#Fútbol afeccionado #Preferente Futgal #Terceira RFEF

Polvorín e Lemos gañan os derbis da xornada

O Trío de Ases O Cantón non nos trae boas novas na Segunda RFEF. O Racing Vilalbés prolongou a súa mala xeira no campo do Covadonga onde caeu derrotado e continúa unha semana máis en posto de play out. En Terceira RFEF, o Polvorín gañou o derbi fronte á Sarriana no Anxo Carro e o Viveiro venceu en Cantarrana ao Alondras. Na Preferente, o Lemos venceu ao Castro no derbi provincial, mentres que a Residencia remontou para gañar fronte ao Lalín, un dos galos da categoría. O Ribadeo perdeu na súa visita ao infranqueable campo do Miño.

O Racing Vilalbés cae no campo do Covadonga e suma oito xornadas sen gañar (2-0)

Continua a mala xeira dun Racing Vilalbés situado en posto de play out. Malia o negativo do resultado os chairegos estiveron mellor que nos últimos encontros e non tardaron en xerar perigo diante da portería do cadro local. Dous centros de Torrado a piques estiveron de rematar en gol con remates de Izan e Pablo Rey. O ferrolán tamén puxo a proba a Busscan cun lanzamento de falta. Co paso dos minutos o Covadonga chegou con certo perigo á área do Racing, pero non se moveu o marcador no primeiro tempo.

Tras o paso por vestiarios o Covadonga non tardou en adiantarse no marcador. Lucas Suárez aproveitou un rexeite para superar a Álex Santomé. O gol deixou tocado ao Racing Vilalbés que non foi quen de atacar con claridade de ideas. A falta de quince minutos para o final, Ariel sentenciou o encontro. Pablo Rey estivo a piques de recurtar diferencias cun lanzamento de falta que se estrelou na cruceta.



O Polvorín vence con xustiza á Sarriana no Anxo Carro (1-0)

Triunfo do filial albivermello nun derbi no que foi superior a unha Sarriana que non atopou o seu ritmo de xogo. O Polvorín tivo o balón na primeira metade e non tardou en inquedar a Javi Liz nunha xogada por banda de Jorge que detivo ben o gardameta. Os de Roberto Trashorras foron dominadores aínda que sen xerar moitas ocasións. No último tramo do primeiro tempo o cadro visitrante mellorou aínda que sen inquedar a Eldar.

No segundo tempo, Diego Rey tivo a ocasión máis clara para a Sarriana, pero o Polvorín non tardou en coller o mando e nunha xogada embarullada chegou o gol de Arhon. A Sarriana reclamou falta ao gardameta na acción. Guitián cun lanzamento desde a frontal obrigou a intervir a Javi Liz. A Sarriana rematou os últimos minutos con dez xogadores pola lesión da súa última fichaxe David Mellado coa totalidade dos trocos xa realizados.



O triunfo do Viveiro fronte ao Alondras achega os mariñáns á permanencia (1-0)

Sete puntos dos últimos nove en xogo para os mariñáns nun momento clave da temporada. Os de Alberto López encaran o tramo final reforzados logo dun importante triunfo diante do Alondras. Cora contou con dúas ocasións moi claras ao comezo do encontro. O cadro visitante fíxose co dominio do balón aínda que sen profundidade e non chegou a inquedar a Ayoub no primeiro tempo.

No segundo tempo o Viveiro foi superior e Gamarra, Rolle e Juan puideron marcar para os celestes. O único tanto do encontro chegou a quince minutos para o final. Rolle botou unha falta lateral e Diego Núñez conectou un gran testarazo que se colou pola escadra. O Alondras colgou unha boa cantidade de balóns á área que a zaga do Viveiro defendeu sen maiores apuros.

O Lemos vence no derbi a un Castro que suma a quinta derrota consecutiva (2-0)

O partido comezou con domino alterno. O Castro optou por un fútbol directo e ao Lemos costoulle entrar no encontro. Dafonte por parte do Lemos e Diego López pola do Castro foron expulsados antes da media hora de xogo e ámbolos dous conxuntos xogaron con dez máis dunha hora. Nun erro defensivo do Castro ante a presión monfortina rematou co gol de Carrasco que poñía aos de Juanlu Bernal por diante no marcador.



No segundo tempo o Lemos optou por unha presión alta que fixo que roubara moitos balóns ante un impreciso Castro. Mauro, nunha boa xogada persoal, fixo o segundo para o Lemos. O Castro tentou recurtar diferencias con máis corazón que cabeza e foron quen de estrelar dous balóns no pao.

máxicos

O Ribadeo non é quen de rachar a imbatibilidade do Miño na casa (1-0)

Non puido o Ribadeo darlle continuidade ao bo encontro realizado no debut de Pichi no banquiño e caeu derrotado no Municipal de Gallamonde, onde o Miño segue invicto. O Ribadeo non entrou ben ao partido e non tivo a intensidade necesaria nun campo complexo. Nun erro defensivo dos mariñáns preto do descanso chegou o único tanto do encontro. Ipi gañoulle a espalda á zaga e definiu no man a man fronte a Carrera.

No segundo tempo o Ribadeo estivo mellor aínda que sen a profundidade necesaria para acadar o empate. Malia todo, os de Pichi contaron con algunha ocasión que non lograron concretar.

A Residencia remonta fronte ao Lalín e olla de preto a permanencia (2-1)

Non tardou o cadro visitante en adiantarse na Cheda. Brais batiu a Diego e puxo por diante ao Lalín. A Residencia non se veu abaixo co gol e Pereira e Gabri puxeron a proba ao gardameta visitante.

No segundo tempo Diego tivo que intervir nun disparo de Borja, pero co paso dos minutos a Residencia fíxose co control do partido. No 54 López acadou o empate tras aproveitar un rexeite tras remate de Pereira. Os de Dani Galán aproveitaron a inercia do empate e pouco despois Rasilla fixo o segundo ao rematar un centro lateral. O Lalín buscou sorprender á Residencia cun fútbol directo nos últimos intres, pero o marcador non se moveu.

Polvorín e Lemos gañan os derbis da xornada

Máxicos Salvatierra Abogados. Xornada 22

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *