Os sobranceiros na 2ª xornada da Terceira

Catro equipos comezaron sumando seis de seis na Terceira Rexional. Muimenta e Milagrosa no grupo norte e Paradela e Quiroga no sur. Non obstante, algúns non o puideron facer porque aínda non xogaron dous encontros. O Taboada B xogou o seu primeiro partido oficial a pasada fin de semana con vitoria; mentras que o Castroverde, que gañara na primeira xornada, descansou; ao igual ca o Rubián que perdera na xornada inaugural.

No grupo norte, o Muimenta encabeza a clasificación por diferenza de goles logo de derrotar pola mínima ao Catro Roldas. Un encontro no que Diego e Miguel Morán tiveron que actuar de centrais e no que Xulio destacou na parte ofensiva. Pola súa banda, o cadro de Román acudiu a cita sen porteiros especifícos; Forlín tivo que poñerse baixo paus. A Milagrosa colidera o grupo despois de gañar por un resultado axustado ao Lugo Unión. Púxose dous cero pero viu como o cadro adestrado por Óscar Jaime empataba con dous bos goles de Cristian e Yeray. Nos últimos instantes Óscar deulle a vitoria ao cadro local.

Celta Barreiros e Fonsagrada demostraron o porqué son os dous únicos equipos que aínda non encaixaron e finalizaron o seu duelo cun empate sen goles que os mantén na parte alta. En postos de play-off entrou o Rioaveso ao conseguir a primeira vitoria ante o Celeiro nun duelo marcado polo gol de Fran Fernández e actuación de Lingas nos locais; e de Dani Liz, Mora e Luis Rego nos visitantes. Tamén sumou os tres primeiros puntos o Matela que remontou o tanto inicial do Alfoz a domicilio, en parte, polo papel destacado do central Manu e do mediocentro Kevin. No conxunto local, non chegou o bo papel feito no encontro por Dani Río, Valea ou Manuel. Este encontro foi o último de Paquito ao fronte do cadro sénior, aínda que seguirá botando unha man no club e ao novo adestrador. Casal faise cargo dun equipo do que xa foi tamén xogador. Por outro lado, inauguraron a súa puntuación cun empate o Cazás e Friol B; o cadro xermadino empatou o encontro na segunda metade cun gol de Bruno que acabou expulsado ao igual ca un xogador rival.

No grupo sur, o Paradela é o líder por maior bagaxe positiva no diferencial de goles. O cadro adestrado por Rubén Bergantiños venceu a un Sober que xogaba o seu primeiro partido desta tempada. O partido quedou resolto xa na primeira metade con goles de Termi, Romi e Manu que se estreou, ademais o mediocentro Javi no equilibrio do xogo. Segundo é o Quiroga que estreou videomarcador con vitoria ante o filial do Lemos. Gachán con dous goles e Dani Gemelo foron do máis sobranceiro do encontro.

Tamén comezou forte o filial do Taboada na súa estrea. Colócase terceiro logo de remontar e acabar gañando con autoridade ante un Antas que sumou a súa segunda derrota. O gardamallas xuvenil Álex, David Potente e Quintás foron do máis destacado no cadro local. En postos de promoción tamén entra o Río Sil co seu primeiro triunfo da campaña sufrido ante o Relámpago Taboada.

Imagen por defecto
Iván Calaza
Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.
Artículos: 467

Deja un comentario