A Primeira Galicia é unha das categorías que máis nos gusta. Esta fin de semana, o balón volverá rodar nos campos da provincia, con 18 equipos que competirán cada semana polos seus obxectivos. Regresa ademais o formato tradicional de competición, sen anomalías nin divisións en sub-grupos. Cada semana, cubriremos todo o acontecido neste Grupo 3 da Primeira na nosa sección fetiche: os Máxicos Luca’s Grill, onde os mellores de cada mes terán premio con unha hamburguesa gratuita.
Atlético Escairón: Montoto volve ao Saviñao co obxectivo de devolver ao Escairón ao Preferente. Incorporacións de renome, como a de Ivo, xogarán un papel fundamental na loita dos do Municipal.
Burela: a campaña pasada, os da Marosa sorprenderon co seu bo fútbol e a súa xuventude. Este ano, os xogadores xa contan coa adaptación necesaria ao fútbol sénior e o equipo está chamado a facer grandes cousas.
Castro: logo de firmar un gran ano, os do Arturo Pereiro reforzaron as súas liñas cun obxectivo claro: o ascenso. Porén, saben do difícil da empresa. Os xogadores do filial volverán ter moito peso no primeiro equipo.


Foz: outro recén descendido que loitará por volver. O Martínez Otero vibrará cada fin de semana co cadro de Gayol, que conta con pezas suficientes para competir contra calquera.
San Ciprián: logo de varios anos intentándoo, o Sanci volveu á Primeira. O obxectivo agora é consolidarse na categoría, para o que mantén a maioria dos futbolistas e ao adestrador, Jaime.

Santaballés: a chegada de Vitín e a renovación de moitos dos futbolistas que o ano pasado competiron na Preferente auguran un gran ano. Agardan competir ben e conseguir bos resultados a base de traballo.

Riotorto: despois dun bon ano, Teipa colle as manixas do club para competir en todos os campos e non renunciar a nada. Fichaxes como as de Nico ou Iago Alonso darán un plus ao equipo.
Chantada Atlético: o club está a facer as cousas moi ben. Fernando Corredoira pechou o ano pasado na fase de ascenso, e procurará instalarse na zona nobre da categoría nesta 22/23, sen mirar de lonxe o ascenso.
Lourenzá: o Atleti apenas pasou apuros o ano pasado. Cun equipo conformado por futbolistas da contorna, visitar o Santa Cruz é un trago que poucos equipos queren pasar. Consolidarse na categoría, e medrar a partir de aí.
Antas: a gran recta final de campaña na 21/22 subiu ao Antas á Primeira. A renovación de pezas como Diéguez ou Melendo será chave para manter aos do Castro Seoane na Primeira Galicia nun ano que se prevé moi esixente.
SD Chantada: Traste deixa o centro da defensa para vestirse de adestrador. O club está traballando moi ben, cunha gran filosofía de base. Procurarán quedar o máis arriba posible e curtir aos rapaces da vila no fútbol sénior.

Monterroso: buscarán completar unha campaña máis regular que a pasada. O seu mérito, conformar un cadro de garantías con xente da comarca. Cerdeiriños volverá vibrar cos seus.
Outeiro de Rei: o campión de copa firmou unha pretemporada ilusionante. Porén, os obxectivos son claros: consolidarse na Primeira como un dos equipos máis sólidos e que mellor xogo despregan.
Pol: quedaron coa mel nos beizos o ano pasado, pero volverán intentalo. A presunta chegada in extremis de Gerardo Carrera aportará moito olfato goleador ao equipo.

Sporting Pontenova: a chegada de Moro ao banco aportará experiencia e bo facer. O cadro da Mina non ten outro obxectivo que a permanencia, axudados por xente da contorna e por rapaces con moito futuro.
Taboada: outro meritorio proxecto con xente da casa, que da todo polas cores. A súa entregada afección será envidiada por toda a provincia, mentres que os futbolistas darán todo no campo para non pasar apuros un ano máis.
Pastoricense: o cadro dirixido por Javi Chinchón realizou varias fichaxes coas que agarda manter a categoría con menos apuro que o ano pasado. Son o equipo que máis campañas consecutivas leva na Primeira, 12.
Xove Lago: Anxo chega aos bancos do Municipal para evitar agonías como a do curso pasado. O cadro de xogadores semella de garantías suficientes como para eludir o descenso.