Nova directiva San Roque

Pacto histórico en Montirón

A escasos metros da muralla de Lugo, no barrio de Montirón e colindando coa buliciosa rúa San Roque, atópase o a Polvoreira. Un campo de fútbol que leva moitos anos decorando a cidade e que foi testemuña de partidos épicos. Un campo de fútbol que, ao estilo de San Siro ou o Olímpico de Roma, é o fogar de dous clubes cunha amplia traxectoria no fútbol provincial: a SDC San Roque e as EF Polvorín.

O corazón da cidade de Lugo é así a sala de máquinas dun conxunto que está a medrar moito nos últimos anos, a SDC San Roque. Un equipo familiar e de barrio que acadou o ascenso á Primeira Galicia na 2018/2019 e que mantivo a categoría un ano máis tarde, cando a pandemia puxo un punto e seguido ao fútbol afeccionado. Agora, na 2021/2022, os de Montirón presentan un ambicioso proxecto deportivo que desgranaremos de seguido.

Pero antes de falar das ambicións dos verdibrancos é necesario comentar os cambios que se producirán na estrutura da entidade. A directiva pasará a estar composta de forma íntegra por mulleres, mentres que Montero -referencia nas oficinas do San Roque- seguirá traballando no clube, pero deixará os cargos directivos.

Integrantes da nova directiva da SDC San Roque

Esta novidade non é a única que presenta o “novo” San Roque. A boa relación existente entre as novas xestoras do clube e a directiva das EF Polvorín -o outro clube histórico do barrio de Montirón- permitiu asinar un acordo de colaboración entre ambos conxuntos. Así, a SDC San Roque poderá servir como salto ao fútbol sénior dos rapaces da base das EF Polvorín, que non contan con primeiro equipo desde fai un lustro.

A asociación cun equipo sénior semella un paso necesario para o clube amarelo, pois o seu proxecto de fútbol base non fai máis que medrar (o xuvenil xa milita na Liga Galega), pero os rapaces botaban en falta unha oportunidade para seguir xogando ao fútbol cos compañeiros e preto da casa.

Porén, a asociación co Polvorín non supón a perda da identidade do San Roque, nin moito menos. De feito, o proxecto seguirá comandado por Manolo García, o técnico que acadou o salto de categoría e a permanencia e, como xa sinalamos, Montero seguirá moi presente no clube, xa que será o delegado do primeiro equipo. A continuidade destas dúas pezas será fundamental para a renovación de gran parte do cadro de xogadores do San Roque dos últimos anos, que acompañarán aos rapaces que forman ou formaron parte da base das EF Polvorín (e que serán anunciados no nos #Diariodunmercado).

Último cadro de xogadores do San Roque.

Pero o convenio da Polvoreira non remata no fútbol sénior, senón que afecta directamente ao fútbol base. Pois as EF Polvorín son un clube que, polo seu bo facer e a súa boa localización, contan cada ano con máis rapaces e rapazas, pero a base da SDC San Roque estaba a pasar por un momento complicado. Por iso, a nova directiva verdibranca traballará nunha captación de pequenos e pequenas de todas as categorías con descontos do 50% para conseguir varios equipos de base e, a partires de aí, seguir medrando. Polo momento, a única categoría do San Roque que sí sairá a competir seguro -ademáis da sénior- será o xuvenil, idade na que as EF Polvorín cederán rapaces.

Os xuvenís do Polvorín que rematen ciclo poderán xogar no San Roque.

Aínda hai máis. O proxecto do San Roque tampouco remata aquí. A nova directiva, composta -como comentamos- por cinco mulleres, tratará de captar a rapazas de todas as idades para sacar un conxunto feminino que compita a nivel autonómico. A campaña de captación gozará do mismo desconto que o resto do fútbol base (50%). Os teléfonos de contacto para inscribirse son o 657979471 (Sesé), 679442532 (María) e 629170281 (Rocío).

Nas próximas datas anunciaremos máis novidades deste proxecto e do convenio asinado entre estes dous clubes capitalinos que, despois de anos protagonizando derbis moi atractivos, escriben unha nova páxina nas súas historias collidos das mans. Ambos seguirán existindo como clubes independentes, pero a cooperación e a harmonía serán as notas dominantes na Polvoreira.

Imagen por defecto
Santi Real
De campo en campo. Maniaco do fútbol. En formación continua, aprendendo cada día.
Artículos: 458

Deja un comentario