A Sarriana festexa a súa vitoria

A Sarriana sae da mala xeira e Fito brilla en Monforte

A xornada do Trío de Ases O Cantón tivo un nome propio que destacou por enriba de todos. O Lemos sigue invicto grazas a un Fito que foi máis ‘Imperiale’ que nunca con tres goles no encontro que os enfrontou ao Umia. A Sarriana saíu da súa mala xeira cunha vitoria de gran entidade ante o Real Ávila e o Lugo B tamén logrou vencer. Pola súa parte, o Rácing Villalbés logrou un punto moi traballado na casa do Estradense, igual que o Burela en Miño. As derrotas foron para Viveiro e Pol.

Fito guía ao Lemos en Ribadumia

O conxunto monfortino conseguiu unha gran vitoria ante o Umia por 1-3 nun encontro onde Fito foi a estrela. O Lemos comezou sufrindo nos primeiros quince minutos, pero tras o gol de Xabier Ares de penalti no minuto 21, o encontro variaría a súa dinámica e pasaría a que os de Edu Rodríguez tiveran o dominio. O dianteiro arxentino empatou tres minutos despois e o Lemos poñía unha marcha máis no encontro.

Con máis comodidade e capacidade para xerar ocasións de perigo, o Lemos foi quen de poñerse por diante tras un penalti no minuto 83 que convertería Fito. A sentencia chegaría nunha contra para que Fito volva perforar a portería rival. Con este triplete, o arxentino sitúase como líder na táboa de goleadores con 10 tantos en nove encontros.

Acabouse a mala xeira da Sarriana

A Sarriana voltou á senda da vitoria tras completar un encontro moi completo ante o Real Ávila no que lograron que o 2-0 se reflectise no marcador da Ribela. Os de Iván Carril foron de menos a máis, xa que nos dous primeiros minutos César Pirot salvou aos seus con dúas mans moi difíciles para evitar o primeiro do cadro visitante. Pouco a pouco, a Sarriana foi collendo o control do encontro e instalándose no campo rival, pero co 0-0 ao descanso.

A segunda parte comezou coa Ribela pedindo penalti nunha acción de Arona Sané e cunha nova parada de Pirot, pero a máis clara foi un disparo ao pau tras un erro de comunicación. Dous minutos despois, Villaverde encontrou a carreira de Berardozzi, que definiu para firmar o primeiro tanto do encontro. A sentencia chegou nun balón en profundidade de Arona con destino a Millán, que non perdonou no man a man para darlle aos seus os tres puntos.

O Lugo B sigue polo bon camiño

O Lugo B continúa na boa senda tras vencer por 1-2 ao Boiro. O encontro estivo dominado de principio a fin polo filial albivermello. Os de Dani Galán atoparon os espazos á espalda da defensa desde o minuto 1, onde Sergio puxo un centro que non puido ser gol tras un rebote. O Lugo B adiantouse cun penalti que transformou Aday e, pouco despois, Noah botou a correr e rematou unha transición desde fóra da área para poñer o segundo tanto. Incluso os lucenses puideron poñerse por diante cun man a man de Ibe e reclamaron un posible penalti a Aday.

Antes do descanso, Mario Prol cun tiro cruzado recortou distancias. O Lugo B sufriu na segunda parte a falta de eficacia da primeira e o Boiro meteuse no encontro do cheo. Os de Dani Galán tiveron dúas oportunidades moi claras, pero non transformaron. O Boiro intentou por todos os medios empatar, sobre todo cun disparo que Mateo Suárez detivo, pero no rexeite os locais case meten. O Lugo B sufriu, pero sumou tres puntos que lle permiten ter a súa primeira vitoria fóra da casa.

Empates de moito traballo

O Rácing Villalbés sumou un punto no campo dun dos favoritos tras o 0-0. O Estradense tratou de dominar, pero os chairegos mantivéronos alonxados da porta de Santomé, ata que unha triple ocasión na media hora puxo en risco o empate. Tras o descanso, houbo varias fases ata que no último cuarto de hora os de Juan Rodríguez dominan e teñen catro oportunidades para levar os tres puntos. A máis clara foi un gol anulado a Herrero por fóra de xogo e un man a man de Pablo Trigo.

O Burela sumou un punto laborioso tras empatar por 0-0 ante o Miño. O encontro tivo o dominio do Miño en canto a posesión, o que fixo que Burela tivese que traballar en defensa e non cometer ningún tipo de erro. Os de Oke fixeron todo o posible para ir a polo encontro cunha boa oportunidade de David Ben, mentres que o Miño estivo preto de marcar tras unha cesión, pero Diego Lozano mantivo a súa portería a cero.

Derrotas ante favoritos da categoría

O Viveiro caeu por 1-2 en Cantarrana ante un Arosa destinado a loitar polo ascenso. O conxunto de Vilagarcía optou polo xogo directo para facer dano, pero foi nunha recuperación de Iñaki na saída de balón na que abriron o marcador. Xusto antes do descanso, Diogo igualou á saída dun corner para que os mariñáns chegaran con boas sensacións ao descanso. Na segunda parte, Javi Rey definiu unha falta botada por Remeseiro e, pese a que Ayoub fixo dúas paradas de mérito e Lansade estivo moi preto de empatar, os puntos marcharon de Viveiro.

O Pol caeu na súa visita ante o Lalín por 3-1 nun encontro no que, na primeira metade, o equilibrio foi a constante con oportunidades para ambos. Un tiro desde fóra da área de Emilio foi o que abriu o marcador antes do descanso para os locais. No minuto 70, Vilariño logra transformar unha rápida transición para facer o segundo, pero Dani recortou distancias e deu esperanza para que os de Labrada sumasen un punto nun campo moi complicado. Un erro na saída de balón derivou na sentencia de Eloy e o Pol xa suma cinco encontros sen gañar.

A Sarriana sae da mala xeira e Fito brilla en Monforte

O Taboada sae do descenso e a

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *