O Trío de Ases O Cantón déixanos ao Viveiro na segunda praza da Terceira RFEF. O cadro mariñán gañou en Cantarrana ao Vilalonga e mantense invicto. Tamén gañou o Polvorín na Cheda ao Arteixo. Colleitaron a primeira derrota do curso a Sarriana e o Racing Vilalbés, ambos como locais, fronte a Boiro e Arousa respectivamente.
Na Preferente cústalles arrancar aos conxuntos lucenses. O Lemos foi quen de igualar no campo dun invicto Miño, mentras que o Ribadeo tamén arañou un empate no campo do Negreira. O Escairón sumou un punto na casa co Paiosaco, mentres que o Pol caeu no Municipal fronte ao Dubra.
O Viveiro remonta fronte ao Vilalonga e segue invicto (4-2)
Non saiu ben ao partido o conxunto mariñán nun Cantarrana no que zoaba forte o vento. O Vilalonga tomou a iniciativa e enseguida se adiantou no marcador cun tanto de Portas de bo tiro cruzado. Os de Jandri Rego melloraron co paso dos minutos e Santín e Lucas Fanego avisaron antes de que Adri Lombao igualara sobrepasada a media hora de xogo.


No segundo tempo, o cadro celeste foi superior e de novo Adri Lombao resultou decisivo para poñer por diante aos locais cun gran gol desde fóra da área. O Viveiro soubo manexar o encontro e foi quen de chegar con perigo á portería rival. Keita, no día do seu debut, fixo o terceiro ao rematar un saque de córner, e German sentenciou o choque co seu terceiro gol do curso. No desconto, o Vilalonga maquillou o marcador cun gol de Marcos Blanco nun lanzamento de falta.
A Sarriana colleita a primeira derrota da campaña fronte ao Boiro (0-3)
Non tardou o Boiro en poñerse por diante no marcador. Aos sete minutos, nun córner que botou Álex Rey, Sylla rematou de xeito inapelable ao fondo da portería. A Sarriana levou o peso do partido e xogou en campo contrario, con posesións longas na procura dun oco na zaga barbanzá. Diego Rey e Álex Millán contaron coas opcións de gol máis claras. O Boiro xogou replegado e conseguiu saír á contra en varias ocasións con certo perigo.

Jaime Paz optou por darlle entrada a Susavila e ao debutante Azael no canto de Brais e Miguel tras o descanso. O equipo trocou de sistema para ir a polo partido, pero nun erro tras un saque de banda Yaguito conseguiu facer o segundo para o Boiro. A Sarriana arriscou na procura dun tanto que o metera no partido, pero nunha transición tres contra un Sylla sentenciou o encontro.
O Racing Vilalbés colleita a primeira derrota da temporada fronte a un ferido Arousa (0-1)
Encontro entre dous dos galos da categoría. O Racing chegaba invicto e o Arousa sen estrear o casilleiro de puntos. A primeira metade resultou moi parella cun conxunto visitante replegado e na procura de diagonais a Luis Castro e Iñaki e procurando xerar perigo no balón parado a través de Antón Concheiro. O Racing mellorou co paso dos minutos e Borja Míguez contou con dúas boas ocasións para poñer por diante aos chairegos.
Tras o paso por vestiarios o Arousa foi mellor cunha boa presión que propiciou pérdidas de balón do Racing. Nunha delas chegou o único tanto do partido, na que sería a única ocasións visitante. Tras varios remates dentro da área que parou ben Álex Santomé, chegou o balón a Iñaki que rematou a placer ao fondo da portería. Alberto López arriscou en ataque e o Racing dominou o último tramo de encontro. Decisións erróneas na área e centros que non atoparon rematador fixeron que os chairegos sumaran a primeira derrota do curso.
Maceira, co tempo cumprido, dalle tres valioso puntos ao Polvorín fronte ao Arteixo (2-1)

Primeira metade con pouco ritmo cun Arteixo máis vertical que apostou por diagonais a partir dos seus centrais para conectar coa liña de ataque. O Polvorín a partir do minuto vinte fíxose co dominio do xogo a través dunha boa saída de balón. Non se viron moitas ocasións no periodo inicial. Candal respostou ben ás escasas chegadas do cadro coruñés, que intentou poñer en apretos a zaga lucense cos potentes saques de banda de Moure ao corazón da área. Casais e Sobrido protagonizaron a ocasión máis clara para os de Dani Galán antes do descanso.
Despois do descanso adiantouse o Arteixo nun balón ao espazo que aproveitou o ex racinguista Otero. O técnico lucense deulle entrada a Padín e Mateo para xogar por dentro e o filial albivermello fíxose co control do partido. O empate chegou nunha gran xogada de Padín, que tras driblar a dous xogadores golpeou coa súa perna dereita á escadra. Coa igualada no marcador, o Polvorín xogou en campo contrario aínda que sen xerar excesivas ocasións. Cando o encontro esmorecía Maceira cazou un balón nas inmediacións da área e materializou o tanto do triunfo.
Valioso punto do Lemos no campo Miño, aínda invicto (2-2)
Foi mellor o Miño no primeiro tempo. O cadro local realizou unha boa presión en campo contrario provocando perdas de balón dos monfortinos. Losada tivo que intervir con éxito en dous lanzamentos para impedir o gol. Nada puido facer ante o disparo de Sergio, que fixo que o encontro fora ao descanso con vantaxe dos locais.
Tras o paso por vestiarios o Lemos saiu con outra cara. Diego Torres, que facía a súa reestrea co Lemos, igualou o choque cun bo lanzamento de falta e só cinco minutos máis tarde César peiteou e Adri Salgado perforou a portería rival. Co marcador en contra o Miño volveu a facerse co dominio do choque e lanzouse a polo empate. Losada volveu estar atinado nalgún lanzamento de perigo ata que no minuto 89, nun erro defensivo do Lemos chegou a igualada do Miño.
O Ribadeo iguala nun parello encontro no campo do Negreira (1-1)
Segue se coñecer a vitoria o Ribadeo logo de catro xornadas de liga. O encontro no García Calvo resultou moi parello. No cadro mariñán debutou Migui e Echávarri estreou titularidade logo de xogar uns minutos a pasada semana. O Ribadeo saiu mellor ao campo e Álex Meitín contou cunha boa ocasión que Kevin non atinou a rematar no rexeite. Echávarri e Ferreiro con dous tiros desde a frontal estiveron preto de lograr o gol. A partir do ecuador do primeiro tempo, o Negreira estirou liñas e chegou á área ribadense. As internadas por banda dos locais non atoparon rematador.
O segundo tempo resultou semellante ao primeiro. Os de Labrada saíron máis enchufados e foron quen de adiantarse no marcador cun tanto de Kevin Fontela nada máis pisar o céspede en sustitución de Migui. O Negreira co marcador en contra colleu o temón do partido e foi quen de igualar tras un penalti cometido por Simón que transformou Alberto Freire. Quedaban dez minutos por diante e o Negreira intensificou o seu dominio fronte a un Ribadeo que buscou saír á contra. Nos últimos intres Javi Pita resultou decisivo ao deter un man a man diante dun atacante local.
O Escairón desaproveita dous goles de vantaxe fronte ao poderoso Paiosaco (2-2)
Moito fútbol directo na primeira metade debido ao mal estado do terreo de xogo. Bastante igualdade e escasas chegadas por parte dos dous conxuntos que apenas inquedaron aos gardametas.
O segundo tempo resultou diametralmente oposto. O Escairón non tardou en adiantarse cun golazo desde fóra da área de Vilachá. Os de Óscar Moure viviron os seus mellores minutos e Vilachá fixo o segundo tras un bo pase de Rubén Díaz. O Paiosaco deu un paso adiante e ao Escairón fíxoselle longo o encontro. A falta de cinco minutos para o final Bilal, tras unha boa xogada individual recurtou diferencias e xa co tempo cumprido nun balón ao segundo pao Jorge Raña executou o empate.
O Pol cede no Municipal ante un Dubra que conta os seus encontros por vitorias (0-3)
O encontro resultou parello no seu periodo inicial, aínda que cun lixeiro dominio do Pol diante dun Dubra bastante replegado. Os de Roberto Fernández chegaron en bastantes ocasións ás inmediacións da área visitante. Malia todo, nun saque desde o curruncho, o Dubra foi quen de adiantarse no marcador por medio do seu goleador Martín.
No segundo tempo, o Pol voltou a saír ao campo mellor que o seu rival, pero nunha contra Javi Domínguez deixou o resultado moi favorable para o Dubra. Era un momento de desconcerto para os chairegos, que aproveitou Martín para anotar o terceiro gol, segundo na súa conta particular. O Pol reaccionou aínda que non foi quen de rachar co solidario sistema defensivo dos pupilos de Bardanca.
