O fútbol feminino da provincia ponse en marcha. E farao coa estrea de ata tres equipos nesta mesma fin de semana. Son os casos do PM Friol na novidosa 2RFEF e o Lugo e o Antas na Primeira galega. Os conxuntos da Segunda Galicia, co debut do San Lázaro, comezarán nas vindeiras semanas.
O PM Friol inicia a súa andadura na recén creada 2RFEF cun equipo que mantén a columna vertebral da pasada campaña. Covi continúa no banco, Ali será a encargada dos goles e Nerea Chantada e Nere Lombardero poñerán o escaso acentro lucense. Xa que o club do eterno Geluco volveu apostar por fichaxes descoñecidas para o gran público da provincia, pescando máis alá dos marcos da comunidade. Unha fórmula arriscada pero efectiva na pasada campaña.
O obxectivo semella claro: manter a categoría e pasar os menores apuros posibles. E ao mesmo tempo, mellorar a cada unha das xogadoras individualmente. Por se fixera falla, o filial contará con novos mimbres. Especialmente, un feixe de xogadoras chegadas desde o Balaídos vigués. Algunha delas quizais ocupe o lugar de Anabel durante a maioría da campaña, xa que a dianteira malagueña foi operada satisfactoriamente do Aquiles nesta mesma semana.

Pola súa parte, o CD Lugo segue co ascenso entre cella e cella. E agardan que á terceira vaia a vencida. Joaquín Blanco non se rende. O coñecido preparador atópase en plena reconstrución do equipo despois de sufrir baixas importantes como Fanny, Paula, Rebolo, Lucía ou a recén operada de ligamento cruzado Denise. Ana Seguín, Iyore, Marta e o regreso de Iria; ocuparán o importante baleiro que deixan as xa exfutbolistas albivermellas.


Non serán as únicas, xa que que o cadro de xogadoras aínda non está pechado. Agárdase algunha fichaxe máis, contando algunha posible rapaza a proba que puidera quedar no club. Joaquín considera que con estes novos mimbres, o equipo mellora en liñas xerais e se atopa en disposición de loitar pola única praza de ascenso existente.

Por último, falamos do gran milagre deste verán. O Antas sairá a competir despois dun mes coqueteando cunha posible desaparición. A permanencia é o único obxectivo para as do Castro Seoane, que a pouco máis de dous días do debut ligueiro atopábanse sen ficha algunha dada de alta na Real Federación Galega de fútbol nin adestrador confirmado. Porén, o empeño da vella garda e do pouco que quixo quedar nese vestiario, provocaron o mellor agasallo de Nadal en pleno mes de setembro.
Partidos da 1ª xornada (10-11 setembro)
Pradejón-PM Friol (S10, 18.00 horas)

CD Lugo-Victoria B (S10, 16.15 horas, A Cheda)
O Val-Antas (D11, 17.00 horas)