Os sobranceiros da Terceira na sétima xornada

O único cambio de líder na Terceira produciuse no grupo sur, no que o Incio derrotou o Río Sil e rouboulle o seu posto á cabeza da clasificación. No resto mantéñense a fronte o Cervo e o Corgo, a pesar de que este último perdese o primeiro partido da temporada ante o Fonsagrada. Descansaron Laxosa e Quiroga.

No grupo norte, o Cervo conseguiu una traballada vitoria na casa ante un combativo Cazás que non tivo sorte nesta primeira parte da temporada e finaliza a primeira volta sen gañar ningún partido. O Cervo conseguiu o gol nos últimos minutos de partido e xogando cun menos por expulsión. Séguelle o Muimenta que venceu ao Goiriz por 1-0 no Pichón con Javier Morán, xogador de campo, tendo que xogar de porteiro pola ausencia do gardamallas titular. O Muimenta presentouse ao partido con once xogadores sans, xa que os suplentes estaban tocados físicamente. O Goiriz fixo un gran partido, pero non foi quen de superar ao porteiro rival. O Catro Roldas volveu a senda da vitoria despois de dúas xornadas de empate no derbi ante o Rioaveso, nunha gran actuación de Esteban e Marcos; cada un con dous goles. Quen volveu gañar foi o Celeiro ante o Celta Barreiros nun gran encontro dos dous equipos no que o triunfo do cadro viveirense foi adicado para o xogador Martín Prado, despois do falecemento do seu pai.

No grupo centro, o Fonsagrada achégase ao liderato despois da súa vitoria a domicilio ante o Corgo. O bo gol a balón parado de Javi Regueiro decidiu o encontro e deixa o conxunto fonsagradino a un punto do Corgo. Quen desaproveitou una boa oportunidade de ser líder foi a Comercial que caeu por 5-2 ante o Friol B na segunda vitoria consecutiva do conxunto friolés. Tamén gañou o outro equipo creado neste temporada, o Rábade por 5-3 ao Guntín nun partido moi competido no que o conxunto local amosou a madurez que está adquirindo conforme pasan as xornadas.

 

No grupo sur, hai cambio de líder despois de que o Incio vencese no partido da xornada ao Río Sil por 1-2. Foi un encontro no que puido gañar calquera e o equipo adestrado por Juan Diéguez tivo boas oportunidades para adiantarse no marcador con 1-1. Finalmente foi o Incio quen conseguiu marcar e poñerse como líder ao remate da primeira volta. Segundo é agora o Sober que venceu con claridade ao Becerreá FC que remata a primeira parte da temporada con cero puntos. O Paradela conseguiu a segunda vitoria da temporada ao superar por 2-0 a un Relámpago Taboada que acusou as baixas na dianteira.

Imagen por defecto
Iván Calaza
Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.
Artículos: 466

Deja un comentario