Os onces da décimo sexta xornada na Segunda

 

A segunda volta da Segunda Galicia comezou con grandes novidades, principalmente no referido a parte alta dos dous grupo. No norte, o Guitiriz segue sendo o líder pero perdeu a súa condición de imbatibilidade o caer derrotado na casa ante o Meira. No sur, o Friol encabeza agora a clasificación logo de gañar o seu partido e aproveitando que o derbi entre o Chantada B e o Chantada Atlético foi suspendido por lesión do árbitro no minuto dez de encontro.

No norte, reduciuse a vantaxe do Guitiriz con respecto ao segundo clasificado ao perder por 1-3 diante dun gran Meira. O equipo adestrado por Delfín Romero ten agora unha diferenza de catro puntos con respecto ao Cabreiros que venceu con claridade no derbi xermadino ante o Roupar. Seguenlles de preto o Lourenzá que venceu ao Alfoz e tamén o Burela que derrotou a domicilio ao Iberia. Nun dos partidos da xornada do grupo, Pol e Folgueiro empataron a dous tantos e quedan a tres dos postos de ascenso directo. A partir de aí rómpese a clasificación e aparece un Cospeito que empatou na Fonte diante do Abadín. Na zona baixa sobresae a vitoria do Candelaria, a segunda consecutiva, diante dun rival directo como é o Mondoñedo. Matela e Ourol non pasaron do empate a un gol.

 

No grupo sur, a xornada veu marcada polo partido aprazado do ata entón líder, o filial do Chantada que tiña unha das grandes citas da temporada ante o seu veciño Chantada Atlético. Agora, iso si os seus rivais cun partido menos, o líder é o Friol que derrotou ao Rubián no debut na portería do xogador do filial Óscar Fernández. A dous puntos dos postos de ascenso está o Oural que venceu nun partido de goles ao Portomarín. Tamén segue en progresión o Palas que goleu nun dos derbis da Ulloa ao Antas. O Santa Comba tamén sacou un triunfo no duelo lucense ante a Milagrosa, o San Lázaro impúxose ao Castroverde, o Monterroso B fixo o propio co SD Becerreá e o Brollón recuperou sensacións diante do Sporting Lucense.

Imagen por defecto
Iván Calaza
Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.
Artículos: 466

Deja un comentario