A nova Milagrosa de Iván Dobarrio viuse superada por completo por un Carral experimentado. A superioridade física e no xogo das coruñesas propiciou que as capitalinas fosen a remolque durante todo o encontro. As branquivermellas apenas xeraron perigo en ataque.
O Chantada viviu un cruel desenlace no Sangoñedo. Comezou adiantándose no marcador pese a brindar unha mellorable posta en escena. O Praíña igualou cun disparo desde fóra da área. A partires de aí, o cadro vermello gañou aos puntos dentro da igualdade reinante. As de Jorge González viron como lles anulaban un gol. E cando todo apuntaba ao empate, o Praíña levouse o gato á agua na última acción do encontro ante a fraxilidade defensiva local.
Pola súa parte, o San Roque tamén tivo unha estrea difícil de dixerir. As rapazas de Quiroga fixeron un soberbio partido ante un dos candidatos á zona alta. Adiantáronse por tres veces e chegaron ao último cuarto de hora cunha vantaxe mínima. Nun fatídico tramo final, o Atlético San Pedro igualou nun discutido penalti e as verdibrancas quedaron con dez pola expulsión de Paula. En inferioridade numérica, as de Oleiros fixeron dano nas transicións e tumbaron ao combativo cadro capitalino.
Un Antas moi ben organizado foi quen de non conceder ocasións de perigo durante todo o encontro, pero dous erros Individuais puntuais saíronlle moi caros ás de Dani Abelairas. A falta de ritmo e contundencia na zona de ataque impediu calquera opción de remonta.


Inmellorable carta de presentación do filial do CD Lugo e contundente triunfo do San Lázaro
O CD Lugo B viviu unha plácida estrea. As de Diego Rey mostráronse moi superiores durante os noventa minutos ante un débil Curtis. Candela Otero e Xiana asinaron sendos ‘dobretes’. Un San Lázaro con escasa rodaxe mandou na primeira metade, na que logrou o primeiro tanto do partido. Na reanudación, as individualidades marcaron as diferenzas e as da Ponte sentenciaron.
A Comercial igualou sen goles no feudo do Órdenes nun partido no que, seguramente, merecese mellor sorte e algo máis que ese punto polos méritos amosados. O novo conxunto de Vicky e Sheila estase a conxuntar á perfección nestas primeiras semanas de proxecto.
Un Carballedo superior no primeiro acto non foi quen de atopar o camiño do gol. E pagou a peaxe tralo paso pola de vestiarios. As de Sementa lanzáronse a polo partido, pero unha serie de catastróficas desditas derivou no triunfo do Bandeira. Molestias físicas varias, un contragolpe letal e a pólvora mollada das do Catro Ventos; propiciaron o 1-0 final. O Monte Forte descansou nesta primeira xornada.

Xornada para olvidar na Terceira RFEF
A visita do CD Lugo ao filial do Deportivo tivo pouca historia. A ventá FIFA propiciou que varias das xogadoras habituais do primeiro equipo acudisen co Deportivo B a esta cita. Aí impuxeron a súa superioridade, especialmente no apartado físico. O cadro de Joaquín Blanco nunca se atopou cómodo no campo a pesares de traballar e loitar incansablemente. Non foi suficiente!

Pola súa parte, o PM Friol regresou de baleiro da súa visita ao Olímpico de León. Un sólido e solvente conxunto local asestou dous golpes letais nunha primeira metade sen apenas ocasións. Recurtou diferenzas Lynda Muriel á volta dos vestiarios. Pouco lle durou á alegría ás de Covi Regueiro, xa que Claudia asinaba o 3-1 de libre directo instantes máis tarde. No tramo final houbo tempo para que cada equipo lograse un gol máis. Iso si, os puntos quedaron en terras leonesas.
De tódolos xeitos, a peor nova non foi o resultado. Itziar sufriu unha importante lesión nos primeiros compases do partido. Mancouse ela soa e de gravidade no seu xeonllo. Desde aquí desexámoslle unha pronta recuperación e moito ánimo!
Contundente e preocupante derrota do PM Friol B
Presentarse con doce xogadoras na casa na segunda xornada de Liga, é un síntoma preocupante. Máis aínda despois do visto sobre o artificial da Reigosa. O PM Friol B cedeu ante un Sporting Cambre que fixo os deberes na primeira metade. Catro goles, que ben puideron ser sete se a porteira Pilar non estivese tan acertada. O 5-4-1 de Geluco, con carrileiras altas, non funcionou. Nin sequera tendo a Covi de axudante na grada, dando constantes indicacións ás súas compañeiras.

Resultados da xornada
Deportivo B 5-0 CD Lugo

Olímpico de León 4-2 PM Friol
PM Friol B 0-4 Sporting Cambre
Milagrosa 0-7 Carral
Chantada 1-2 Praíña

Cee 2-0 Antas
Atlético San Pedro 5-3 San Roque
Órdenes 0-0 Comercial
Curtis 0-6 CD Lugo B
San Lázaro 3-0 Rois
Bandeira 1-0 Carballedo
Descansou: Monte Forte
