Os Máxicos dan boa conta da Copa na fin de semana de Reis

A Ronda Previa da Copa de Preferente e Primeira Futgal deixou un fútbol vibrante na nosa provincia. Os conxuntos protagonizaron partidos de moita igualdade e dous deles se decidiron desde os once metros. Tan só está pendente o choque entre Ribadeo e Residencia, que terá lugar na Cheda no mes de marzo.

O Taboada elimina ao Lourenzá cunha versión moi seria dos de Martín Murado (2-0). Foi un duelo igualado o que se viviu no «Canti», con dous equipos que gozaron de oportunidades pero non tiveron acerto ao longo da primeira metade. No segundo tempo, a fortuna estivo do lado dos locais, que se adiantaron no último cuarto de hora cun balón peinado e ben rematado, e sentenciaron o choque cun gran gol de Martuno logo dunha transición, 2-0 para continuar vivos na Copa diante dun Lourenzá no que foi titular Montxo.

O Lemos fai os deberes en Xove (0-1). Os mariñáns están a demostrar que son un equipo a ter en conta neste curso, e plantaron moita cara a un cadro monfortino que nunca se atopou cómodo sobre o céspede do Municipal. Porén, o paso dos minutos fixo mella nos locais, que retrasaron as súas liñas e non foron quen de impedir o gol dun dos grandes artilleiros da provincia, Diego Torres, para outorgar o pase aos lemistas.

copa
O Meira de Rubén Bergantiños caeu diante do Guntín.

O Outeiro deixa fóra ao Racing Villalbés ‘B’ sobre o céspede do Roca (0-1). A actitude e intensidade dos de Adrián Vázquez foron chaves para deixar fóra de combate ao cadro de Iván Lamas. O Outeiro fixo bon un gol de Redondo cun bo golpeo ao cuarto de hora de xogo e puido sentenciar en contragolpes diante dun cadro local que procuraba o balón pero non era quen de progresar. Tras o visto no campo, os visitantes foron xustos clasificados para a seguinte rolda da Copa.



A Copa deixou dous clasificados desde os 11 metros.

A SD Chantada elimina á Milagrosa desde o punto de penalti (1-1). O bo exercicio defensivo da Milagrosa e a efectividade dos albivermellos ao aproveitar un erro defensivo local puxo o 0-1 antes do tempo de lecer. Porén, a paciencia chantadina fixo efecto nas liñas defensivas visitantes e o ansiado empate chegou desde os once metros, logo de transformar Kadete unha pena máxima por man na área. O mesmo punto de castigo foi testemuña do desenlace final da eliminatoria, onde os máis acertados foron os de Traste, que obtiveron o pase aos 1/16 da Copa co disparo definitivo de Michi.

O San Lázaro da a sorpresa diante do Escairón (2-1). Logo dun inicio tolo, con gol local e empate visitante antes do minuto 10′, o San Lázaro ordenou a súa defensa e non concedeu espazos diante dun Escairón que sufriu con transicións. Gabri fixo o 2-1 antes do descanso e os celestes apenas deron opcións ao cadro do Saviñao ata a recta final, cando Álex se erixiu como o heroe dos da Ponte ao deter todos os achegamentos do Atlético Escairón. Ao término dos 90′, o San Lázaro foi vencedor dun choque de Copa no que ambos cadros presentaron numerosas baixas.

Un invitado sorpresa da o pase ao Guntín diante do Meira (2-2). As baixas e o destino quixeron que Sebas, adestrador de porteiros dos do Ladairo, puxera as luvas na meta local ao comezo do choque. O Guntín fixo o 1-0 nun erro da defensa visitante, pero o Meira fixo o empate e completou a remontada antes da media hora de xogo. No segundo tempo, o cadro laranxa deu un paso adiante e obtivo o premio do empate preto do final, o que levou o partido aos lanzamentos de penaltis. Foi entón cando Sebas detivo 3 dos 4 disparos do Meira e deu ao Guntín o pase a oitavos de Copa.



Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *