Once da xornada 30 na Preferente Galicia

Cambiou a hora e co horario de verán algúns “chegaron tarde” os seus partidos. Volveu ser esta unha xornada de derbis lucenses na Preferente Norte, en concreto dous, dos que Viveiro e Sarriana saíron triunfadores. Producíronse triunfos importantes tamén na parte alta e os xogadores deses equipos teñen, como non, salientable presenza no noso once.

Na Ribela o clásico duelo entre Sarriana e Lemos chegou nun momento case crítico para os dous equipos. Os locais leváronse o triunfo despois de seis xornadas perdendo e venceron por 1-0. Marino e o incombustible Samos volveron ser os máis sobranceiros dun choque que os deixa a cinco puntos da salvación directa. Aínda así, nesa posición estarían condicionados polos posibles arrastres. O Lemos queda con 31 puntos na clasificación, catro por riba do descenso directo.

A primeira praza de descenso márcaa precisamente o Chantada que perdeu noutro dos enfrontamentos provinciais da fin de semana e segue a un punto da salvación. O Viveiro levouse os tres puntos do Sangoñedo ao gañar por 0-2. Fidi e Erni foron os máis destacados no conxunto da Mariña e rescatamos a actuación de Alberto por parte do equipo chantadino. O Viveiro queda con 45 puntos, a once dos postos de play-off.

Félix, Dani Renda e Erni repiten no once por segunda semana consecutiva

Nos postos de promoción de ascenso si se asentou o Lugo B coa súa vitoria en Mugardos por 0-3. O conxunto de José Durán aproveitou a segunda derrota consecutiva do Paiosaco para deixar o quinto posto catro puntos por riba, e tamén a derrota do Estudiantil para quedar a 3 do ascenso directo. Nestes momentos o filial albivermello depende de si mesmo para ascender, xa que na vindeira xornada recibe o Laracha e en dúas ó Estudiantil. Ambos partidos na casa.

E esperando a que erren os de arriba atópase o Escairón que venceu onte por goleada ó Sada (6-1) e debutou na segunda metade o porteiro Sergio Cabanelas. O club do Saviñao é sexto, a oito puntos do Lugo B. Un pouco máis abaixo atópase o Ribadeo tamén con 45 puntos despois da súa vitoria ante o Soneira por 2-0. Destacamos a actuación de Yoel e do gardameta, Iván González que fichou hai un par de semanas e nos dous encontros disputados aínda non recibiu ningún gol.

Imagen por defecto
Iván Calaza
Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.
Artículos: 466

Deja un comentario