Rematou o ano futbolístico na Terceira Galicia e fíxoo con troco de líder no grupo sur. O Rubián perdeu o seu primeiro partido da temporada diante do Corgo e o Páramo, co seu triunfo fronte ao Taboada B, colleu o testigo dos de Senén López. O Sober venceu ao Relámpago Taboada e recurta diferencias cos postos de ascenso, mentres que a terceira vitoria consecutiva do Chantada Atlético B achega ao filial aos postos de promoción. No grupo norte o Celta Barreiros gañou con comodidade ao Friol B e conta con sete puntos de vantaxe sobre o Casás, segundo, e catorce sobre o Goiriz, terceiro.
grupo norte
O Celta Barreiros da boa conta do Friol B e mantén unha ampla renda no liderado (4-0). Na primeira metade o Friol B incomodou a un Celta Barreiros que lle costou xerar o seu fútbol. Malia todo contou con boas ocasións de gol que desbaratou un atinada Mateo na portería visitante. Os de Rubén Acebedo lograron adiantarse no último suspiro da primeira parte cun tanto de Nico. O ribadense rematou un bo centro de Javi Andina. Na segunda metade o Friol B deixou máis espazos e o Celta Barreiros xerou moito perigo co seu xogo por banda. En dous minutos chegaron dous tantos e o encontro quedou sentenciado. Preto do final, Javi Andina cunha boa vaselina fixo o cuarto.
O Casás recupera o ritmo diante do Rioaveso (4-1). Encontro disputado no campo da Cheda, o que favoreceu a un Casás que comezou gañando cun tanto de Maira. O Rioaveso reaccionou rápido e aos tres minutos Aleso igualou a contenda aproveitando un erro da zaga e o porteiro locais. Nun penalti moi protestado polos chairegos, Cristian volveu poñer por diante ao Casás e Ferro fixo o terceiro a pase de Juan. Na segunda metade o encontro baixou o seu ritmo e o Rioaveso contou cuns bos minutos, que non aproveitou para achegarse no marcador. O Casás tivo boas ocasións para lograr o cuarto por medio de Braian ou Fonseca, pero foi Rober o que anotou desde o seu propio campo. Cristian a piques estivo de facer o quinto cunha volea que se estrelou no pao.
O Goiriz saca proveito do balón parado para vencer ao Celeiro (2-0). Os chairegos suman catro vitorias consecutivas e métense de cheo na pelexa polo ascenso. A néboa protagonizou un encontro no que o Celeiro se presentou con moitas baixas en defensa. O Goiriz contou na primeira metade con varias ocasións de gol que desbaratou o gardameta Jony. Na segunda metade, nun saque desde o curruncho Muñiz cabeceou ao fondo da portería. O Celeiro buscou o empate xerando perigo polas bandas, aínda que a ocasión máis clara tívoa Xavi Goás cun lanzamento de falta que se estrelou no longueiro. Xusto antes do desconto, unha falta lateral rematouna de novo Muñiz facendo o segundo tanto.


O Cazás reencontrouse coa vitoria diante do Castroverde (3-2). Oito xornadas despois o Cazás volveu a sumar tres puntos e afonda no mal momento dun Castroverde que colleitou a cuarta derrota seguida. Cunha néboa tupida no Catro Ventos, o Cazás saiu mellor ao campo e tivo varias ocasións para marcar. O tanto local chegou no minuto 22, obra de Carlos cun centro lateral que se envenenou. Héctor logrou o empate antes do descanso para o Castroverde, que foi mellor no tramo final do primeiro tempo. O segundo tempo comezou como o primeiro. Jose e Lois puxeron terra de por medio no marcador e o Castroverde non recurtou diferencias ata o minuto 88 de penalti. Os de Fran Veiga tiveron ocasións para empatar no desconto.
O Catro Roldas venceu no medio da néboa a un bo Piringalla (3-0). Tamén a néboa foi a gran protagonista na Canteira. Alí o Catro Roldas volveu á senda da vitoria nun encontro no que o rival ofreceu bastante máis resistencia da que amosa o marcador. Os goles non chegaron ata a segunda metade. Samu abriu o marcador á contra e Moha fixo o segundo de penalti, nunha acción moi protestado polo conxunto visitante. O Piringalla volcouse na procura dun gol que os metara no partido e o Catro Roldas atopou espazos á contra. Moha fixo o terceiro tanto xa co tempo cumprido.
O Matela suma a segunda vitoria consecutiva fronte á Comercial B (2-1). O filial lucense viña de sumar sete dos últimos nove puntos en xogo, pero caeu en San Lourenzo de Aguiar diante dun remozado Matela. O cadro local adiantouse aos catro minutos ao transformar Maikel un penalti. Os visitantes foron quen de igualar por medio de Javi, que aproveitou un erro de marca do defensor. Antes do intermedio, Maikel volveu poñer de novo por diante ao Matela cun bo gol de falta. No segundo tempo o Comercial B buscou o empate pero foi o Matela quen contou con boas ocasións para sentenciar.


grupo sur
O Páramo vence ao Taboada B e é novo líder (3-1). Os de Jony Lombardía asaltaron o liderado xusto antes do parón navideño. Fronte ao Taboada B, o Páramo realizou un encontro moi completo no que o marcador puido ser máis abultado. Hugo abriu o marcador aos catro minutos cun bo gol de falta. O cadro local estrelou o balón no longueiro ata en tres ocasións, antes de que os visitantes igualaran cun tanto de penalti. No segundo tempo, Hugo volveu a poñer en vantaxe ao Páramo e preto do final José sentenciou para os das Rapadas.
O Corgo vence a un descoñecido Rubián e achégase ao play off (2-0). Cedeu o liderado un Rubián que non compareceu no Municipal. Os de Abel Rochela, co apoio do fútbol base do club que fixeron a súa presentación, saíron moi ben ao partido e xa puideron poñerse por diante aos catro minutos cunha clra ocasión. Antes da media hora de xogo, Mounir puxo por diante ao Corgo e Sebas sentenciou na segunda metade. O Rubián apenas xerou ningunha ocasión de gol.
Os erros condearon ao Relámpago Taboada en Centeás (3-1). O Sober non cede no seu empeño de achegarse á segunda praza e acadou un triunfo sen demasiado brilo diante dun Relámpago que fixo méritos para sacar algo positivo de Centeás. Os erros defensivos condearon aos de Diego Saborido que viron como se adiantaba o Sober cun tanto en propia porta de Brian. No segundo tempo, o Sober en dous minutos sentenciou en sendos erros da zaga visitante. A cinco minutos para o final, Moure recurtou diferencias para o Relámpago cun gol de cabeza que se colou pola escadra.

Triunfo cómodo do Río Sil fronte á Sarriana B (5-2). Dominio claro do conxunto local, que foi quen de controlar o encontro desde o comezo, xerando unha boa cantidade de situacións de perigo. Chomi e David marcadron no primeiro tempo e nada máis voltar de vestiarios chegou a sentencia, de novo obra de Chomi. Recurtou diferencias o filial sarriao, pero o Río Sil non tardou en anotar dous tantos máis que deixaban o encontro visto para sentencia. Co tempo cumprido Fabio fixo o segundo para os visitantes.
O Santa Comba igualou en inferioridade no campo do Bóveda (2-2). Primeiro tempo de dominio do Bóveda, que logrou poñerse cunha clara vantaxe de dous goles no marcador, obra de Jonas e Michel. Antes do descanso o Santa Comba reaccionou e logrou recurtar diferencis cun gol de Santi. No segundo tempo, ambolos dous conxuntos contaron con boas ocasións de gol. O Santa Comba tivo que xogar en inferioridade media hora ao ver Toño o segundo cartón amarelo. As ocasións continuaron sucedéndose e foron os visitantes os que lograron o empate, obra de César. Os últimos compases do encontro foron un toma e daca no que o resultado puido caer para calquera dos dous conxuntos.

O Chantada Atlético B remonta para acadar a súa terceira vitoria consecutiva diante do Monterroso B (3-2). A primeira metade foi de claro dominio monterrosino. Os de Javitxu marcharon ao descanso con dous goles de vantaxe no marcador, ámbolos dous obra de Yoni, e coa sensación de que a diferencia podía ser máis ampla. No segundo tempo a relaxación apoderouse do Monterroso B e o Chantada Atlético B non dixera a súa última palabra. Os de Ivi Gayoso medraron co paso dos minutos aínda que os goles non chegaron ata o último cuarto de hora. Miguel, Ariel e Poyán lograron darlle a volta ao marcador. Co 2-2 no marcador o Monterroso B desperdiciou unha pena máxima que os volvería a poñer por diante.
