Os onces da 25ª xornada na Segunda

A cinco xornadas para o final, o Folgueiro, o Lourenzá, o Palas e o San Roque mantéñense nos postos de ascenso directo. No norte continúa na pelexa o Guitiriz e un Roupar que volve colleitar unha boa liña de resultados. No sur, o Oural, o Bóveda ou o Guntín estarán atentos aos posibles fallos dos dous de arriba.

No grupo norte, o Folgueiro continúa no máis alto. Sumaron de tres ante o Abadín. Novo dobrete de Aurelio. Partido complicado para o cadro adestrado por Óscar Pol. Presentáronse no Boa Vista só con dez xogadores. Incluso con Alberto mancado. Fixo o esforzo para non deixar tirados aos seus. O Lourenzá suma a segunda semana en postos de ascenso. Venceu nun duelo ante outro dos clubs da zona alta, o Xermade. Os locais tiveron maior acerto. Non faltou a súa cita co gol Iván Recalde. Marcou o segundo e definitivo tanto para os seus. Gran ambiente no Santa Cruz. As miradas xa se centran no gran derbi ante o Mondoñedo. A un punto continúa o Guitiriz. Volveu ao camiño da vitoria ante o Cabreiros. Os visitantes remontaron xa no primeiro tempo o tanto inicial do equipo xermadino. Pola súa banda, o Roupar aférrase as súas posibilidades. Continúa a seis puntos do ascenso logo de vencer ao Iberia. O cadro de San Miguel de Reinante logrou igualar un resultado en contra. Termou ata os últimos minutos. Aí apareceu o pontes Carlos para marcar o gol da vitoria.

Puntiño a puntiño vai facendo o seu camiño o Mondoñedo. É o equipo que lidera a que poderiamos chamar como “outra liga”. Sétimo clasificado despois de empatar ante un Valadouro que continúa nos postos de descenso. Encontro igualado no que se adiantaron os locais con gol de Iñaki Burundarena. Os visitantes empataron ao inicio do segundo tempo e o Valadouro quedou cun menos. Sacou un triunfo importante o Meira ante a Comercial. O cadro meirego adiantouse por medio dun penalti. Logo dunha acción na que a Comercial quedou cun menos polo cartón vermello a Marcos Sancosmed. Despois chegou o segundo e Rubén Vidal trouxo a tranquilidade completando o seu dobrete. Noutro duelo directo a Candelaria empatou na Fonte ante o Cospeito. O cadro visitante tiña a vitoria no peto, pero Jose Teijeiro rescatou un punto para os seus marcando de penalti nos últimos intres. O punto mantén ao Cospeito fóra do descenso directo, pero a situación apértase máis coa vitoria do Cervo. O pechacancelas do grupo derrotou a un Goiriz en apuros. Adiantouse no marcador. Por aquel entón xa estaba cun xogador menos pola expulsión de Orosa. O Cervo remontou. O gol da vitoria chegou nos intres finais. A mala sorte continúa acompañando ao equipo vilalbés. Só logrou unha vitoria nos últimos nove partidos.

No grupo sur, o Palas mantén o liderado pero non conseguiu vencer a un rival directo. O Bóveda deu a cara na súa casa e igualou ante o líder. O cadro adestrado por Cabanelas empatou no segundo tempo o partido. Dous puntos de diferenza e un gol average tamén empatado. Marcos Macía continúa sendo o gardamallas menos batido do grupo. A situación aproveitouna o San Roque. Venceu ao Chantada B, mantén o segundo posto pero empatado a puntos co primeiro. E iso que o filial chantadino conseguiu igualar o choque preto do final. Non lle entraron os nervios aos pupilos adestrados por Manolo García. Pouco despois marcaron o segundo e definitivo gol. Pola súa banda, o Oural volveu ao camiño do triunfo. Derrotou con claridade ao Corgo no Luis Pallín. O Oural adiantouse cedo. Aproveitou os erros do rival e adaptouse as condicións do partido. Marino marcou un dobrete e o Corgo tamén notou ir só con 11 xogadores. O último dos que están máis vivos na pelexa é o Guntín. Decantou ao seu favor a visita ao Incio. Marcou dous goles de continuo no primeiro tempo. Urdi puido recortar distancias, pero errou un penalti. O Guntín sentenciou nos últimos minutos cun bonito gol de Jony.

Na sexta posición xa aparece un San Lázaro que continúa á alza. Nos Medos decidiu un novo gol de Yago Armesto. O seu noveno tanto do curso. Leva marcando goles tres encontros seguidos. O San Lázaro non perde dende a chegada de Diego Rey ao banco: sete xornadas. Na zona morna, o Portomarín e o Ferreira resolveron o seu partido nun empate sen goles. Mentres Fernandito entraba no Pepe Barrera de revulsivo para inaugurar o marcador, o seu equipo non era quen de superar ao Ferreira. Os locais quedaron cun menos pola expulsión final de Hugo Méndez. Na parte máis baixa da táboa, o Santa Comba sumou tres puntos importantes ante o Monterroso B. Encontro sen moita historia por parte dos dous. Os locais estiveron acertados de cara a gol. O filial monterrosino cambia de mandos ata o final de temporada. Tamén sumou de tres a SD Becerreá. Aperta a praza de descenso directo que ocupa. Gañou a un Sporting Lucense que queda agora tan só tres puntos por riba do seu rival.

Imagen por defecto
Iván Calaza
Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.
Artículos: 465

Deja un comentario