Aroma a domingo de verde na provincia, nos prados e nos campos de fútbol. Ese cheiro primaveral inigualable de herba segada, da igual se é de medio metro para ensilar ou dun centímetro para deixar o céspede no mellor estado posible. Domingo no que cantan os páxaros e tamén se pode cantar un ascenso. A situación futbolística na provincia non é a mellor na Preferente, pero hai un equipo que pode salvalo ano. O Lugo B ten a oportunidade de ascender por primeira vez a Terceira División a falta de dúas xornadas para rematala competición regular. Para iso e para non estar pendente dos rivais, debe gañar esta tarde preto da casa, no Municipal de Outeiro. Na previa dun gran encontro falamos cunha das almas máter dentro do vestiario albivermello. Viviu a época na que o primeiro equipo militaba na Segunda B, foise para volver e levar a cabo unha idea. Non é partícipe dos éxitos do Lugo na Segunda División, pero pon o seu grao de area para que o club non perda a súa esencia no momento máis importante da súa historia. Óscar Rivas (25-01-1992, Ourol) soña este domingo con dar un paso máis na traxectoria dunha entidade que non para de medrar.

FUTBOLINLUGO: Cales son as sensacións para o encontro ante o Outeiro?

Óscar Rivas: Traballamos igual ca todas as semanas. Afrontámolo como un partido máis, aínda que é certo que é unha semana soñada na que ademais de adestrar para gañar, tes o aliciente de ter o ascenso aí cerquiña. Estamos todos desexando que chegue a hora.

FIL: Hai presión por conseguir ese ascenso?

OR: Presión non, puxémola nós. O club fixo un esforzo estes dous últimos anos que competimos na Preferente. O curso pasado fixemos unha boa tempada pero quedamos ás portas. O obxectivo era chegar con vida ás últimas cinco xornadas de liga.

FIL: Xogades contra o Outeiro que non ten un obxectivo grande ao estar xa descendido, pero que está gañando moitos encontros no último tramo de liga…

OR: Sabemos que xogamos o líder contra o último clasificado, pero o partido vai ser complicado como o son todos. Somos o rival a batir, pero hai que convivir con iso.

FIL: Que suporía para o equipo o ascenso?

OR: Ao estar amparados por un club profesional, sabemos que o filial ten que estar un pouco máis arriba. Vai ser moi bo para os rapaces xogar nunha categoría como a Terceira División. Eu vivín a época anterior, na que o primeiro equipo estaba en Segunda B e o salto noso dende xuvenís era moi grande, asique imaxina agora co Lugo en Segunda. O salto ten que ser o máis pequeno posible. Hai moitos xogadores capacitados para competir co primeiro equipo nos que Francisco xa confiou ao longo do ano.

«Sempre tiven o soño de xogar co Lugo e nunca mo van quitar»

Óscar Rivas é un dos capitáns do Lugo B. Foto: @CDLUfutbolbase

FIL: E ti veste tendo a opción de competir en Segunda?

OR: Sempre tiven ese soño e nunca mo van quitar. Ca idade que teño é máis difícil ca outros dos meus compañeiros. Os rapaces téñeno un pouco máis fácil porque eu non poido alternar os dous equipos.

FIL: Como se leva esa situación, formando parte dun filial e tendo a limitación da idade?

OR: En todo vestiario ten que haber xogadores máis novos e outros máis veteráns. Todos aprendemos de todos, depende de cada persoa. Temos incluso máis presión, pero estamos capacitados e contentos por levar a cabo esa labor.

«O club está medrando a pasos axigantados»

FIL: Cambiou moito a entidade dende que ti chegaches sendo un rapaz?

OR: Estase traballando moito mellor desde abaixo, sobre todo en poñer cada vez máis xente formada nas distintas áreas. Tanto nas labores de campo, de adestramentos, oficinas,…está medrando a pasos axigantados.

FIL: No verán houbo certa renovación no equipo pero ti optaches por seguir…

OR: Vin moi noviño para Lugo dende Ourol e sempre que poño a camisola albivermella, da igual a do primeiro equipo ou a do filial, son feliz. Gústame moito ser profesional, tal como nós adestramos, que todo estea preparado. O club quixo que seguise e, mentras que eles queiran, eu vou seguir.

FIL: En que se nota esa diferenza de preparación vosa á hora de xogar os partidos fronte a outros rivais que non seguen ese ritmo tan profesional?

OR: Hai que ter en conta que contra nós todos se esfrozan ó máximo porque somos o rival a batir como comentei antes. Pero si que é certo que nas segundas partes notas cambios; vense reflectidos eses adestramentos desde a pretemporada e ao longo da semana que o final marcan diferenzas.

FIL: Sodes a boa noticia para o fútbol lucense da Preferente, como ves a situación do teu ex equipo, o Viveiro?

OR: É un club ao que lle teño moito cariño porque empecei a xogar nas escolas do fútbol de alí. Levan unha temporda irregular e unha vez que entras nesa dinámica é complicado saír. Agardo que finalmente consigan a salvación

FIL: Tampouco non foron demasiado ben as cousas no equipo do teu concello, estás pendente de como lle vai?

OR: Tocoulle vivir o paso pola Segunda Rexional despois do ascenso do ano pasado. Sígoo moito e teño grandes amigos alí. Nun futuro a ver se poido vestir a camisola do Ourol e retirarme alí.

Óscar Rivas en curto:

-Un Soño?: ascenso á Terceira

-Central ou centrocampista?: centrocampista

-Campo do fútbol lucense?: Anxo Carro

-Equipo do fútbol lucense?: CD Lugo

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Iván Calaza

Iván Calaza

Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*