Comeza agosto pero non cambiamos a tónica das últimas semanas. Os clubes da provincia apuran as fichaxes e renovacións para afrontar os seus obxectivos na 21/22, campaña na que agardamos recuperar a normalidade futbolística.

Comezamos o repaso de hoxe pola Preferente. Nela, o CD Santaballés ten un novo xogador: Corbelle. O ex do Páramo e do Polvorín chega á Liga para reforzar o medio do campo dos chairegos. Ademáis, o Santaballés completa o seu corpo técnico coa fichaxe de Marcos, que será o segundo a bordo de Juan Rodríguez. Máis ao sur, o Atlético Escairón renova a un home da casa, Antonio, que será un dos pilares dos do Saviñao nesta nova temporada.

Na Primeira Galicia, o CD Castro contará un ano máis cos servizos do seu capitán, Diego Pardeiro “Dumi”. O de Cospeito, ademáis de ser o timón dentro do campo, será tamén o director deportivo do clube, coordinará o fútbol base e adestrará nas categorías inferiores do Arturo Pereiro. Outro clube que ultima o seu cadro de xogadores é o Riotorto, que renova a Fran Pastor.

Na Segunda Autonómica, o CD San Ciprián asina a Iván, formado na base da SD Burela e ex do Ribadeo. No sur, o Quiroga mantén a Ruboi como adestrador. O conxunto quirogués xa conta con 20 xogadores e comezará a pretemporada o vindeiro 17 de agosto.

E falando de pretemporadas, o CD Lugo “B” xa anunciou os seus amistosos de preparación. Ao derbi de onte ante o Racing Villalbés (1-1) sumarán seis encontros máis: CD Arenteiro (04/08), Somozas (13/08), Viveiro CF (16/08), Sporting B (23/08), Club Lemos (29/08) e CD As Pontes (04/09).

Imagen por defecto
Santi Real
De campo en campo. Maniaco do fútbol. En formación continua, aprendendo cada día.
Artículos: 459

Deja un comentario