#Fútbol afeccionado #Preferente Futgal #Terceira RFEF

Trío de Ases O Cantón. O Polvorín volve gañar sete xornadas despois

mercado

Volveu o noso fútbol despois do parón polas festas do Nadal e fíxoo con partidazo na Madalena. O Racing Vilalbés sumou un importante punto diante dun Pontevedra chamado a ocupar un dos postos de ascenso. En Terceira RFEF, o Polvorín comezou o ano da mellor maneira. Os de Roberto Trashorras venceron na Cheda ao Arzúa. A Sarriana gañou pola mínima ao Arteixo e o Viveiro colleitou un empate no campo do Betanzos. Na Preferente, o Castro venceu no Arturo Pereiro fronte ao Eume, mentres que Lemos e Residencia empataron como locais diante de Galicia Mugardos e Sigüeiro, respectivamente. O Ribadeo caeu derrotado no campo dun Lalín que oposita ao ascenso.

O Racing bicou o triunfo diante dun Pontevedra doutra categoría (1-1)

Partidazo na Madalena no que o Racing Vilalbés sumou un importante punto diante do Pontevedra, un equipo dun nivel superlativo para a Segunda RFEF. Os de Yago Iglesias monopolizaron a posesión durante o primeiro tempo, pero o Racing cada vez que lograba transitar levaba perigo diante da área rival. Buyo contou cunha boa ocasión, que respostou o rival cun zapatazo que se estrelou na cruceta. O Pontevedra achegouse á portería de Álex Santomé con moito perigo. No minuto 40, unha boa xogada de Isaac por banda esquerda culminouna Uzal cun remate na área pequena adiantando aos chairegos.

O encontro trocou radicalmente no segundo tempo e estivo moito máis aberto. Isaac contou cun man a man diante de Edu que este detivo moi atinado. Os seguintes minutos foron de alternativas para ámbolos dous conxuntos. Máis posesión dos visitantes, pero o Racing non dubidaba en xerar perigo á contra. Churrre e Javi Varela deixaros aos dous equipos con dez antes de que o Pontevedra estrelara outro balón no pao. No 91 chegou o tanto do empate, obra de Rufo tras un barullo na área. Santi Gegunde viu o cartón vermello e o Racing defendeu o empate con nove no desconto.



A Sarriana vence pola mínima ao Arteixo e suma sete puntos dos últimos nove en xogo (1-0)

Encontro igualado na Ribela entre dous conxuntos que quixeron o balón. Na primeira parte foi a Sarriana quen tivo máis posesión e xerou algunha ocasión de gol, a máis clara nun testarazo de Keko que detivo moi ben o soberino Ramón.

Na segunda metade, o Arteixo foi quen dominou, pero sen achegamentos claros ás inmediacións de Javi Liz. Co paso dos minutos, a Sarriana foi quen creeu máis na vitoria e a falta de cinco minutos Tijan definiu tras un bo pase de Germán.



Os de Jorge Cuesta, tras lograr sete dos últimos nove puntos en xogo situánse comodamente na metade da táboa clasificatoria.

O Polvorín derrota na Cheda ao Arzúa e sae dos postos de descenso (2-0)

Tiveron que pasar sete xornadas e que chegara o 2024 para que o Polvorín volvera sorrir. Os de Roberto Trashorras foron superiores a un Arzúa que agardou replegado para saír á contra. Os albivermellos, moi concentrados, apenas concederon ocasións ao rival, mentres que Jorge, Maceira e Arhon contaron con boas ocasións para marchar ao descanso con algún gol a favor.

Non foi ata o segundo tempo cando chegaron os tantos. Nunha xogada de Arhon, un defensor rival anotou en propia porta. O Arzúa tentouno cun disparo lonxano xusto despois de encaixar o tanto. A falta de cinco minutos para o final, nunha transicción un centro de Mario rematouno coa zurda Gutián para sentenciar o choque para o Polvorín.

O Viveiro sumou un bo punto no campo do Betanzos pero cae ao postos de descenso (0-0)



Encontro que serviu de debut para Franco e Tomás, dúas das novas caras do Viveiro para o segundo tramo de competición que saíron de inicio no once de Alberto López. Partido moi igualado que comezou con dominio do Viveiro que foi quen de xerar perigo por ambas bandas. O Betanzos optou por un xogo directo sobre Anthony e Del Río apenas inquedou a portería de Ayoub no primeiro tempo.

A segunda metade foi de claro dominio celeste. Franco contou cunha clara ocasión que sacou un defensor sobre a liña, e Cora cun tiro cruzado tamén rozou o gol. A boa labor defensiva dos mariñáns resultou determinante para que o Betanzos non contara con ningunha ocasión de gol. A falta de acerto cara a porta contraria privoulle aos de Alberto López de sumar tres puntos no García Hermanos.

O Castro vence con suspense ao Eume no día do show de Fito (4-2)

Catro tantos do pichichi serviron para dobregar ao pechacancelas no Arturo Pereiro nun encontro que os chairegos deberon resolver moito antes. O Eume, sen apenas xerar ocasións de gol foi quen de poñer en serios apretos aos de Rafa Casanova. Aos quince minutos de xogo, os visitantes adiantárons cun tanto en propia porta de Víctor. Pouco despois Fito logrou o empate, aínda que a ledicia foi efímera, xa que o Eume voltou a anotar por medio de Parrocho. O Castro contou con numerosas ocasións para marcar, pero o empate non chegou ata a última xogada do primeiro tempo, de novo obra de Fito.

O segundo tempo foi de completo dominio local. Os trocos déronlle novos folgos ao Castro que puido sentenciar o encontro mediada a segunda metade, pero o tanto non chegou ata moi preto do final. Xa co tempo cumprido, Fito viu porta en dúas ocasións máis completando a súa tarde máxica.

Un bo Ribadeo caeu no campo do Lalín, máis efectivo nas áreas (2-0)

O encontro comezou cun Ribadeo mellor plantado no Manuel Anxo Cortizo que o seu rival e foi dominador no primeiro tramo de encontro. Asier contou cunha ocasión moi clara para marcar tras driblar a dous defensores, pero o gardameta Cascallar detivo o lanzamento do focense. Os de Dani Moirón seguiron xogando en campo contrario, pero o Lalín no seu primeiro achegamento á área rival foi quen de poñerse por diante. Hugo rematou ao fondo da portería un bo servizo de Chiño.

No segundo tempo, Xaime e Xairo entraron na procura de máis profundidade e o Ribadeo xogou case que por completo en campo contrario e contou cun par de ocasións moi claras para marcar. Xa preto do final, nun erro na saída de balón ribadense, Hugo volveu resultar decisivo e sentenciou o encontro.

O Lemos iguala na Pinguela co Mugardos e suma cinco xornadas sen coñecer a vitoria (1-1)

Costoulle entrar no partido ao conxunto monfortino e nun desaxusto defensivo Moi logrou o gol do cadro visitante. Co marcador en contra, o Lemos colleu, co paso dos minutos, o control do xogo e contou con algunha ocasión para marcar, a máis clara de Armesto. O Mugardos buscou saír á contra, aínda que sen xerar excesivo perigo nuns últimos compases do primeiro tempo de dominio alterno.

No segundo tempo, os de Juanlu Bernal xogaron en campo rival creando superioridades por banda. O dominio dos monfortinos tradúxose en claras ocasións nas botas de Mauro e Armesto, que estrelou o balón no pao. O empate chegou a falta de quince minutos, obra de Brais. Nos últimos intres o Lemos fixo méritos para lograr os tres puntos.

A Residencia encaixa no desconto un tanto que lle priva dunha necesaria vitoria co Siguëiro (1-1)

Resísteselle o triunfo á Residencia. Comezou mellor o cadro local, con vinte minutos de dominio e bo fútbol. Pereira e Txiki contaron con boas ocasións para marcar. A partir do ecuador do primeiro tempo, o Sigüeiro colleu o temón do partido e Xabier puido marcar, pero Marcos apareceu providencia para salvar o tanto visitante.

No segundo tempo, a Residencia foi quen de adiantarse cun remate cruzado de Andrés tras un gran centro de Txiki. Co marcador en contra, os visitantes tiveron os seus mellores minutos e puxeron en serios apretos aos de Dani Galán. Roi e Cristian contaron con boas ocasións, ata que no minuto 94 este último empatou ao rematar un balón solto dentro da área. No último suspiro Txiki rematou fóra diante do porteiro, nunha xogada clara para poder sumar os tres puntos.

Trío de Ases O Cantón. O Polvorín volve gañar sete xornadas despois

Máxicos Salvatierra. Xornada 17

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *