A Segunda Rexional comezou con contrastes. Equipos que contan os dous encontros por triunfos, conxuntos que non gañaran e golearon na segunda xornada ou clubs que aínda non conseguiron puntuar.
O Racing Villalbés B e o Pastoricense mandan no norte. O Friol, o Ferreira e o Palas fano no sur. O cadro da Ulloa é a revelación deste inicio de competición. O equipo de Brais Vázquez vén de regresar a Segunda cun balance de dúas vitorias pola mínima e sen encaixar ningún gol.
Na zona norte, a maior efectividade do filial do Racing Villalbés mantenos na cabeza fronte a outro equipo chairego, o Pastoricense. Ambos veranse as caras na terceira xornada. O conxunto racinguista sumou unha vitoria de prestixio no campo do Folgueiro. Poderiamos dicir que se trata do primeiro golpe na mesa dos pupilos de Iván Lamas dada a entidade do campo e do rival.
O Pastoricense é segundo tras vencer no duelo de proximidade ao Abadín, un dos conxuntos que non logrou puntuar nestas dúas xornadas. Sen facer un gran partido, aos do Acebreiro bastoulles coa maior efectividade de cara a porta.


Completan a zona de fase de ascenso tres equipos que gañaron na primeira xornada e lograron un punto na segunda: Mondoñedo, Comercial e Xermade. Precisamente, o Mondoñedo e o Xermade igualaron sen goles no Viñas da Veiga.
A Comercial aguantou no Rodríguez Lago as investidas na segunda metade dun Cospeito que suma dous puntos neste comezo.
O Pontenova, a Candelaria e o Muimenta perderan na primeira xornada, pero conseguiron tres puntos na segunda.


O Sporting deu a sorpresa na Mina ao derrotar ao Iberia. Tratábase dun encontro especial porque varios ex membros do cadro pontenovés están este ano no Iberia, entre eles o ex adestrador Moro. O equipo preparado por Castro tivo unha pretemporada difícil e está en construción.
A Candelaria venceu a domicilio no duelo de proximidade ao Alfoz pola mínima. Tampouco puntou o cadro alfocense no que vai de liga.
Pola súa parte, o Muimenta superou no Pichón ao Roupar que tampouco conseguiu estrear a súa reconta de puntos. O cadro verde adiantouse nada máis empezar o encontro. Os locais remontaron no segundo tempo con goles de Iago e de Julio.
Cabreiros e San Ciprián sumaron un punto. Sobresaíu o gol de Antón para os visitantes cun disparo dende fóra da área que entrou pola escadra.
Na zona sur, o balance positivo na diferencia de goles convirte ao Friol no líder da segunda semana de liga. Por diante do Ferreira (que marcou máis goles, pero tamén encaixou máis) e do Palas (que non recibiu ningún gol, pero anotou dous).

O cadro friolés venceu na Reigosa ao Sporting Lucense. Partido que pasou por diversas fases e tras poñerse os locais 2-0 os visitantes achegáronse no marcador. De novo, o Friol impuxo a súa efectividade. O Sporting marchou moi descontento coa actuación arbitral.
O Ferreira derrotou ao Incio no Carboeiro. O cadro amarelo é dos que non puntuou. Os locais dominaron con máis autoridade.
O Palas superou fóra da casa ao Lemos B, que chegaba como líder tras a primeira xornada. O cadro lemista realizou un gran partido e incluso dominou o xogo, pero os visitantes foron máis prácticos nas áreas. Marcaron na segunda metade e souberon defenderse ben.

Completan postos de promoción de ascenso con 4 puntos o Oural e o Paradela. Ambos empataran na xornada inaugural e conseguiron sumar de tres a pasada fin de semana. O Oural impúxose con claridade ao Antas. Mentres que o Paradela venceu nun duelo axustado ao Becerreá.
O San Lázaro logrou o primeiro triunfo. Goleou ao Carballedo anotando nove goles. O conxunto visitante chegaba con baixas ao encontro e batiu coa espectacular efectividade local (5-1) ao descanso. Logo a expulsión do gardamallas aínda complicou máis a vida ao Carballedo.
Tamén conseguiu os primeiros tres puntos o San Roque ante o Quiroga. Non foi un gran partido de ningún dos dous conxuntos, pero os locais amosaron olfacto goleador.
Pola súa parte, o Chantada B sacou un valioso punto nos Medos ante o Brollón. Con todo o filial desaproveitou un penalti nos primeiros minutos. Antes do tempo de lecer adiantáronse os locais. A reacción foi inmediata dos visitantes que igualaron cun gol de Antón.