Óscar Rivas (As Pontes): “Sempre é bonito atoparse con xente que é importante na túa vida”

Un bo titular podería ser iso de “un líder refórzase coa chegada dun líder”. E atendendo aos feitos, non imos tan mal encamiñados. O As Pontes fichou neste mes de decembro a Óscar Rivas (25 – 01 – 1992, Ourol). Por un lado, o cadro pontés vén de facela mellor primeira volta da súa historia ao rematar campión de inverno do Grupo 1 da Preferente gañando 18 dos 19 encontros. A maiores, uns números de 65 goles a favor e 12 en contra. Por outro lado, o xogador ourolés vén de portar o brazal de capitán no ascenso do Lugo B á Terceira. Diferenzas coa política seguida pola dirección deportiva do CD Lugo fan que Óscar teña que coller a A-6, a A-8 e a AG – 64. Isto último por decisión del. Alí, será un máis dunha representación lucense a cargo de Pelayo, Diego Rego, Bossa, Fidi ou Erni.

Futbolinlugo: Por que decides fichar no As Pontes?

Óscar Rivas: A situación deportiva é máis ca vista. Costoume decidirme porque tiña algunha que outra oferta, pero xuntando que hai un cadro de xogadores que coñezo case ao 80%, no que teño grandes amigos,… Pensei que era o mellor para min. Hai un vestiario no que teño coñecidos de fóra e de dentro do fútbol, a maioría de Viveiro. Moi contento por iso. Sempre é bonito atoparse con xente que cres que é importante na túa vida.

Fil: Entre esas ofertas, houbo algunha de Terceira?

OR: Algunha houbo, pero creo que fixen o correcto porque era o que máis me apetecía.

Fil: Queres repetir, entón, ascenso?

OR: Ogallá. Os números que fixo o As Pontes ata agora son marabillosos. É unha temporada impecable. Tentarei axudar ao equipo no que poida, ser un máis e ogallá poida conseguir un ascenso consecutivo.

Fil: Dada a situación ao remate da primeira volta, que significaría non ascender?

OR: No fútbol nunca se sabe, pero os números falan por si sós. Sería un fracaso ou moi duro non ascenser. Está claro que vai haber momentos difíciles que hai todos os anos. Seguro que chegará algún no que teñamos que arrimar máis e sacalo adiante. Pero indo sempre con gañas e pensando que imos conseguir ese obxectivo.

“No pasado, todos os clubs teñen altos e baixos”

Óscar Rivas foi presentado co seu novo equipo pero polo momento aínda non debutou con el. Foto: CD As Pontes

Fil: Despois duns anos de dificultade no equipo pontés, vese que hai un novo proxecto?

OR: Iso me transmite todo o mundo co que falei. No pasado, todos os clubs teñen altos e baixos. O fútbol modesto sabemos como está. Dende a miña chegada só poido dicir cousas boas sobre o club.

“Dino todo por esa camisola e agora toca mirar adiante”

Fil: Despois da túa saída do Lugo B, con que te quedas?

OR: Xa dixen, neste medio, que estaría en Lugo ata que o club quixese. E así en parte foi. Todo o mundo ten un ciclo e non lle imos dar máis voltas. Deséxolle todo o mellor o Lugo e o Polvorín porque o levo dentro, foi alí onde me criei e me formei. Estou moi orgulloso e tranquilo polo ascenso conseguido. Do contrario, iríame triste. Dino todo por esa camisola e agora toca mirar adiante e outros proxectos.

Fil: Tamén comentaches que o teu soño era xogar no Lugo e que nunca cho ían quitar; cres que agora si cho truncaron?

OR: Os anos pasan e a vida dos futbolistas é corta. En certo modo puiden cumprir un soño: xoguei no Anxo Carro na última etapa co filial; e na anterior co primeiro equipo na Copa Federación sendo xuvenil. Xogar no Lugo está complicado, pero nunca se sabe se o ciclo se pechou aquí. Contento polo vivido.

Fil: Falamos do crecemento dos últimos anos do CD Lugo, segues pensando o mesmo ou cres que non medra no xeito que debería por casos como o teu?

OR: Manteño o que dixen. Creo que o club está facendo as cousas ben. Pode chegar xente nova que teña unha filosofía distinta en certos temas deportivos, pero o CD Lugo en xeral está por riba de calquera persoa.

Fil: Pensas que antes de que remate a tempada algún outro compañeiro sairá tamén do Lugo B?

OR: Sinceramente non o sei. Cada un fará o que poida ou o que lle digan. En inverno no fútbol xa sabemos que hai movementos. Non sei que vai pasar. Ogallá que non haxa máis cambios porque eu sei dende dentro do vestiario que os que estabamos o ano pasado queríamos ao Lugo. Así o demostramos en moitas ocasións enfrontándonos a conflitos e historias durante todo o ano para sacar adiante o Polvorín e deixar escrito unha páxina no club. O filial en Terceira creo que é moi importante para toda a base e iso vai quedar aí sempre

Fil: Coñecendo como ían ir as cousas, tomarías outra decisión no verán?

OR: Non cambiaría nada porque a min o club renovoume. No fútbol pasan estas cousas, pero non me arrepinto.

“Podemos pensar que imos xogar nun sito ou noutro, pero o que se necesita é estar a gusto”

Fil: Despois deste paso breve pola Terceira, que obxectivo te marcas a nivel persoal?

OR: Todo xogador quere progresar e asentarse en categorías superiores. Tiven opcións de saír outros anos a categorías máis altas e non o fixen porque busco estar agusto, rodeado da xente que coñezo,… Para min iso é moi importante porque poido desenvolver mellor as miñas facultades no xogo. Podemos pensar que imos xogar nun sitio ou noutro, pero, ao final, o que se necesita é estar a gusto. Fago en cada momento o que sinto.

Imagen por defecto
Iván Calaza
Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.
Artículos: 465

Deja un comentario