#Entrevistas #Fútbol afeccionado #Primeira Futgal

Manolo García (Riotorto): «Queremos manter o equipo no mapa da Primeira»

Manolo García, novo adestrador do Pol

O Riotorto CF xa é un dos clubes con máis tradición na Primeira Galicia. Os da Veiga suman xa oito temporadas consecutivas na categoría, co valor engadido de ser un dos conxuntos que mellor xestiona os seus recursos.

Cada verán, a entidade da Montaña ten que reunir un cadro de xogadores novo, ao tempo que mantén a columna vertebral da man de homes como Manu Carreira, Pablo Vivero, Javi Coedo ou Fran Pastor. O encargado de xestionar o vestiario desde o verán do 2022 é Manolo García, un home cheo de fútbol e que, polo momento, cumpre as expectativas do club: acadar a permanencia na categoría un ano máis.

Futbolinlugo: Como está discorrendo a temporada pola Veiga?

Manolo García: Tivemos que incorporar moita xente nova. A idea era incorporar a xente da zona: Lourenzá, Pontenova, xente da vila… pero o único que temos de Riotorto é Alex. É difícil porque tes moito que xestionar: actuar como adestrador e director deportivo, loitar contra competencias como a de Castro ou Pol, con grandes instalacións. O cadro de xogadores é xusto, deseñado para intentar salvar a categoría, e a ver se o conseguimos.



Acabamos de incorporar ao mediático Javi Regueiro, moi amigo meu e, sobre todo, un home de fútbol. Eu quero xente de fútbol no meu equipo: por exemplo Pepo, que sae de traballar e fai media hora en coche para vir adestrar. Iso non o fai todo o mundo.

Fil: Un dos lastres do equipo é a escasa capacidade goleadora.

MG: Si, incorporamos a Christian, que vive en Baamonde e imos recollelo para que veña adestrar, e aporta moitísimo no plano físico e en moitos sentidos, pero si que lle falta gol. En xeral xeramos ocasións, pero non somos quen de anotar. Hai que ser máis contundentes nas áreas, aínda que agora recuperamos a Ilian e xa temos unha garantía baixo paus.



En todo o ano aínda non repetimos un 11 titular. É complicado así, porque por exemplo o Pol emprega sempre o mesmo. Cando non hai un problema físico, hai un problema de traballo, e así é difícil.

Fil: A parte medio-baixa da Primeira está máis igualada que nunca, con 5 equipos en 5 puntos.

MG: Si, aínda que o Guntín creo que vai saír de aí porque fixo fichaxes moi boas. Meira, Lourenzá, Xove e nós estaremos na pomada ata o fin da temporada. Os tres de abaixo creo que poden saír de aí: o Guitiriz está competindo moito mellor, a Milagrosa ten un cadro de xogadores moi novo que lle está pasando factura e o Portomarín aínda ten marxe de reacción. A ver se recuperamos a xogadores importantes para evitar o descenso, temos que seguir competindo e o obxectivo é claro: manter Riotorto no mapa da Primeira.

riotorto
Unha instantánea do Xove-Riotorto de 2019. Agora, ambos conxuntos están immersos na loita pola permanencia na Primeira Galicia.

Fil: Se cadra esta temporada é menos asfixiante que a anterior, ao ter menos peso o efecto «arrastre».

MG: Si, aínda non está realmente claro. Aínda hai incógnitas, non temos o plan competicional totalmente claro. As bases do ano que vén tiñan que estar xa marcadas desde agosto deste ano. Imaxinemos que agora baixe Racing Villalbés; baixe Viveiro; baixen Lemos, Castro… haberá que ver o tema dos arrastres. E despois non sei a cuestión da proximidade como se vai resolver, porque no caso de Riotorto a ver con quen xuntan ao equipo.



Fil: Como é a captación nun club como o Riotorto?

