Hai moitas vertentes coas que se pode catalogar unha decisión arbitral; máis naturalidade e menos forofismo é o que se precisa na maior parte dos casos. Hoxe explicamos as actuacións arbitrais ao noso xeito. Ademais, rescatamos unha desas xa famosas fotos de vestiario dun equipo que está á alza e destacamos unha iniciativa especial para estas datas de Nadal pola comarca da Ulloa.

Todos cometemos erros

Non adoita ser o noso forte falar da polémica arbitral, moitas veces usada polos protagonistas con termos vantaxistas para excursarse dun mal partido. Excusas non demostradas e contraditorias, aínda que desta volta son as redes as que falan aportando probas dunha acción no encontro da Segunda Rexional entre o Guitiriz e o Folgueiro. O colexiado decidiu anular o gol que, como se ve nas imaxes, foi marcado de xeito legal. Posteriormente, o cadro do Vicedo acabou perdendo o encontro no Suso Cruz, aínda que mantén o liderado do grupo norte.

Arriba comentamos un feito obxectivo; tan obxectivo como que o labor arbitral adoita estar moi mal tratado. Sen entrar máis en profundidade neste erro e descoñecendo a traxectoria do colexiado, é unha realidade o de condenar o traballo dun árbitro, sen atender na maior parte dos casos, ao contexto que o rodea. Evidentemente que hai que ver caso por caso, pero o erro dun árbitro pode ser tan humano como o do dianteiro que falla un gol a porta baleira, o do porteiro que lle esvara o balón e non evita o gol ou o do mediocentro técnico que lanza o penalti por riba do largueiro. Con moitos máis condicionantes, elementos internos e externos, que nos afectan a todos no desenvolvemento da nosa vida diaria. Evidente tamén é, que esa exposición á crítica ten unha compensación económica. Sen defender a ninguén, pedimos máis naturalidade para todos porque nós tamén erramos.

O vestiario da vitoria

As redes sociais tamén cambiaron o xeito de festexar un triunfo. Non sei se para ben ou para mal, pero moitas veces priorizamos iso de «posturea para que el mundo lo vea». As fotos post partido cando se gaña dun cadro de xogadores no vestiario son do máis habitual dos últimos tempos. É un dos que leva varias nas últimas semanas é o Escairón que esta finde venceu ao Páramo nas Rapadas e volveu ao camiño da vitoria despois de dúas xornadas. O cadro do Saviñao non contou para este encontro co sancionado Asier Seijas, pero recuperou ao mellor Totti que marcou 3 goles. É un deses equipos que está nunha longa listaxe para pelexar no último tramo de tempada polos postos altos da Primeira Rexional.

Colexio e fútbol unidos en «O Partidazo»

Varios campos de fútbol da provincia tornarán neste Nadal nun ambiente máis festivo para espallar todo aquilo positivo que se lle pode sacar ao fútbol. Unha das iniciativas especiais será en Antas co obxectivo de recadar fondos para a excursión de fin de curso do CEIP de Antas. Para iso, un conxunto formado por alumnos, ex – alumnos e profesores do colexio van xogar o día 4 de xaneiro un partido ante o equipo feminino do Antas. Antes diso, o cadro adestrado por Melendo afrontará esta finde o último encontro do 2018. Rematará a primeira volta visitando a un rival con seis puntos máis na clasificación, o Victoria B da Coruña.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Iván Calaza

Iván Calaza

Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*