#Fútbol afeccionado #Segunda Futgal

Os onces da 3ª xornada na Segunda

A terceira xornada deixa ao San Ciprián e ao Portomarín como líderes en solitario de cadanseu grupo. O Celta Barreiros, o Meira, o Mondoñedo e o Paradela son outros tres equipos que se manteñen invictos. No norte, o Mondoñedo declárase o rei do empate, tres puntos en tres xornadas.

O Sanci continúa mandando por terceira xornada no grupo norte. O cadro adestrado por Carra de novo venceu pola mínima. Pero desta volta custoulle máis. Derrotou a un gran Cabreiros cun gol nos intres finais. Os visitantes tamén tiveron as súas opcións. O Celta Barreiros meteuse na segunda posición. Venceu no Municipal a un Abadín con varias baixas. O cadro celeste dominou o primeiro tempo. Xian conseguiu un dobrete nun minuto. Cambiou de cara o Abadín na segunda metade. Non estiveron acertados. Os visitantes sentenciaron ao final. A única mala nova foi a lesión do gardamallas René. Terceiro é o Meira que empatou na casa ante o Alfoz. Os visitantes puxéronse dúas veces por diante. Un encontro con tres expulsados. Roberto Carlos na primeira metade polo Meira e Dani Río no Alfoz e Rubén Rey no Meira na segunda parte.

Primeiro triunfo do curso para o Xermade. Venceu ao Goiriz no Ventiño. Cando a diferenza era de dous goles os locais quedaron cun menos. Ciganda foi expulsado ao pouco de entrar no terreo de xogo. O terceiro gol marcouno Abeás dende o medio do campo. Tamén sumou por primeira vez de tres o Cospeito. Derrotou na Fonte ao Roupar que polo de agora non puntuou. Dobrete de Jose Teijeiro. E tamén se estreou de tres o Guitiriz. Cambiou o conto con respecto á Copa. Desta volta derrotou ao Sporting Pontenova na Mina. Dobrete de Javi Tanketín. O Mondoñedo tivo moitas opcións pero non atinou. Empatou a un gol co Muimenta. Tres expulsados no partido e a lesión de Gacio. O outro encontro da xornada resolveuse en empate entre o Iberia e a Candelaria. Sen goles.



No grupo sur manda o Portomarín. Terceira vitoria seguida. Venceu ao Corgo. Volveu marcar Sergio Arias. Vai a gol por encontro. Leva tres. Segundo é agora o Páramo. Derrotou nas Rapadas ao Palas nun partido accidentado. O peor parado foi Juanjo. O dianteiro xa foi operado da súa luxación de nocello e fractura de peroné. Dende aquí mandámoslle moita forza. No que se refire ao resultado, o Páramo remontou o gol inicial de Óscar Montalbán. Todo despois dunha semana revolta. Ángel Merino non continúa como membro do corpo técnico nin Soto como xogador. O dianteiro xa se estreou co seu novo equipo; o Catro Roldas, no que xa estivera nunha etapa anterior.

O Incio colocouse na terceira posición ao conseguir a segunda vitoria seguida. Derrotou pola mínima ao Quiroga. O gol de cabeza de Edu ao inicio resultou decisivo. Os porteiros estiveron atinados en cadansúa portería. Seis puntos tamén ten o Ferreira. Conseguiu o seu segundo triunfo consecutivo ao vencer pola mínima ao filial do Chantada. Resultou crucial o gol de Edgar. Na quinta posición está o Paradela. O cadro adestrado por Rubén Bergantiños non perdeu neste inicio ligueiro. Sacou un empate da súa visita ao Santa Comba. Encontro con seis goles. E ao asunto de marcar apuntaronse Albertito por un lado e Debasa polo outro. Anotaron cadanseu dobrete. Tamén igualaron o Río Sil e o Brollón. No seu caso a dous goles. O Brollón conseguiu equilibrar o partido na recta final. A principal mala nova para o cadro soberino foi a lesión de Santi. O central rompera o brazo na final polo ascenso co Antas. Volveu rompelo polo mesmo sitio e será baixa. Ánimo.



O Becerreá conseguiu a primeira vitoria. Derrotou con comodidade a un Bóveda que xogou con 10 futbolistas. Os locais melloraron incluso no segundo tempo. Pipa fixo un bo traballo na portería do Bóveda. Permitiu que a diferenza non fose a máis. Sen goles empataron o San Lázaro e o Oural. Os pupilos preparados por Negrete lograron o primeiro punto da temporada. Neste intres ocupan unha das prazas de descenso.

Os onces da 3ª xornada na Segunda

O partido en imaxes: Rubián-Antas (1-3)

As nosas guerreiras da fin de semana

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *