Os 50 do Oural, os 3 de Maza e a solidez do Cabreiros
Iván Calaza / 1 año
08/02/2024
0
17min de lectura
O Oural xa marcou 50 goles no que vai de liga. Os 50 tantos repartidos en 18 partidos, dán unha media de case tres por encontro para o líder da zona sur. Precisamente tres goles foron os que marcou nesta xornada Maza, na gran goleada do Lemos B que o afasta dos postos de abaixo. Falamos de marcalos e tamén de non encaixalos. Esa é unha das claves do gran momento do Cabreiros na zona norte. Só recibiu un nos partidos de liga xogados este ano. Foi unha xornada na que a maioría dos equipos sumáronse aos actos polo Día contra o Cancro. Esta fin de semana xóganse os dezaseisavos de final da Copa Deputación. A liga volve o 17 e 18 de febreiro.
Equipos que máis gañaron: Pastoricense, Iberia, Racing Villalbés B e Oural (13 vitorias)
Equipos que menos perderon: Pastoricense (un partido)
Equipo que máis puntuou: Pastoricense (43 pts.)
Equipo que máis goles marcou: Oural (50 goles)
Equipo que menos goles encaixou: Pastoricense e Iberia (14 goles)
O rei do empate: Xermade (10)
Máximo goleador: Mario Puerta – Oural (19 goles)
Tendo en conta as catro xornadas de 2024…
Gañaron os catro partidos: O Iberia no norte e o Brollón no sur.
Futbolistas na mellor xeira goleadora: Maza do Lemos B e Ospina do Oural (4 goles)
Equipo menos goleado: O Cabreiros (un gol – xogou dous partidos Lino e os últimos dous Nesi)
O Pastoricense volve ao liderado co average a favor ante o Racing B
A parte alta da clasificación na zona norte apértase máis. O Pastoricense saíu vencedor do partidazo da xornada ante o Racing Villalbés B (3-0). O cadro da Pastoriza é primeiro con 43 puntos; un máis ca o seu rival e dous por riba do Iberia. Co empate da primeira volta na Madalena, o Pastoricense ten ao seu favor o gol average.
Os pupilos preparados por Basi son os únicos que tan só perderon un partido en 18 xornadas de liga. Acumulan trece encontros sen perder. En cambio, o filial racinguista perdeu o seu segundo partido na competición. Cortou unha xeira de dez xornadas sen coñecer a derrota e seis triunfos seguidos.
Gran ambiente no Acebreiro para seguir un dos grandes encontros da liga. Non deu a mellor versión o Racing B ante un Pastoricense moi serio. Foi unha primeira metade igualada, sen grandes ocasións para ningún dos conxuntos.
Ao pouco de comezar o segundo acto, os locais puxéronse por diante nun lanzamento de falta obra de Raúl. O cadro visitante non reaccionou e o Pastoricense marcou o segundo por medio de Edu nunha boa acción individual. Posteriormente á contra, chegou o terceiro grazas a Borja.
O Iberia, de novo, moi preto do líder
A vitoria do Pastoricense sobre o Racing B, permitiulle ao Iberia estar máis preto do primeiro posto. O cadro de San Miguel derrotou ao Mondoñedo (0-2) para quedar a un punto do filial e a dous do líder. Sumou a cuarta vitoria seguida. Pola súa banda, o cadro mindoniense queda só cun punto de marxe sobre os dous equipos que ocupan posicións de descenso directo.
No Viñas da Veiga dominaron os visitantes no primeiro tempo. Unha ocasión súa petou no longueiro e incluso desperdiciaron un penalti que parou Adri. Con todo, o Mondoñedo contivo o dominio rival e dispuxeron dunha boa opción que detivo ben Alonso. Os locais quedaron cun futbolista menos pola expulsión de Bruno.
Na segunda metade o Iberia púxose por diante por medio de Franchi. Pero non acabou de atoparse cómodo. Non puido facer o seu xogo. Terminou gañando o partido sentenciando na recta final cun tanto de Barrera.
O Sanci disipa dúbidas e gaña por primeira vez en 2024
O San Ciprián cortou unha xeira de catro encontros sen gañar. Venceu no campo da Comercial (0-3) e suma 33 puntos. Está a dez do líder e conta con cinco de vantaxe sobre o 6º clasificado. O triunfo permítelle tamén deixar máis lonxe ao que podería ser un rival directo. A Comercial é 9ª, a nove puntos da zona de play off.
Non foi un bo partido da Comercial. O Sanci comezou mellor e chegou con claridade á portería contraria. Marcou dous goles mediado o primeiro tempo.
Con todo, os locais intentárono e mesmo o colexiado lles anulou un gol. Nunha contra nos minutos finais o Sanci sentenciou e Borja Mella completou o seu dobrete. A boa nova para a Comercial foi o regreso do atacante Arturo tras unha lesión.
O Folgueiro amarga as festas da Rúa
O Folgueiro volveu gañar para aferrarse ao seu posto na zona de privilexio. Superou á Candelaria na Granda (0-3) en plena celebración das festas patronais da parroquia da Rúa. O equipo preparado por Manuel Vicente suma 31 puntos, tres máis ca o Xermade que é 6º (próximos rivais na liga). Mentres, a Candelaria conta con seis de diferenza co descenso directo.
O Folgueiro marcou os tres goles no primeiro tempo. Non comezou mal a Candelaria que foi de máis a menos condicionada tamén polas lesións. Primeiro de Hugo e logo de Rocky.
O Folgueiro foi capaz de aproveitar as ocasións que tivo. No segundo tempo, equilibrouse o xogo pero o marcador xa non se movería.
O Xermade, a tres puntos da promoción
O equipo xermadés aumenta lixeiramente a súa distancia coa zona de privilexio. Queda a 3 puntos do 5º posto logo de empatar sen goles na súa visita ao Alfoz (0-0). É o seu décimo empate do curso. O Alfoz queda na zona media (10º); a nove puntos do 5º e nove por riba do penúltimo.
Foi un encontro moi desputado ao longo dos noventa minutos. Ambos equipos tiveron varios achegamentos e ocasións para marcar. Con todo, non houbo gol no Municipal.
O Xermade ten por diante dúas citas de suma relevancia. Este sábado ás 16:15h recibe no Municipal ao líder Pastoricense, pero para xogar nun único partido a eliminatoria dos dezaseisavos de final da Copa. A seguinte semana, tamén no Municipal, xogará co Folgueiro, encontro directo na loita pola promoción de ascenso.
O Sp. Pontenova non pasa do empate ante un Muimenta goleador
O cadro pontenovés queda a catro puntos da zona de promoción de ascenso. Empatou co Muimenta (3-3). É a súa terceira igualada na casa, na que só perdeu co Folgueiro. Pola súa parte, o cadro celeste agora é último na clasificación. Está empatado a puntos co Roupar e a un punto de saír dos postos de descenso directo. En cinco partidos dirixidos por Álex Vázquez é o segundo punto conseguido.
O Muimenta tratou de impedir o xogo combinativo local. Con todo, o Sporting Pontenova anotou dous goles. O cadro celeste meteuse no encontro xusto antes do tempo de lecer cun tanto de Fran Regueiro. Nesta primeira parte Julio e Fran lesionáronse nos visitantes.
No segundo acto, parecía que os locais encarrilaban o partido co terceiro gol. Pero o Muimenta foi capaz de marcar o segundo a través de Javi Morán. Os da Mina foron perdendo o control de xogo e os visitantes xeraron ocasións. Na recta final lograron a igualada de novo cun gol do capitán Javi Morán.
Ambosvolverán enfrontarse este domingo nos dezaseisavos da Copa Deputación. Pero xogarán no Pichón (domingo ás 16:15h). Na seguinte semana, o Pichón tamén acollerá un duelo moi importante para o Muimenta e o Mondoñedo.
O Cabreiros toma moi en serio o 2024
Terceira vitoria en catro partidos do Cabreiros no novo ano ás ordes de Isaac Rouco. Por primeira vez na temporada enlaza dúas vitorias seguidas. Venceu ao Abadín (2-0). O conxunto da Acea ascende na clasificación ata o 8º posto. Polo momento, espanta o perigo do descenso e mira de reollo á parte nobre. En cambio, o Abadín encaixou a súa terceira derrota seguida e non acaba de agrandar a distancia coa parte baixa.
Os locais encauzaron o partido xa na primeira metade. Xeraron oportunidades e Chema marcou un dobrete. No segundo acto, o Cabreiros controlou o resultado, o partido estivo máis parado e o Abadín tentouno pero sen éxito ante a portería rival.
O Cabreiros é o equipo máis sólido defensivamente no que vai de ano da Segunda Rexional lucense. Só recibiu un gol en catro partidos. Houbo alternancia na titularidades para os porteiros Lino e Nesi. Dous encontros xogados cada un.
O Roupar cre na salvación e sae do último posto
Dous triunfos nos últimos dous partidos alimentan as posibilidades de salvación do Roupar. De estar a sete puntos co antepenúltimo, pasou a estar a tan só un. Saíu da última posición (aínda que está empatado co Muimenta) ao gañarlle ao Cospeito (0-2). É a primeira vez no curso que o Roupar une dúas vitorias consecutivas. É a primeira vez que o Roupar gaña fóra da casa nesta campaña. Só conseguira puntuar na Pontenova.
Pola súa parte, o Cospeito queda nunha zona morna da táboa. Acumula seis partidos sen gañar. Está a dez do 5º e dez por riba do penúltimo.
O cadro verde mereceu o triunfo na Fonte. Saíu enchufado e xerou oportunidades. Incluso Sebas mandou un penalti ao pau. Aproveitou ben os erros do rival no segundo tempo para marcar dous goles. Os locais tiveron tamén as súas ocasións, pero sen éxito. A boa nova no Cospeito foi o debut do xuvenil Noel.
O Abadín é 13º con dezaseis puntos. O Mondoñedo ocupa a antepenúltima posición con doce. En descenso directo están o Roupar (11 pts.) e o Muimenta (11 pts.).
Nesi mantivo a súa portería imbatida por segunda semana seguida
Emparellamentos dos dezaseisavos de final da
Copa Deputación 2024
Iberia – Cabreiros (dom. ás 16:30h)
Muimenta – Pontenova (dom. ás 16:15h)
Casás – Roupar (sáb. ás 16:30)
Castroverde – Comercial (dom. ás 16:45h)
Catro Roldas – Racing Villalbés B (dom. ás 17:00h)
O Sporting Lucense presentou batalla nun Luis Pallín que non está nas mellores condicións. O líder pasouno mal e non estivo nada cómodo en moitas fases do partido. Finalmente levouse a vitoria (3-1) para sumar o seu 13º triunfo. Son cinco xornadas sen perder. Continúa a distancia de catro puntos cos seus perseguidores.
No conxunto visitante acabaron moi descontentos coa actuación arbitral. O Sporting Lucense presentouse con 13 xogadores pero ofreceu esforzo e puxo en apertos ao líder. De feito, marcaron primeiro. Jesús anotou ao aproveitar o rexeite do poste tras unha falta ben botada por Yaguito.
Antes do descanso, igualou o Oural por medio de Michi. No segundo tempo a tónica foi parecida e o Sporting termou ata máis alá do 80. Aí foi cando Mario desequilibrou a balanza. Aínda o intentaría o cadro visitante antes de que os locais sentenciaran cun bo tanto de Cayuela.
Cos goles de Michi, Mario e Cayuela o Oural alcanza a cifra dos 50 goles marcados. 50 goles que contribúen a que o equipo sexa o líder da categoría e o que máis tempo estivo no primeiro posto no que vai de curso. Dos 50 goles, o 80% foron marcados por Mario, Ospina, Diego Díaz e Cayuela.
O Brollón ascende á segunda posición
Continúa a gran traxectoria do Brollón tras vencer a un rival directo como é o Antas (3-1). O gol average queda igualado, pero o conxunto da Pobra vive o seu gran momento. É o equipo máis en forma do grupo en canto a resultados. Acumula seis vitorias seguidas (sete se temos en conta que en Nadal xogaron un partido aprazado da xornada 8). Supera nun punto ao Friol para colocarse 2º e queda a catro do Oural.
Pola súa parte, o Antas desaproveitou a opción de seguir preto da zona de privilexio. Continúa 6º, pero agora a cinco puntos do posto que dá acceso a xogar a fase de ascenso á Primeira Rexional.
Non foi un bo partido do Antas nos Medos. O Brollón púxose por diante cedo cun bo disparo cruzado de Isma. Os locais dominaban e marcaron o segundo logo dun centro no que Zasky introduciu a pelota en propia meta.
Continuou o control local no segundo acto. Con todo, Anxo meteu aos seus no encontro cun gran gol dende longa distancia. Pero pouco lle durou a esperanza ao Antas xa que ao pouco Damián marcou o terceiro local nunha gran acción persoal.
O Becerreá tamén vai con todo en 2024
Logo de acabar o 2023 perdendo nun partido que fora suspendido precisamente ante o Brollón, o Becerreá non sabe o que é perder neste ano. Acumula 3 vitorias en 4 partidos. Venceu no Catro Ventos ao Carballedo (0-2). Os tres puntos permítenlle seguir terceiro e quedar a cinco do primeiro posto.
O Carballedo estivo e moito no partido. Incluso no primeiro tempo xerou máis situacións de gol que os visitantes a través do balón parado. No segundo acto, o Becerreá subiu a intensidade e marcou dous goles. No último tramo de encontro, os locais puideron meterse no partido, pero Moncho fallou un penalti e o marcador xa non se movería.
Seis de sete do San Lázaro para seguir na pelexa
O conxunto capitalino tamén está nunha gran dinámica. Acumula seis vitorias nos últimos sete encontros. Venceu a un Palas (2-0) que a pesar dos dous goles continúa sendo o equipo que menos encaixa do grupo. O San Lázaro ascende á 4ª praza e conta con cinco de marxe sobre o 6º.
Duelo parello na primeira metade. O San Lázaro dominou, pero o Palas tentaba saír ao contraataque. Xusto antes do descanso, os capitalinos puxéronse por diante.
No segundo tempo, estaba ben o Palas pero por expulsión quedaron cun futbolista menos. Mantiveron o tipo os pupilos preparados por Brais Vázquez, pero acabaron sucumbindo con 9 por lesión e o San Lázaro sentenciou. No Palas tamén quedaron moi descontentos coa actuación do árbitro.
O Friol baixa á 5ª posición e o Paradela aínda cre na remontada clasificatoria
O equipo friolés perdeu pola mínima ante o Paradela (0-1). A segunda derrota nos últimos tres partidos, deixa aos pupilos preparados por Javi Pájaro a sete puntos do liderado e con tres equipos máis polo medio. A súa vantaxe co 6º é de cinco puntos.
Pola súa parte, o Paradela volveu ao camiño da vitoria despois de estar dúas xornadas sen gañar. O gran final da primeira volta e este triunfo aínda lle fan crer ao club do Gandarón. Con todo, a distancia co propio Friol que marca postos de promoción é de dez puntos.
No Friol tampouco acabaron contentos co traballo do árbitro. Un penalti e o gol visitante son o principal reclamo das reivindicacións. Os locais non mereceron a derrota. Controlaron o partido e tiveron ocasións.
Con todo, o Paradela si soubo saír ben ao contragolpe. Marcou ese gol no segundo tempo por medio de Samos que significaría o triunfo.
O Friol terá oportunidade de resarcirse na Copa. Xoga na Reigosa un dos grandes partidos destes dezaseisavos de final. Recibe ao Oural o domingo ás 16:15h. Logo, retomará a liga cun duelo directo ante o Becerreá.
O Ferreira non termina de engancharse á parte alta
O conxunto de Pantón perdeu en Lugo ante o San Roque (3-2). Dos últimos seis partidos, gañou un. Está a oito puntos da fase de ascenso. Pola súa parte, o San Roque aséntase na zona media e segue metendo puntos na hucha coa idea de non pasar apuros na recta final de curso.
O encontro comezou ben para o Ferreira que se puxo por diante moi cedo. Pouco a pouco os locais tentaron facerse fortes no xogo por dentro e foron medrando no partido. Antes do descanso empataron por medio de Raúl.
No segundo tempo, o cadro verde e branco remontou momentaneamente o encontro. Lucas marcou o segundo. Máis adiante os visitantes empataron. Cando pintaba que o empate ía ser o resultado final, a sorte estuvo do lado local e Sito marcou o gol do triunfo.
O Lemos B golea e afÁSTASE Do Quiroga
O filial lemista logrou unha vitoria contundente e non moi habitual na categoría. Derrotou ao Quiroga (7-1). O triunfo permítelle sumar o segundo triunfo en 2024 e tamén colocarse nesa zona morna da táboa. Deixa tocado a un Quiroga do que queda a sete puntos. O cadro quirogués mantén os catro puntos co descenso directo.
O encontro comezou igualado. O Lemos B marcou primeiro, pero o Quiroga empatou por medio de Gachan. Unha vez que o filial se volveu poñer por diante, superou a un rival que foi de máis a menos ata acabar sendo incapaz de parar o ataque lemista.
Foi a gran tarde de Maza que anotou un hat-trick. Acumula catro goles no que vai de 2024. O seu compañeiro anotou un dobrete.
Segundo triunfo do Incio dende a chegada do adestrador Ruboi. Dos últimos catro partidos, gañou tres (un deles aínda con Julio Corral). Os últimos tres puntos conseguidos son de especial relevancia ao derrotar ao Chantada B (3-1). Once puntos de distancia entre ambos e gol average a favor do conxunt
O cadro local comezou ben e tivo ocasións para poñerse por diante. Con todo, foi o filial o que tomou vantaxe. Reaccionou ben o Incio cun gran gol en xogada individual de Weimar.
No segundo tempo estivo máis cómodo o Chantada B e xerou máis perigo. Non obstante, na recta final Vila marcou un golazo dende fóra da área que desnivelou a balanza. No tempo extra, os locais sentenciaron co terceiro.
O Quiroga é 13º con catorce puntos. O Carballedo ocupa a antepenúltima posición con trece puntos. En descenso directo están o Sporting Lucense (10 pts.) e o Chantada B (9 pts.).
O San Lázaro suma dúas xornadas consecutivas sen encaixar. A anterior con Álex baixo paus, esta co capitán Borja ‘Pipita’ defendiendo a portería.
Para ofrecer las mejores experiencias, utilizamos tecnologías como las cookies para almacenar y/o acceder a la información del dispositivo. El consentimiento de estas tecnologías nos permitirá procesar datos como el comportamiento de navegación o las identificaciones únicas en este sitio. No consentir o retirar el consentimiento, puede afectar negativamente a ciertas características y funciones.
Funcional
Siempre activo
El almacenamiento o acceso técnico es estrictamente necesario para el propósito legítimo de permitir el uso de un servicio específico explícitamente solicitado por el abonado o usuario, o con el único propósito de llevar a cabo la transmisión de una comunicación a través de una red de comunicaciones electrónicas.
Preferencias
El almacenamiento o acceso técnico es necesario para la finalidad legítima de almacenar preferencias no solicitadas por el abonado o usuario.
Estadísticas
El almacenamiento o acceso técnico que es utilizado exclusivamente con fines estadísticos.El almacenamiento o acceso técnico que se utiliza exclusivamente con fines estadísticos anónimos. Sin un requerimiento, el cumplimiento voluntario por parte de tu proveedor de servicios de Internet, o los registros adicionales de un tercero, la información almacenada o recuperada sólo para este propósito no se puede utilizar para identificarte.
Marketing
El almacenamiento o acceso técnico es necesario para crear perfiles de usuario para enviar publicidad, o para rastrear al usuario en una web o en varias web con fines de marketing similares.