Fai menos de un mes, Julio Corral deixaba de ser adestrador do Incio Terra Brava. Despois de vencer ao Palas por 2-1, a directiva comunicaba ao preparador a súa decisión, que non colleu por sorpresa ao veterán Corral, e que non impide unha excelente relación entre ambas partes.
O seu sucesor no banco, Ruboi, xa asumiu os mandos dun conxunto que loita pola permanencia na Segunda Galicia. Unha categoría á que os do Carboeiro chegaron da man de Julio Corral a pasada temporada, pois acadou o ascenso desde a Terceira Galicia Sur.
Futbolinlugo: Como se produce a destitución?
Julio Corral: Era a crónica dunha morte anunciada. Eu comencei con moita ilusión, pero había pouco compromiso nos adestramentos e, pouco a pouco, deixou de ilusionarme limitarme a chegar os domingos e facer a alineación. Entendo que é máis doado botar ao adestrador no canto de catro ou cinco xogadores, e o normal sería que eu tivese marchado xa antes. Mantiven o meu compromiso e pasou o que pasou.


Fil: Sorprendía, despois de vencer diante do Palas?
JC: Se algo teño que reprocharlle ao club, é que tomen a medida nese momento. Xa o decidiran durante a semana e agardaron ao partido. Ou pensaban que iamos perder ou pensaban que eu podía tocar algún xogador. Pero teño claro que non o fixeron con maldade.

Fil: Que problemas arrastraba o equipo?

JC: Eu xa falara co presidente no mes de novembro por se querían buscar outra persoa que motivase máis aos xogadores. Pero o problema, que era da xente, é máis visible cando perdes partidos. Eu cambiara o turno de traballo para adestrar, chegaba ao campo contando con 10-12 xogadores que confirmaban ao mediodía e aparecían cinco. Despois os domingos o mesmo, pouca xente nas convocatorias, un porteiro de xogador…
Eu creo que a función do adestrador é adestrar, preparar partidos e manter a motivación, cando chegas ao campo e te atopas con 5, 7, 8 xogadores… é moi difícil.
O Incio e julio corral MANTEÑEN UNHA BOA RELACIÓN
Fil: Porén, as relacións co club seguen sendo boas.
JC: Si, hai que saber diferenciar o persoal do futbolístico. Eles toman unha decisión pensando en que mellore o equipo, e xa sabemos como é o fútbol. Pero a nivel persoal eu sigo pensando o mesmo do club… o ano pasado cando ascendemos eu buscara bastantes xogadores, pero eu entendo a decisión, porque animicamente tampoco foi o meu mellor ano. A min gústame adestrar e preparar os partidos, pero se non adestras… despois que criterio segues para facer a alineación?
Fil: Fai balance desta segunda etapa no Carboeiro.

JC: Despois de estar no club fai oito anos, o ano pasado chamáronme para Terceira e fixemos un equipo bastante competitivo. Non sei se para ascender, pero despois de completar un playoff moi bon conseguimos o ascenso, así que foi un gran momento. Este ano fallou un pouco a planificación, pero O Incio está nunha zona complicada. É complicado traer rapaces de Monforte ou de Sarria, hai moitos equipos arredor, ademais dos filiais… pero creo que hai un cadro de xogadores capaz de manter a categoría.
Fil: Semella que hai posibilidades reais de evitar o descenso logo dos últimos resultados.
JC: Si, aínda facendo as cousas como as fixemos o equipo estaba fóra do descenso directo cando marchei eu. A moitos equipos lles pasa o mesmo que a nós, o campo do Incio é moi difícil para todos os rivais… con algo máis de compromiso dos xogadores eu creo que van sacar os resultados. Agora ben, o futuro do club… non sei. Falas coa directiva ou con xente de alí e recoñecen que é difícil captar xogadores agora que hai moitos equipos.
Fil: Como se presenta o futuro inmediato de Julio Corral?
JC: Xa non teño moita marxe polo traballo: desconectar un pouco, ver algún partido e agardar a que chegue algo atractivo. Non falo de categoría, senón de proxecto. Eu entendo que a xente traballe ou estudie, pero non me motiva chegar un venres con 7 xogadores ao campo ou ir aos partidos con 11-12… para iso prefiro quedar na casa.
Fil: O que está claro é que eres unha desas persoas que respira fútbol lucense polos catro costados.
JC: Si, levo moitos anos con isto. Pero o fútbol era diferente cando eu comecei a adestrar, e agora xa ves o que pasa. Entre iso e o traballo nunca se sabe o que pode pasar no futuro.
