#Fútbol afeccionado #Entrevistas #Segunda Futgal

Paco López: «Os resultados non eran acordes co nivel do Cabreiros»

Paco López deixou de ser a finais de ano adestrador do Cabreiros. Paco López puxo fin a súa segunda etapa como técnico do cadro da Acea. Paco López deixa ao equipo con tres puntos de marxe sobre os postos de descenso directo. 

Francisco López Rivera ‘Paco López’ fíxose cargo do Cabreiros en setembro de 2022. O equipo estaba nunha situación complicada logo da non continuidade de Abel Rochela. A pretemporada fixérase cos primeiros partidos de liga e pouco a pouco foronse incorporando futbolistas. Tras salvar a categoría, semellaba que este curso o equipo podía dar un paso adiante, pero ata o momento iso non se produciu. 

O adestrador pontés marcha e chega Isaac Rouco. O preparador vilalbés incorporase logo da súa experiencia no filial do Castro co que conseguiu un ascenso de Terceira a Segunda Rexional. Isaac estaba esta tempada xogando no Santaballés

Paco López considera que o Cabreiros ten capacidade para máis. Pero non se vía nestes momentos a persoa axeitada. Conversamos con el sobre a súa experiencia e as súas visións como adestrador. 



Futbolinlugo: Como se produce a túa saída do Cabreiros a final de ano?

PL: Fun eu quen me reúno con Moncho (presidente). Dígolle que ao mellor non lles estou trasladando aos xogadores todo o que podemos sacar deles. Considero que o equipo non está funcionando no nivel que debe. Aquí temos xente que xogou en xuvenís en Liga Nacional e Galega, tamén en Primeira Autonómica ou algún incluso en Preferente. Os resultados non son acordes co nivel que ten esta campaña o cadro de xogadores. 

A confianza que teño con Moncho é total. El opinaba que non era culpa miña, pero finalmente chegamos a conclusión de que o mellor era que me apartara. 



Fil: Cales cres que son as razóns polas que o equipo non funcionaba ao nivel que ti agardabas?

PL: Eu coñezo a todos os xogadores. Moitos deles adestreinos en infantís e cadetes no CD As Pontes. Creo que xa estaban cansos do que eu lles quería transmitir. Nos adestramentos non había a intensidade que tiña que haber. Non estabamos competindo como creo que deberiamos. O mellor era un cambio e agora co parón era o momento. 

Paco López: “Estabannos faltando máis ganas e intensidade”

Paco López dirixiu temporada e media nesta segunda etapa no Cabreiros
Equipo do Cabreiros na pretemporada 2023. Foto de presentación do club na V Guía ‘Fútbol en Lugo’ publicada en papel en setembro de 2023.

Fil: Finalizas a túa 2ª etapa como adestrador do club. Chegas a finais do verán de 2022. Como foi aquel momento?

PL: Chego a Cabreiros faltando dez días para comezar a liga. A miña intención non era adestrar. Chámame Moncho nunha situación bastante complicada. Había 18 fichas tramitadas, pero xogadores para competir había 12. Eu ao Cabreiros quérolle ben. Aprecio as persoas que están na directiva. Estaban nunha situación límite e fun botar esa man. 

Fil: Paralelamente a túa chegada, conseguiches reforzar o equipo…



PL: Teño boa relación con moita xente das Pontes e chamo a varios futbolistas que xogaron nas categorías inferiores. Intentamos que o club saira a competir. Acabamos a primeira volta con 17 puntos. E logo tivemos a ocasión de fichar a David Otero que viña de Preferente e o club competiu ata o final de liga bastante ben. 

Esta temporada renovo e continuaron varios xogadores. Apuntálase o equipo con futbolistas como Joan, Sergio Hermida ou Sergio Díaz e, máis tarde, Alberte Ledo. Agora igual tamén se vai poder incorporar Beto, un xogador moi importante. Creo que o grupo ten que saír adiante porque ten capacidade. 

Fil: Como ves o nivel da Segunda Galicia zona norte? 

PL: O equipo gañou dous partidos, empatou seis e perdeu seis. Dous equipos superiores. O Iberia en San Miguel de Reinante demostroume que ten dous cadros de xogadores. E en Pastoriza nós fomos con doce futbolistas, un partido do que non podemos sacar conclusións. Tamén me gustou bastante o Racing B. Competímoslle ben ata o minuto 87. Eses tres teñen un nivel superior para min. Despois pódeslle gañar a calquera e pódenche gañar. O importante é competir ben e estabannos a faltar máis ganas e intensidade.

Paco López: “A tempada do CD As Pontes está sendo un pouco decepcionante”

Fil: Estiveches moitos anos na estrutura do CD As Pontes. Agora, dende fóra, como estás vendo a campaña do equipo en Preferente preto dos lucenses Castro, Ribadeo, Lemos e Residencia?

PL: Creo que está a ser un pouco decepcionante. O cadro de xogadores está confeccionado para non pasar apuros. É certo que hai moita xente nova que se ten que acoplar. Fixeron dúas incorporacións importantes como o regreso de Dani Fernández (procedente do Racing Villalbés) e de Michel Kolie (que xa estivera aquí). Polo nivel dos futbolistas non ten que pasar ningún tipo de apuro. 

Paco López: “Nun equipo filial, dous ou tres xogadores deberían entrar en convocatorias do primeiro equipo”

Fil: No seu momento fuches adestrador do filial do CD As Pontes que finalmente desapareceu. Como ves ti a liña que seguen varios equipos afeccionados de sacar un conxunto filial?

PL: Tes que ter xente que che aporte algo ao primeiro equipo. Cando só se fan para ter xente que adestre alí e que poda completarche un ou dous adestramentos por semana, ao final o único que fan os filiais é facerlle dano a equipos como o Cabreiros, Santaballés, Xermade ou Roupar. Como mínimo, dous ou tres xogadores deberían entrar en convocatorias do primeiro equipo. Se non é así, non lle vexo moito sentido. Particularmente, paréceme que non é rendible. 

Paco López: “Estou aberto a volver adestrar pero non ao PM Friol”

Paco López adestrou uns meses ao PM Friol que daquela xogaba na chamada Primeira División Nacional (a segunda categoría do fútbol feminino estatal)
Paco López (dereita) na súa presentación como adestrador do PM Friol en 2017. Á esquerda, o presidente Geluco Villar

Fil: Apeteceríache volver adestrar?

PL: Esta tempada está claro que non. Pero estou aberto a volver porque a min o fútbol gústame moito. 

Fil: E no fútbol feminino? Xa tes unha experiencia previa en Friol…

PL: A experiencia de Friol considéroa moi gratificante. Leveime unha sorpresa moi grande. Había rapazas dun nivel extraordinario como ‘LP’ que está no Madrid CFF en Primeira División, Fanny Varela, Patri que estivo no Dépor,…

Podería volver ao futfem se dá a oportunidade. É certo que non é igual adestrar ao Friol daquela en Segunda División como un equipo que pode estar na Terceira Galicia como é o caso do feminino das Pontes. O nivel de esixencia non pode ser o mesmo. En Friol teñen o seu salario e o seu compromiso. Algunha vive do fútbol.

Fil: Volverías adestrar en Friol?

PL: En Friol non. Primeiro, que me queda bastante lonxe e despois hai temas que non me convencen. O presidente quere facer as cousas ben, pero aglutina moitas funcións. Un non pode ser presidente, segundo adestrador, fotógrafo e cobrar a entrada ao campo. Polo nivel de adestramentos e da competición non tería problema en volver, pero cada un ten que saber cal é o seu sitio. 

Fil: Lucía Pardo xa apuntaba maneiras…

PL: Si, unha xogadora extraordinaria. Rapidez, un golpeo coas dúas pernas espectacular,… sorprendeume moitísimo xa o primeiro día de adestramento. Dis, aquí hai xente que sabe de que vai isto. 

Paco López: «Os resultados non eran acordes co nivel do Cabreiros»

Trío de Ases O Cantón. O Polvorín

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *