A SD San Lázaro vive anos ilusionantes. O cadro da Ponte, pese a verse afastado do seu barrio, compite cada domingo co obxectivo de manter a categoría na Primeira Futgal. Porén, os resultados non están sendo os agardados e, logo da dimisión de Nico Longhini, Alejandro Novo ‘Mincha’ colleu os mandos do club celeste. Polo momento, o novo técnico non coñece a victoria na competición ligueira, pero traballa arreo para reverter a situación dos seus.
Futbolinlugo: Dubidaches cando chegou a oferta do San Lázaro?
Alejandro Novo: Hai unha pequena dúbida por cuestións de disponibilidade, porque xa adestro ao Cadete do Racing Villalbés. Pero por club, amor ás cores… decido aceptar.
Mincha deu o salto como adestrador no fútbol sénior da man do San Lázaro
Fil: Coñeces ben un club no que xogaches.


AN: Si, buscaremos ter de novo un grupo tan unido como o que tiñamos cando xogaba eu. Que haxa un bo grupo humano e que se poida chegar a ter amistade para despois consolidar un número suficiente de xogadores e medrar no campo.
Fil: Seguramente por iso acadar a salvación sexa un reto aínda máis especial do habitual.
AN: Si, pero boto en falta a ausencia de xen competitivo. Non só no San Lázaro, senón a nivel global. Os rapaces máis novos non ven o fútbol como unha idea de vida, non o viven con esa pasión. O compromiso é menor, a autoesixencia é menor… chegas, cumpres, e marchas. Iso estou a notalo aquí, falta fame de gañar. Agora temos por diante unha fase de liga moi dura: visitamos Xove, vén o Castro… pero as sesións de adestramento están sendo máis complexas e máis completas, así que trataremos de reverter a situación.

Fil: É posible a permanencia?
AN: Sabemos que é difícil, porque temos poucos puntos. Pero sí que podemos dar sorpresas, porque a Primeira Futgal ten 10 equipos na metade baixa que están moi igualados. Eu estou ilusionado, motivado por voltar a ver ao San Lázaro como cando eu era xogador: un equipo unido, comprometido e que sabía ao que xogaba.
Fil: Como ves entón aos teus xogadores?
AN: A situación que atravesa o club é mala e os xogadores están desanimados: isto tradúcese nunha baixada do compromiso. Porén, estamos mellorando moito nos últimos partidos, xa gañamos ao Escairón, fomos quen de competir ata o final contra o Taboada… Unha vez melloren os resultados, seguro que hai máis xente que se anima máis e quere subirse ao carro do San Lázaro.

Fil: Houbo baixas importantes…

AN: Si, Yelko ou Jul xa marcharan cando cheguei eu. Agardamos que non haxa máis baixas…
Fil: Haberá reforzos?
AN: A recuperación de Rubén Candal, meter en dinámica constante a Luis Martín, que estaba pouco presente por motivos persoais, e a chegada de Yago Armesto xa establece 18 xogadores no cadro. Pero sí que trataremos de cubrir unha ou dúas posicións máis.
Fil: Por onde pasa a mellora dos resultados do teu equipo?
AN: Temos que establecer un modelo de xogo e mellorar moito a nivel físico. Os futbolistas que estaban no cadro de xogadores cando cheguei non eran os que máis participaban e faltaba unha idea e estrutura de xogo, non por demérito do adestrador anterior, senón se cadra por falta de minutos. Ao chegar en decembro, fixo falta unha pretemporada exprés para poñernos a tono.
Fil: Hai moita diferenza á hora de preparar unha sesión entre fútbol base e afeccionado?
AN: Teño a sorte de ter un grupo de rapaces moi bos e moi maduros no Racing. De feito, eles mesmos demandan tareas esixentes e complexas a nivel mental, que despois podo adaptar tamén ao San Lázaro, porque eu como adestrador tamén teño unha idea de xogo. Sí que hai diferenza na forma de transmitir: cos cativos podes apretar e podes estar enriba deles, pero cos adultos tes que medir un pouco máis. Esa é a principal diferenza.