A falta dunha sóa xornada para chegar ao remate da primeira volta do campionato de Terceira RFEF os catro conxuntos lucenses atópanse en camiño de acadar os seus obxectivos. Podemos afirmar que Sarriana, Racing Vilalbés, Polvorín e Viveiro aproban con boa nota este primeiro tramo ligueiro.
sd sarriana
Temporada sobresaínte dos sarriaos ata o momento. Os da Ribela son segundos na clasificación con 31 puntos, a catro do liderado que ocupa a UD Ourense. O proxecto comezou cun troco no banquiño. Jaime Paz chegou tras un amplo periplo fóra da nosa terra, boa parte del no fútbol profesional, para relevar a un Jorge Cuesta que asinou no Bergantiños de Segunda RFEF. Canda o técnico asinaron futbolistas como Santi Gegunde, Piay, Álex Millán ou Martín xa contrastados na categoría e outros xoves talentos como Azael ou Vilela con moitas gañas de demostrar que poden xogar nunha categoría superior.
A mistura resultou moi proveitosa e os sarriaos chegaron a liderar a Terceira RFEF e apenas caeron algunha xornada de postos de play off. Con practicamente media temporada por diante chegou o relevo no banquiño tras aceptar Jaime Paz unha oferta do fútbol chinés para formar parte do staff de Quique Setién. O seu relevo é Guillermo Oriol, técnico castelonense que pasou polas canteiras de Barcelona e Vilarreal, e que xa debutou cun empate no campo do líder.
racing vilalbés
Logo do histórico paso pola Segunda RFEF, o Racing Vilalbés afronta unha temporada que podía ser de transición na procura de atopar de novo o seu sitio nunha categoría que coñece á perfección. Pero nada máis lonxe da realidade. Alberto López chegou ao banquiño da Madelena tras un exitoso paso polo Viveiro, e afrontou o reto de suplir a un Simón Lamas que realizou un excelente labor no conxunto chairego.



O técnico lucense conxuntou un cadro de xogadores moi renovado. Á continuidade dos clásicos López, Make, os irmáns Varela, Buyo ou Santomé, sumáronse reforzos que están a ofrecer un gran rendemento. Alberto Leira, Asier, Borja Míguez ou un Cañi que está a ser dos xogadores máis destacados da categoría. Ademáis hai que reseñar a aportación do canteirán Cadra no centro da defensa.
O Racing Vilalbés é terceiro na clasificación igualado coa Sarriana a 31 puntos e e sobresae nos seus encontros lonxe da Madalena sumando 20 dos 27 puntos en xogo. Os de Alberto López, aínda con marxe de mellora, son claros candidatos a rematar a competición, cando menos, en praza de play off para volver a pelexar por retonrar á Segunda RFEF.
polvorín
O filial do CD Lugo atópase sétimo na clasificación con 25 puntos, a cinco da promoción de ascenso e con dez de marxe sobre o descenso. Co claro obxectivo de non pasar apuros e manter a categoría, os de Dani Galán están a cumprir con creces nesta primeira volta ligueira.

Cun cadro de xogadores integramente sub-23, a excepción do dianteiro Sobrido, o técnico lucense repartiu minutos para un bo número de futbolistas cun resultado máis que notable. Con tan só un partido perdido na Cheda, o filial albivermello venceu nas dúas últimas xornadas ao Viveiro e a un enrachado Noia, e afastouse así amplamente do perigo.
A ambición das xoves promesas lucenses fará que o Polvorín pelexe por dar un paso máis e pelexe por entrar no play off para recuperar a categoría perdida dúas temporadas atrás.
viveiro c.f.
Posiblemente o conxunto lucense que viviu máis turbulencias na primeira volta. Os mariñáns déronlle no pasado verán o temón do equipo a Jandri Rego, as dúas últimas temporadas segundo adestrador. O xove técnico viuse obrigado, como en anteriores campañas, unha plantilla moi renovada conformada por xogadores chegados de diversas zonas da xeografía española.

Malia todo, o Viveiro comezou a temporada de maneira fulgurante acadando dez puntos nas catro primeiras xornadas. Nunha situación de privilexio, e nunha decisión pouco comprensible da directiva viveirense, esta cesou ao adestrador e chegou a Cantarrana o experimentado Fabri.
Os resultados co novo adestrador non acadaron a regularidade agardada. Con sete encontros no banquiño, o equipo só venceu en dous deles e viu como a renda cos postos de descenso reduciuse a cinco puntos. Aínda así, o cadro celeste atópase nunha situación inmellorable para lograr o gran obxectivo de continuar un ano máis na categoría.