MG: Complicada. Como che digo, queriamos ter o maior número de xogadores de alí, pero foi imposible. O Plan ‘A’ deste ano saiu mal, porque ao final Riotorto queda «lonxe» de Lugo e «lonxe» tamén da Mariña. Ademais, os equipos de arredor teñen fútbol base: Pontenova, Meira, Lourenzá… e os propios rapaces de Riotorto xa xogan alí na base e quedan neses clubes cando pasan a senior. Falamos tamén cos «Castrines» (bromea) pero non quixeron vir.

Ademais téndese a pensar que «o Riotorto paga» pero a maioría de xogadores simplemente cobren os desprazamentos con eses cartos. O presidente actual é un gran home, que vive moitísimo o fútbol, ao que lle encanta e que fai moitísimo polo club, pero no momento en que el falte… non sei que será do Riotorto. Necesita máis apoios, porque el xestiona case todo e non hai moita implicación detrás. Hai necesidade de crear unha base para que os rapaces do pobo sintan as cores.

«O presidente do Riotorto necesita máis apoios»

Fil: Aínda así, o ano pasado contabades con Pape, que agora é un goleador destacado na Preferente Norte.

MG: Marcou moito as diferenzas o ano pasado. Os seus números deste ano demostran o xogadorazo que é, segundo máximo goleador co Montañeros.

Fil: E de feito, unha das virtudes do Riotorto é a calidade individual de moitos dos xogadores.

MG: Si, Javi Coedo e Pablo Vivero teñen un mérito enorme, son os máis veteráns. Coedo é o xogador que mellor vai de cabeza da categoría, e Pablo Vivero é a mellor persoa que eu atopei no fútbol: na forma de ser, na súa implicación… encántalle o fútbol, é unha honra poder adestralo, porque ten moitísimo fútbol e é un espectáculo. Con eles dous estou encantado.

Vexo que hoxe en día ás novas xeracións non lles gusta o fútbol como gustaba antes. Desde pequenos deben de xogar obrigados polos pais, pero saen de xuvenís e xa deixan o fútbol: non lles gusta a competición, o fútbol en xeral. Ademais penso que o nivel vai baixando ano a ano, cada xogador vai ao seu aire, é complicado explicalo, pero é un fenómeno que se observa e se fai máis grande.

Fil: Como se define o xogo do Riotorto de Manolo García?

MG: Sempre fun un adestrador combinativo, pero aquí son moito máis directo e vertical. Tes que adaptarte aos teus xogadores, cun xogo que se lles axuste mellor. O campo ten moi boas dimensións pero sempre se pon mal a partires do minuto 20′, queremos minimizar erros en primeira zona e basearnos nas transicións rápidas e no xogo directo: Coedo vai moi ben de cabeza, Ilian ten un saque estupendo… sempre te adaptas ao que tes no teu equipo para tracar de sacarlle o máximo.

Fil: E como son os adestramentos?

MG: Ata mediados de decembro a dinámica foi estupenda, pero a día de hoxe temos 8 lesionados e resulta imposible adestrar con garantías. O mércores eramos 10 adestrando, ao non ter base non podes tirar do xuvenil, e aínda por riba tes que telos entre algodóns para que non se manque ningún máis. O trato do club é excelente, o presidente é un crack, deixa traballar sen meterse en nada… pero fai falta unha estrutura máis grande, que non sei se chegaran a conseguir: algo similar pasou en Valadouro hai anos.

Adestramos sempre en Pol, no campo sintético. Case todos os futbolistas, a excepción de Álex e Pablo Vivero, son de Lugo. Nese sentido temos moitísimo que agradecer a Lino, que sempre nos puxo facilidades: o mércores adestrou o Meira primeiro e nós detrás. Ás veces vai o Pastoricense, outras o Outeiro de Rei… e Lino sempre se porta ben con todos, a nós estanos facendo un favor enorme. Por outra banda, a maioría dos nosos xogadores traballan por turnos, que é outro factor condicionante.

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *