descenso

O Taboada sae do descenso e a Milagrosa entra na promoción

A victoria do Taboada en Santaballa —nun duelo para evitar o descenso— e a derrota do Xove en San Miguel, entre outros resultados, apreta moito a zona baixa da táboa. Salvatierra Abogados trae os resumos de toda a xornada da Primeira.

O Brollón aséntase na zona media da táboa tras vencer nun partido tolo (3-2). Os lucenses anotaron o primeiro tanto na recta inicial, pero o duelo non tiña un dominador claro e o Maside puido empatar antes do descanso. Non o fixo, porén, ata a reanudación, por medio dunha pena máxima (1-1). Pouco despois, os ourensáns fixeron un golazo para poñer o 1-2. Non se rendiu o Brollón, que colleu aire coa entrada no campo dun Isma que revolucionou o partido: puxo outro ritmo ofensivo e anotou dous goles para dar a volta de novo ao electrónico (3-2) e deixar os tres puntos nos Medos.

O filial do Racing Villalbés rescata un punto no engadido ante o Ribadeo (1-1). Na primeira metade a igualdade foi a protagonista no Estadio Roca, con dous conxuntos moi serios que tantearon as súas opcións. Porén, os visitantes foron dominadores do coiro no segundo tempo e Xairo abriu a lata pasada a hora de xogo. A falta de efectividade mariñá valeulles aos de Iván Lamas para chegar vivos á recta final e, de feito, a súa insistencia tivo premio cunha pena máxima no tempo de desconto. Miguel non errou e os puntos repartíronse no feudo chairego.

O Castro gaña en Foz cun home menos (1-2). O gol inicial de Cadenas nun saque de esquina deixou mostras do dominio inicial chairego, pero o Foz colleu o pulso do partido paseniño e empatou á media hora de xogo logo dunha xogada de Róber na que Dani aproveitou o rexeite.

Xa na reanudación, o Castro protestou un gol que lle foi anulado á saída dun córner e, na transición desa xogada, Pedro viu o cartón vermello. Era o 48′. Desde a expulsión, porén, o Castro anotou cunha vaselina de Iván González e tivo opcións para facer máis, mentres que o Foz apretou aos visitantes na súa área na procura do empate, pero non puideron perforar a meta defendida por un gran Josema.

Escairón e Residencia miden as súas forzas e igualan (1-1). Foi un partido incómodo para ambos cadros no Saviñao, dada a dificultade do rival. Os locais puxéronse por diante cun gol de Nahuel nun primeiro tempo no que estiveron máis incisivos, pero a Residencia non deixou escapar aos seus rivais no electrónico e mellorou co paso dos minutos, especialmente na segunda parte. O premio á insistencia chegou cunha pena máxima no 80′, que transformou Dani Renda para rescatar un valioso punto e manter a ambos conxuntos na zona nobre da clasificación.

A zona de descenso está máis quente que nunca

O Iberia supera ao Xove nas Valgas (2-1). O resultado era de 0-0 ao descanso, pero a realidade foi outra en San Miguel. Nos primeiros 20′ foi o Iberia quen puxo as ocasións máis claras, desbaratadas por Álvaro, mentres que nos últimos 25′ do primeiro tempo o Xove tivo varias oportunidades que detivo Iker nunha gran actuación. O gol, así, fíxose agardar ata o primeiro minuto da reanudación, cando Dani aproveitou un barullo na área visitante. Reaccionaron os verdes, que empataron nun penalti, pero pouco despois golpeou de novo o Iberia: unha gran xogada cun centro de Fabio rematado por Barrera foi o 2-1, que se tornou definitivo en Barreiros e que afunde ao Xove no descenso.

A SD Chantada domina no Ladairo e na clasificación (0-2). O dominio posicional da SD fíxose notar desde o comezo, e o gol de Lucas logo do centro de Adri tras un roubo en campo rival deu tranquilidade a un cadro que oposita moi insistentemente ao ascenso. O Guntín tentouno, pero os de Traste están a mellorar moito no plano defensivo e impediron que os de Germán Campos estivesen cómodos en ningún momento. Xa na segunda metade, e logo de avisar en varios contragolpes, unha transición rápida dos visitantes e unha nova asistencia de Adri foi aproveitada por Pablo para sentenciar o choque e levar os puntos cara o Sangoñedo.

O Taboada respira na Liga, e na liga (0-2). Ambos conxuntos chegaban en postos de descenso á cita deste domingo, pero o Taboada xestionou mellor os nervios e anotou dous goles nos primeiros 20′, que lle permitiron afrontar con tranquilidade o resto do choque. O Santaballés, dado o adverso do resultado, procurou achegarse no marcador con máis corazón que cabeza, e puido facelo en achegamentos claros á área visitante, pero os defensores do Taboada mostráronse solventes e, finalmente, os puntos marcharon cara o «Canti» para deixar en descenso ao Santaballés e sacar ao Taboada.

O Lourenzá saca tres puntos de ouro de Cerdeiriños (0-1). O plan de partido visitante, saíndo con perigo ás transicións, valeulles aos de Rubén para adiantarse antes do descanso nun saque de esquina ante un Monterroso que tivo pouca profundidade cara a porta rival. No segundo tempo, os locais modificaron o esquema e tiveron máis presenza na área do Lourenzá. Porén, a solvencia defensiva do Lourenzá e a falta de efectividade que arrastra o Monterroso serviron para que os mariñáns mantivesen a portería a cero e levasen os puntos cara unha Santa Cruz que se ve fóra do descenso, 0-1.

O Oural sófre o «efecto Frigsa», que xa é unha realidade (1-0). A intensidade local, unida á calidade duns xogadores que saben moi ben que facer en cada momento no seu feudo, valéronlle á Milagrosa para sacar os tres puntos. Na primeira parte, unha perda de balón en campo rival e un gran contragolpe local traducíronse no único gol do choque, materializado coa testa por David. Era o 20′. Rafa errou un man a man que mantivo vivos aos sarriáns, pero a sobriedade defensiva dos albivermellos impediu que o Oural chegase con claridade á porta de Fabián e permite á Milagrosa entrar nos postos de promoción de ascenso cun balance de 13 puntos na casa, de 15 posibles.

O Outeiro de Rei imponse ao Chantada Atlético no Sangoñedo (2-3). O mal que entraron os locais ao partido tivo efecto no resultado: no 12′, o resultado xa era de 0-2 (o primeiro en propia meta e o segundo obra de Revuelta). César recurtou diferenzas nunha gran transición antes do tempo de lecer e, na segunda metade, os chantadinos foron dominadores. Xa na recta final, Javier fixo o 2-2 tras unha xogada combinativa na que os visitantes non estiveron atinados en defensa. Era o 87′. Porén, os chairegos non se rendiron e, logo dun remate que Canario detivo moi ben, Saúl aproveitou un rexeite para facer o definitivo 2-3 co tempo cumprido.

descenso

O Taboada sae do descenso e a Milagrosa entra na promoción

A Sarriana sae da mala xeira e

O Taboada sae do descenso e a Milagrosa entra na promoción

O PM Friol perde ante As Celtas

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *