Os visitantes sorprenderon ao Ribadeo ata en dúas ocasións con dous saques rápidos de falta que remataron con dúas boas paradas de Carrera a remates de Currás e Martín Pereira.

A segunda metade foi de completo dominio visitante. O cadro de Pablo Torreira comezou cun asedio á área ribadense que non se traduxo no marcador. Carrera tivo que intervir a un potente disparo de Javi Souto. O Ribadeo tentou contragolpear por medio de Álex Meitín, aínda que con escaso éxito. Os mariñáns deron un baixón físico e o Sofán foi quen de aproveitalo. En só dez minutos chegaron tres tantos. Montero, cun bo tiro desde a frontal, Martín Pereira culminando un contra e Brais Cancela ao rematar unha falta lateral completaron a goleada visitante.

O Lemos sucumbe na Pinguela ante a exhibición de Xian (1-3)

Partido no que a pegada do San Tirso deulles os tres puntos cando o máix xusto sería un empate tras o visto sobre o céspede da Pinguela. O Lemos comezou ben o encontro e foi quen de adiantarse nunha boa xogada de Armesto. Os monfortinos tiñan o encontro controlado ata que no minuto vinte o San Tirso logrou igualar nunha falta lanzada por Xian, que tras tocar nun defensor colouse na portería de Losada. Foi o único achegamento dos visitantes á portería dun Lemos que soubo contrarrestar as virtudes dun conxunto que pelexa polo ascenso de categoría.

No segundo tempo o Lemos contou con varias ocasións de gol, as máis claras nas botas de Mauro e Varela. A falta de quince minutos para o final o San Tirso logrou darlle a volta ao marcador nunha rápida contra que culminou Xian. Os de Juanlu Bernal volcáronse na procura do empate e o San Tirso, xa co tempo cumprido sentenciou o encontro ao transformar Xian un lanzamento de penalti.

máxicos

A Residencia cae fronte ao Miño, pero segue fóra dos postos de descenso (1-2)

Os vistantes foron lixeiramente superiores no primeiro tempo. A Residencia non estivo cómda con balón, cunha circulación lenta e varias pérdidas que puideron supor situacións de perigo. O Miño contou con dúas boas ocasións de gol, mentres que a Resi puido adiantarse por medio de Yago.

A Residencia estivo mellor no segundo tempo, pero foi o Miño quen logrou marcar. Kevin puxo a proba a Diego, antes de que Ipi fixera o primeiro. Reaccionou rápido a Residencia e logrou o tanto da igualada. Martín rematou ao fondo da portería un saque de córner lanzado por Dani Renda. Rober contou cunha ocasión clarísima ao rematar un centro de Yago ao pao. O balón rodou pola liña e rematou saíndo fóra. A falta de dez minutos para o final chegou o tanto da vitoria visitante, obra de Sergio.

O Castro suma un valioso punto diante do líder (1-1)

Non foi suficiente o marcador para saír dos postos de descenso, pero o Castro deu a cara diante do Noia, líder da Preferente, e saiu cun bo sabor de boca dun encontro moi difícil. Os de Iván Carril amosaron no primeiro tramo de partido a súa condición de primeiro clasificado e dificultoulle moito o xogo aos de Fernando Corredoira. Nunha xogada desafortunada Marcos Piñeiro puxo por diante ao Noia, cando se cumpría a media hora de xogo. O Castro deu un paso cara adiante e contou cunha boa ocasión de Alvarito e varias chegadas claras de Marino. Nunha boa presión de Fito ao gardameta do Noia a piques estivo de chegar o empate.

No segundo tempo os chairegos realizaron unha presión máis alta que deu os seus froitos acadando xogar moito máis tempo en campo contrario. Fito igualou o encontro cun bo tiro cruzado. O Castro xerou moito perigo nas incursións polas bandas de Iago Buján e Marino e puido facer o segundo noutra boa ocasión de Fito. O Noia só inquedou a portería de Josema en dúas contras.

A Sarriana vece na Lomba cun tanto de Diego Rey

Máxicos Salvatierra Abogados. Xornada 27

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *