Os onces da 14ª xornada na Segunda

O Folgueiro e o Palas perderon o último partido do 2018, aínda que marchan ao Nadal como líderes de cadanseu grupo da Segunda Rexional. O Xermade volve a postos de ascenso directo no norte e enfrontarase ao cadro do Vicedo na primeira cita do 2019. No sur, aprétase máis aínda a clasificación co empate do San Roque aínda que tamén continúa en postos de ascenso.

No norte, o Guitiriz volveu ao camiño da vitoria ante o Folgueiro cun triunfo pola mínima no Suso Cruz con dobrete incluído de Javi. Foi a segunda derrota do equipo adestrado por Anxo no que vai de curso. Aínda así, mantén o primeiro posto debido a derrota do Roupar ante o Mondoñedo. Esta situación aproveitouna o Xermade para volver a postos de ascenso directo ao sumar a súa terceira vitoria seguida ante a Comercial. Chungui pechou o marcadro cun gran gol de volea. Noutro duelo directo da parte alta, saíu vitorioso o Lourenzá ante o Cabreiros. O cadro laurentino métese de cheo na loita quedando a catro puntos do Xermade. O Cabreiros, que encaixou a segunda derrota dende que Abel Rochela se puxo a dirixir, queda a 7.

A clasificación continúa rota neste punto, aínda que na sétima posición volve aparecer un Goiriz que derrotou ao seu actual rival directo por esa praza, a Candelaria. Eladio destacou marcando os tres goles que houbo no encontro. O dianteiro de Codesido suma seis goles sendo titular en 8 partidos. Na zona baixa, o Iberia remata o ano do mellor xeito posible, xa que logrou o segundo triunfo consecutivo ante un rival directo como o Abadín. Tamén conseguiu tres puntos importantes o Meira a domicilio ante o Cervo. Apareceu a mellor versión de dous xogadores diferenciais: Farra abriu o marcador e Rubén Vidal seguiulle cunha tripla de goles. O Cervo remata o ano como pechacancelas, empatado a puntos co Cospeito. Os pupilos adestrados por Jose Carlos marchan ao Nadal con mellores sensacións ao vencer ao Valadouro no campo do Árbol cun dobrete do lateral esquerdo da parroquia de Árbol, Álex Cabado.

No sur, o San Lázaro confirmou a súa progresión nas últimas xornadas cunha vitoria ante o Palas pola mínima. O cadro adestrado por Ángel Merino queda a cinco puntos dos postos de ascenso directo. Desaproveitou a opción o San Roque de volver ao máis alto da táboa, xa que empatou coa SD Becerreá a un gol. Unha igualada que conseguiu o cadro capitalino nos últimos intres do xogo. Os resultados dos dous primeiros, posibilita que varios equipos se acheguen a eles. O Guntín queda a un punto logo de vencer ao Monterroso B. A dous está o Bóveda que derrotou fóra da casa ao Sporting Lucense. Tamén venceu o Ferreira no duelo de proximidade ante o Brollón; permanece a tres puntos do liderado e cun partido menos. Xogará o partido adiado coa SD Becerreá o vindeiro 5 de xaneiro.

A esa listaxe de equipos tamén se apunta o Corgo que volveu ao camiño da vitoria ante o Santa Comba; e o Portomarín que venceu pola mínima ao Incio. Dous clásicos da provincia foron protagonistas: Viusky detivo un penalti cando o resultado aínda estaba igualado e Sergio Arias marcou un bo gol que significou a vitoria. Nese tren tamén se pode colocar o Oural (a seis puntos da cabeza) que derrotou a un rival próximo na táboa, o filial do Chantada. Na zona baixa só sumou o Becerreá, mentres que o Incio e o Monterroso B continúan en descenso directo.

Imagen por defecto
Iván Calaza
Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.
Artículos: 466

Deja un comentario