#Primeira Futgal #Fútbol afeccionado

Máxicos Futbolinlugo. Xornada 3

Os máxicos comezan a definir os seus obxectivos na presente campaña, logo dunha nova xornada vibrante no fútbol provincial.

Guntín 1-0 Outeiro de Rei: partido vibrante no Ladairo o que abriu a xornada da Primeira Galicia. O Guntín comezou mellor e tivo a primeira nos pés de Quiñones, pero sería Dani o que faría o 1-0 no 12′ logo dun centro do propio Quiñones. O Outeiro reaccionou e comezou a gozar de ocasións con centros laterais e balóns parados que eran rexeitados por Neira e pola zaga local. No segundo tempo mantívose a dinámica, cun Outeiro que apretou sobre todo na recta final acumulando xente en última liña e dispoñendo dunha falta de Samu que se estrelou no traveseiro logo de tocala o gardamallas Neira. Ao final, tres puntos para un Guntín máis efectivo.

Chantada Atlético 2-1 Lourenzá: o Chantada Atlético tivo o dominio do coiro ante un Lourenzá que agardaba replegado para saír aos contragolpes. Os locais conseguiron adiantarse nunha xogada desafortunada para a zaga visitante, pero no segundo tempo os laurentinos deron un paso adiante e empataron a contenda cun tanto de Óscar Paz. Os chantadinos volveron apretar e gozaron de numerosas ocasións para adiantarse ante un rival mermado polas lesións, ata que Brais fixo o 2-1 definitivo para darlle a victoria aos seus.

Portomarín 3-2 Milagrosa: un inicio fulgurante do Portomarín, que mandaba por 2-0 no 14′, permitiu aos do Chao da Poza sumar a súa primeira victoria do ano. Caloto fixo o 3-0 ás beiras do descanso, pero os capitalinos tiraron de orgullo e, mediado o segundo tempo, Diego Gallego fixo un golazo desde fóra da área para poñer o 3-1. Xa na recta final, Anxo puxo o 3-2 e a Milagrosa apretou a portería defendida por Roi ata o último momento, pero os miñotos tiraron de oficio e os tres puntos quedaron en Portomarín.



Meira 0-2 Pol: o Meira segue buscando dar coa tecla na Primeira Autonómica, neste caso ao caer derrotado ante un Pol que se mantén no alto da táboa xunto a SD Chantada. O partido disputado na Lomba destacou pola igualdade e a rivalidade, pero a SD Pol tirou de oficio e superou ao cadro local por medio de dúas accións de balón parado, unha na primeira parte que rematou Hamza e outra no segundo tempo finalizada por Juanma, 0-2 no derbi.

Taboada 2-1 Foz: un inicio moi intenso do Taboada permitiulles aos da Medela mandar por 1-0 desde o minuto 5′. O Foz mellorou na recta final do primeiro tempo e durante a segunda parte, ata que Manolito fixo o gol do empate. Porén, a resposta local foi inmediata e Mosky puxo o 2-1 un minuto despois da igualada. Xa na recta final, os mariñáns buscaron facer dano con centros laterais e balóns parados, pero o gardamallas local Isma e a súa defensa mostráronse moi seguros para conservar o resultado.

Escairón 6-0 Xove Lago: o Xove presentouse con tan só 11 xogadores no Saviñao e, pese a que no primeiro tempo o exercicio de resistencia foi encomiable, pois o Atlético Escairón tan só xerou unha ocasión, que rematou en gol de Julio, os mariñáns baixaron os brazos nun segundo tempo que comezou cun golazo de Asier e que deixou o choque visto para sentenza con catro goles máis dos locais, 6-0 no Saviñao.



Guitiriz 0-2 SD Chantada: dominio posicional da SD Chantada ao longo dunha primeira parte na que o Guitiriz agardaba replegado aos seus rivais, saíndo ás contras e sacando partido do balón parado. A mellor para os locais, un remate tras un saque de esquina que deu no longueiro, mentres que os visitantes gozaron dun disparo que foi sacado baixo paus pola defensa do Guitiriz. Nada máis comezar o segundo tempo, unha boa xogada de Michi na área rematou cun tiro cruzado que supuxo o 0-1 e, tras o gol, os chantadinos foron dominadores do choque ante un Guitiriz mermado fisicamente. O 0-2 chegaría cun cabezazo de Pablo tras un bo centro de Hugo para deixar sen opcións ao cadro chairego, que se queixou de ser desinformado pola Futgal ao longo da semana e se viu obrigado a presentar como adestrador a un dos seus xogadores convocados, perdendo así un cambio.

Santaballés 3-1 Riotorto: Álex Novás convertiuse no protagonista dun choque máis igualado do que marca o resultado. Os locais gozaron de dúas ocasións nas botas de Novás do primeiro tempo, e ambas remataron no fondo das mallas defendidas por Manu Ricoy. Xa no segundo tempo, un combativo Riotorto viu como o colexiado sinalaba un penalti que en primeiro termo indicara fóra da área, e como de novo Novás anotaba para poñer a sentenza, 3-0. Xa na recta final, Cristian recurtou diferenzas na Liga co 3-1 definitivo.

Burela 0-3 Monterroso: victoria de oficio do Monterroso na Marosa ante unha SD Burela que non tivo unha boa tarde. Os visitantes, replegados e buscando as transicións, conseguiron adiantarse nun balón parado no primeiro tempo. O 0-1 reforzou o planteamento de Josito para o segundo tempo, no que os de Cerdeiriños anotaron dous goles máis ao contragolpe que deixaron visto para sentenza un duelo no que o Monterroso tivo o control do xogo, e o Burela do coiro.

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *