O partido da xornada . . . S.D. Burela – E.D. Lourenzá: o líder recibe un aspirante ferido

Este domingo ás 17 horas na Marosa dispútase un encontro que marcará o futuro da Segunda Autonómica. S.D. Burela e E.D. Lourenzá eran desde o comezo da competición dous firmes candidatos a ocupalos postos cabeceiras nesta categoría. Os burelaos, logo do descenso do pasado ano, buscaban saír do pozo á primeira, pero a temporada, malia o que indica a clasificiación na actualidade, non foi sinxela, cunha primeira volta un tanto irregular. O Lourenzá, tras unha gran temporada, catro derrotas nos últimos sete encontros poñen en perigo o soño do ascenso dos de Diego Rego.

A S.D. Burela chega ao encontro desta fin de semana nunha dinámica brillante. Quince encontros sen perder. Trinta e nove dos últimos corenta e cinco puntos en xogo. Números que asustan a calquer rival e que fan que os da Marosa sexan líderes a falta de cinco partidos para o final, pero con tan só catro puntos de ventaxa sobre os seus perseguidores, Pol e Folgueiro. Isto fala ás claras da gran igualdade entre os equipos cabeceiros. Para Jairo Campo, xogador burelao “é verdade que todo está moi igualado, pero somos nós os que temos a mellor situación e non a queremos deixar ir. O Pol reforzouse para o tramo final, o Folgueiro está a sacar adiante tódolos partidos por difíciles que sexan, ao Guitiriz penso que lle está pasando factura o feito de quedar varios anos ás portas do ascenso e o Lourenzá, aínda que tivo un baixón, segue na pelexa e dudo que tire a toalla“. Sobre a gran racha do Burela, Jairo non quere relaxación, “sabemos que un despiste sempre che pode complicar as cousas, de feito o domingo pasado no minuto 90 en Guitiriz tiñamos moito feito e no 95 co empate, xa temos outra situación ben distinta na táboa”. Sobre o encontro do domingo na Marosa “ vai ser un derbi bonito, no cal os dous estamos metidos na pelexa polo ascenso e os puntos son moi importantes. Temos a ventaxa de que o partido é na nosa casa, que para nós é un plus, pero a estas alturas ningún equipo vai regalarnos nada. Ogallá logremos a victoria e a S.D. Burela esté máis preto de Primeira“, di Jairo.

Jairo suma once tantos esta temporada

Pola súa banda, o Lourenzá que ao igual que o seu rival atravesou unha gran racha de xogo e resultados, chega a este encontro sen marxe de erro. A derrota nas Valgas ante o Iberia e sobre todo a última en Santa Cruz ante o Pol, rival directo deixan aos laurentinos a cinco puntos dos postos de ascenso. Iván Recalde, capitán do Lourenzá, advirte que “somos un equipo que leva nos xenes non rendirse nunca e pelexaremos ata o final, aínda que sabemos que é complicado e a derrota ante o Pol deixounos tocados“.  Para Recalde, este ano a Segunda Autonómica “é unha categoría moi forte, e desde as primeiras xornadas xa se puido ver que equipos ían estar arriba. Nós fixemos unha primeira volta moi boa, pero na segunda as lesións fixeron que tivésemos algo xustos de efectivos“. O próximo domingo na Marosa afrontan unha das últimas balas, “tentaremos facer o noso partido para lograr os tres puntos. Será difícil, xa que o Burela ten un gran bloque, defenden moi ben e teñen grandes xogadores. Se van líderes destacados non é unha casualidade“, afirma Recalde.

A voz da experiencia no Lourenzá: Iván Recalde

 

ESTA FIN DE SEMANA TAMÉN PODES VER . . .

Preferente Norte

Viveiro C.F. – Atlético Escairón (Domingo ás 17 h. en Cantarrana): encontro clave na loita pola permanencia. Ámbolos equipos chegan empatados a puntos. No Escairón debuta Javi López no banco.

Arturo é unha das pezas clave do Viveiro na búsqueda da permanencia

Polvorín S.D. – San Tirso, SD (Sábado ás 18 h. na Cheda): os de José Durán, líderes, reciben ao equipo de Abegondo que acumula tres xornadas consecutivas gañando e xa saiu dos postos de descenso.

Pedro e Mauro ben seguro serán homes importantes nos encontros que Polvorín e Residencia disputarán na Cheda

S.D. Residencia – S.D. Sofán (Domingo ás 17:30 na Cheda): importante encontro pra os lucenses na procura da tranquilidade de cara ao final de temporada. Os de Carballo xogan coa tranquilidade de ter o obxectivo cumplido.

Primeira Autonómica

S.D. Chantada – C.D. Foz (Domingo ás 17:15 no Sangoñedo): os locales tentarán recurtar diferencias cos postos de ascenso ante o líder, un Foz que conta os puntos  que lle faltan logralo salto de categoría.

A.D.C. Valadouro – S.D. O Páramo (Domingo ás 17 h. no Árbol): os de Julio Castro, coa importante baixa de Felipe Varela, xogan ante un rival directo para certificala permanencia.

Felipe Varela xa afronta a recuperación da lesión no tendón de Aquiles

Segunda Autonómica

Abadín C.F. – C.D. Alfoz (Domingo ás 17 h. no Municipal): tres puntos vitales na loita pola permanencia. O Abadín daría un paso de xigante se derrota a un Alfoz que tras gañar ao Matela e plantarlle cara ao Cabreiros soña coa salvación.

O Alfoz afronta un encontro clave na súa loita por evitalo descenso

Palas C.F. – S.D. Chantada B (Domingo ás 16:30 h. nos Chacotes): os locales tras catro partidos sen gañar buscarán darlle unha alegría á súa afección. O filial chantadino chega en ascenso logo do traspé do Chantada Atlético.

Terceira Autonómica

C.D. Corgo – A.D. Catro Roldas (Domingo ás 17:30 no Municipal): un triunfo do Corgo suporía o ascenso matemático de categoría. Os de Román non llo porán fácil, precisan os puntos pra non caer fóra dos postos que dan acceso a Segunda.

C.D. Río Sil – C.D. Guntín (Domingo ás 16:30 na Carqueixa): encontro entre o segundo e o terceiro clasificado, que buscarán os tres puntos para tentar superar ao líder, o Paradela.

 

Imagen por defecto
Marcos Fernández
Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte
Artículos: 407

Deja un comentario