A Madalena viviu un encontro histórico. Por primeira vez, o Racing Vilalbés logrou chegar á derradeira eliminatoria polo ascenso a Segunda RFEF e a capital chairega vestiuse de gala para recibir ao conxunto rioxando de La Calzada. O Racing realizou un bo encontro pero os visitantes marcharon cun empate, un premio excesivo para o visto ao longo dos noventa minutos.
Na Preferente, o Lemos acadou a permanencia de xeito matemático logo de gañar con comodidade no Pepe Barrera diante do Ribadeo. A Sarriana logrou o campionato ao gañar no feudo do Mugardos. A Residencia acadou o triunfo na Cheda diante do Pino e o Portomarín caeu pola mínima fronte ao As Pontes.

Un Racing Vilalbés moi superior non foi quen de pasar do empate diante de La Calzada (1-1)
Superioridade do Racing Vilalbés ante un La Calzada que realizou un espectacular exercicio defensivo. Vérez abriu a lata cun bo testarazo nun sque desde o curruncho e Pablo Rey errou un penalti minutos despois que puido valer media eliminatoria. E normalmente quen perdoa remata pagando. Xusto ao borde do descanso, nun dos únicos achegamentos dos rioxanos chegou o seu único gol. Un disparo cruzado de Duce desde dentro da área que petou previamente no pao serviulle aos visitantes para igualar a contenda.


O segundo tempo foi un auténtico monólogo do Racing Vilalbés. Os visitantes souberon xogar cos tempos e defenderon con dúas liñas moi xuntas e afundidas. As interrupcións foron constantes e intencionadas para cortar o maior ritmo e capacidade atlética do cadro local. O gardameta visitante Arraiz estivo moi acertado e foi clave para desbaratar un man a man de Make e un potente disparo de Marcos Álvarez desde o pico da área.
O Racing deixou moi vivo a La Calzada, un rival que levou un premio excesivo da Madalena e que ben seguro será un rival ben diferente no seu feudo.
A Sarriana gaña no campo do Mugardos e acada o campionato (3-4)

Logo de acadar o ascenso, a Sarriana acadou o campionato de Preferente logo de vencer na Pedreira. Os de Brais Prados realizaron unha gran primeira metade na que xeraron numerosas ocasións de perigo en rápidas transicións. Así chegaron os dous primeiros tantos. Un bo servizo de Herrero por diante da defensa rematouno cara a súa propia portería un defensor local. O segundo foi obra de Santín a pase de Álex Pérez.
Na segunda metade o Mugardos xerou máis perigo, pero foi a Sarriana a que volveu marcar por medio de Herrero noutra rápida contra. O cuarto chegou por medio de Santín logo dun centro lateral. No último cuarto de hora o cadro local reaccionou e recurtou diferencias cun lanzamento de falta de Artai. Dous minutos máis tarde Gabarre, ex do Polvorín, marcou o segundo e a falta de cinco para o final o propio Gabarre meteulle o medo no corpo aos sarriaos ao facer o terceiro.
A Residencia despide a temporada goleando na Cheda ao Pino (4-0)
Encontro entre dous conxuntos cos deberes xa feitos no que o cadro local se amosou moi superior e acadou un triunfo que fixo que os lucenses acadaran a máxima puntuación da súa historia na Preferente. Probablemente o resultado fora curto para o visto sobre o céspede da Cheda. Os de Dani Galán xa marcharon ao descanso co partido sentenciado. Abriu o marcador Lucas aos catro minutos de xogo e Rois puxo terra de por medio nunha acción na que quedou mancado. Xusto antes do intermedio Iago Buján fixo o terceiro nunha gran xogada persoal.
Na segunda metade o encontro nivelouse e o cadro visitante dispuxo dalgunha ocasión de gol, pero o gardameta Marcos estivo providencial para evitar o gol. A falta dun cuarto para o final, Txiki cun bo remate fixo o cuarto e definitivo gol.

O encontro serviu para homenaxear a dous xogadores que deixan a práctica do fútbol. Poratti colga as botas logo dunha gran traxectoria e Veloso fai o propio moi castigado polas lesións.
O Lemos golea na segunda metade ao Ribadeo e acada a permanencia (0-4)
Encontro no que o conxunto monfortino poñía en xogo a permanencia en Preferente fronte a un Ribadeo que xa a lograra dúas semanas antes. A primeira metade resultou igualada. Ámbolos dous equipos tiveron o control alterno do xogo e apenas se viron ocasións de gol.
Na segunda metade o Lemos foi superior e xerou bastantes ocasións de gol, sobre todo a raíz de adiantarse no marcador. Un centro chut de Mauro que tras tocar nun defensor colouse na portería de Carrera significou o primeiro gol para o cadro visitante. A partir de aí, os de Óscar Moure xogaron a placer e nunha rápida transición Mauro fixo o segundo. A falta de dez minutos para o final, Álex anotou o terceiro a pase de Dafonte. Xa co tempo cumprido Varela fixo o cuarto nun saque de esquina que botou Samu Arias.
O encontro significou a despedida do capitán ribadense Isma, que se retira logo de trece temporadas vestindo a elástica celeste.
O Portomarín despídese de Preferente cunha axustada derrota co As Pontes (0-1)
Partido de urxencias para os visitantes, que precisaban os tres puntos para ter opcións de permanencia. Malia ao triunfo os ponteses dependen para manter a categoría de que o Racing Vilalbés acade o ascenso a Segunda RFEF.
Encontro moi trabado con moito xogo directo sobre un céspede do Chao da Poza que non estaba nas mellores condicións. O único tanto do encontro chegou aos trece minutos nunha xogada a balón parado que rematou Martín Traba ao fondo da portería. O As Pontes, co marcador favorable, optou enviar balóns en longo aos puntas e por deter o encontro o máximo posible
Na segunda metade o Portomarín entrou mellor ao partido e contou con opcións para darlle a volta ao partido. Hugo, en dúas ocasións, a piques estivo de batir ao gardameta Valentín, pero o balón non entrou.
