Os sobranceiros da Terceira na 21ª xornada

Este domingo semellaba selo día para rompela porta. O camiño cara a Segunda Rexional. O Muimenta, o Alfoz e o Quiroga non desaproveitaron a oportunidade e subiron de categoría na penúltima xornada de liga. Fixérono os tres cun dominador común, na súa casa co apoio dos seus. Non obstante, aínda quedan cousas por decidir na división. Na última xornada saberase a orde de varios equipos na clasificación e tamén a Fonsagrada e o Sober buscarán unha praza na promoción.

No grupo norte, o Muimenta fíxose co partido ante a Fonsagrada. Tres puntos para ascender á Segunda dous anos despois e colocarse de novo líder da categoría. Os locais aproveitaron o vento a favor no primeiro tempo e marcaron nun bo lanzamento de Jairo. Na segunda metade amarraron o que era seu e lograron o segundo. O cadro do Pichón volveu ao primeiro posto polo empate do Alfoz. Un punto que serviu de igual xeito para confirmar tamén a subida de categoría un curso despois de deixala. O derbi co Celta Barreiros estivo igualado. Os visitantes tamén se xogaban moito. Aínda que o empate lles permite volver á sexta praza, deberan gañar o último partido para non ter que mirar cara a Fonsagrada. Joserra, Jorge, Máquina e o regreso de Celeiro tras varios anos en Inglaterra foron o máis destacado dos celestes. Nos locais luciu Pille xunto coa liña defensiva con Luismi, Jontahan, Legaspi e Valea.

Ademais de quen será o campión, queda por decidir a orde das posicións na promoción xunto ca última praza. Terceiro é o Catro Roldas que derrotou na Reigosa ao Friol B. Adiantouse cun gran gol de Esteban Boo nun lanzamento dende fóra da área que entrou pola escadra. Os sénior de primeiro ano Ramudo e Seijas tamén completaron un bo partido. Sánchez e Telmo destacaron nos locais. Na cuarta posición (empatado a puntos) sitúase o Matela logo de empatar na casa do quinto, a Milagrosa. Máis ben empataron os locais. O resultado era de 0-4 favorable aos visitantes. Acabou 4-4 cun gol de Óscar nos últimos intres. Nos partidos sen incidencia da parte alta o Cazás despediuse da competición regular no Catro Ventos con vitoria ante o Celeiro. O cadro viveirense tentou igualar ata o final. Non estivo acertado de cara a gol. Dani Díaz liderou e tirou do Celeiro. Aos locais púxoselles de cara co gol de Efrén e o gran disparo dende fóra de Iván Bellas. Pola súa parte, o Lugo Unión quere non finalizar de pechacancelas. Colocouse a tres puntos do seu rival na pasada xornada, o Rioaveso, e con gol average a favor.

No grupo sur, o Quiroga non fallou ante a súa xente do San Martiño. Derrotou ao Antas e logrou o ascenso á Segunda Rexional. Marcou os dous goles do partido xa no primeiro tempo. Choco volveu marcar logo de varios meses sen facelo. Polín moveu ben o xogo no medio do campo. Félix e Chapi destacaron nos visitantes. O Quiroga precisaba da vitoria porque o Castroverde tamén cumpriu no seu partido ante o Rubián. O bigoleador David e Marcos Gemelo lideraron o xogo local. Os visitantes amosaron o seu desacordo coas decisións arbitrais. Tras marcar o gol da vitoria o Castroverde, o Rubián negouse a sacar de centro xa nos últimos intres de partido.

Outro gran partido da xornada foi o derbi soberino. Rematou en empate a un gol. O cadro adestrado por Juan Diéguez asegura o play off. Panizo sobresaíu nun partido que culminou cun gran gol de falta directa. O Sober deberá puntuar na última xornada para entrar entre os seis primeiros. Se gaña ou empata sacará ao Relámpago Taboada dos postos de promoción (descansa na última xornada). O cadro taboadense gañou no seu último partido da liga regular. Derrotou ao filial do Lemos B. As tres últimas vitorias seguidas permítenlle soñar cun histórico play off. O ascendido Paradela e o Taboada B descansaron esta xornada.

Imagen por defecto
Iván Calaza
Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.
Artículos: 465

Deja un comentario