Os nosos equipos de Terceira e Preferente xa teñen calendario

Na tarde de hoxe, a Federación Galega de Fútbol deu a coñecer o calenadario da Terceira División, así como da Preferente Autonómica nos seus dous grupos, Norte e Sur, para a temporada 2018-2019. Ámbalas dúas competicións darán comezo a fin de semana do 25 e 26 de agosto.

Na Terceira División, o fútbol lucense contará con dous representantes: o Racing Vilalbés e o Polvorín, filial do Clube Deportivo Lugo. O cadro chairego, dirixido esta temporada por Xoan Peón, comeza a liga na Madalena ante un histórico do fútbol galego que retorna esta campaña á Terceira: o Porriño Industrial. Tamén rematará a competición na casa, recibindo o 19 de maio de 2019 a U.D. Ourense, clube herdeiro do desaparecido Clube Deportivo Ourense.

O Polvorín, que debutará na categoría, faino ao grande, recibindo na primeira xornada á S.D. Compostela. Os de José Durán rematarán a liga tamén como locales ante o Paiosaco, revivindo os grandes encontros polo ascenso na Preferente.

Podes consultalo calendario completo de Terceira neste enlace: calendario terceira.

Haberá que agardar ata a xornada 11 para disfrutar do derbi entre o Polvorín e o Racing Vilalbés. Disputarase o 4 de novembro no campo do filial lucense. O encontro de volta será o 31 de marzo na xornada 30 en Vilalba.

Na Preferente Norte contamos con cinco equipos lucenses: Ribadeo F.C., C.D. Castro, Viveiro C.F. e os recén ascendidos C.D. Foz e S.D. Sarriana.

O Ribadeo comezará a competición na casa recibindo a un recén ascendido como a S.D. Agolada e rematará a mesma tamén no Pepe Barrera coa visita do Negreira, un dos conxuntos a priori máis potentes da categoría. O Castro, ás ordes de Gonzalo Edrosa debutará no Arturo Pereiro ante o refundado Atlético Coruña Montañeros para finalizar recibindo ao Agolada tamén como local. O Viveiro, moi reforzado para esta temporada xogará a primeira xornada en Cantarrana ante o sempre complicado Arzúa, e rematará a competición a domicilio ante o Arteixo.

En canto aos equipos que retornan á Preferente o C.D. Foz comezará no campo do Puebla mentras que a S.D. Sarriana farao na Ribela ante o San Tirso. Os mariñáns finalizarán a temporada en San Lázaro ante o Noia, mentras que os de Alberto López poranlle o broche a esta campaña como locales ante o C.D. As Pontes.

Na Preferente, o primeiro derbi chegará na terceira xornada e enfrontará a Sarriana e o Foz. Cabe destacar o derbi mariñán entre o conxunto focense e o Ribadeo na penúltima xornada de liga, no que os puntos poden ser máis que decisivos, así como o que enfrontará a Sarriana e Viveiro na antepenúltima.

Aquí podes ver o calendario completo: calendario preferente norte.

Na asamblea celebrada hoxe fíxose público o acordo entre a Federación Galega de Fútbol e a empresa de apostas deportivas Luckia, mediante o cal nas dúas próximas temporadas poderanse facer apostas combinadas online cos encontros dos equipos galegos de Primeira, Segunda e Segunda B que se denominará A Xogada. Os conxuntos de Terceira e Preferente beneficiaranse económicamente deste acordo, percibindo un total de 2.000 euros cada un deles (a cobrar en dous plazos de 1000 euros cada un deles).

Imagen por defecto
Marcos Fernández
Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte
Artículos: 407

Deja un comentario