Unha batalla a cara de can en tan só noventa minutos. O CD Lugo terá que remontar o 2-1 adverso, colleitado en Bergantiños, na Cheda. O cadro de Joaquín Blanco mostrouse superior na primeira metade por xogo e ocasións. O conxunto de Carballo só tivo unha oportunidade a balón parado mentres que as lucenses puideron sentenciar cun par de goles máis do que colleitaron.
O duelo igualouse na reanudación. Os erros defensivos lastraron ás albivermellas, que viron como lles remontaban o encontro en dúas xogadas illadas. A final polo ascenso a Primeira Nacional queda moi aberta para o capítulo decisivo na Cheda.
Na fase de ascenso a Primeira Galicia, o PM Friol foi o único equipo lucense que conseguiu a vitoria. Nere Lombardero erixiuse no factor diferencial dun equipo que tirou de individualidades ante un Xallas que mereceu algo máis. A talentosa xogadora da Pontenova adiantou ás da Reigosa cun zapatazo por toda a escadra antes dos cinco minutos de xogo.
O cadro de Geluco non volveu a ver porta ata a segunda metade, onde sentenciou o partido. O Xallas mantivo igualado o choque durante moitos minutos. Non lle resultou suficiente e arriscou cunha defensa de tres que non atopou premio. O PM Friol B avanza de rolda e xogarase o ascenso ante un vello coñecido, o Touro de Xanzy.


Pola súa parte, o San Roque puxo fin á súa aventura. As capitalinas sufriron un serio revés na visita ao Umia B. Plantaron cara durante un tramo de partido a un rival con futbolistas dun nivel superior. Pero acabouse impoñendo a lóxica e a goleada resultou inevitable. Quiroga repartiu minutos e todas disfrutaron dunha experiencia das que non se olvida.
A Milagrosa logra unha mínima vantaxe no ‘play out’, Chantada e San Lázaro empatan a domicilio
A Milagrosa sobrepúxose aos nervos iniciais, afianzándose co paso dos minutos ata conseguir unha vantaxe considerable (2-0). No último cuarto de hora, tocou un exercicio de defensa obrigado ante o bombardeo de ocasións do Corme. Naroa, preto dos 50 goles, non faltou á súa cita co gol e deulle moita vida ás da Costa da Morte para a volta. As de Héctor Expósito agardan un partido moi duro en Corme. Aínda así, xa mostraron que son capaces de meterlle o dente a un adversario nada doado.
O Chantada tamén deixou os deberes para a volta. As de Gorry viviron un encontro igualado, no que se adiantaron nun saque desde o curruncho. Dispuxeron de varias ocasións para meter un segundo gol, que nunca chegou.


No inicio da segunda metade, o Orillamar empatou nun erro lucense moi claro dentro da área. A partires de aí, tanto as do Sangoñedo como as locais contaron con algunha oportunidade. Iso si, o marcador non se moveu máis.
Por último, o San Lázaro mollouse e moito na súa visita ao Praíña. A cantidade de auga caída sobre o terreo de xogo condicionou bastante a ida desta eliminatoria pola permanencia. A tormenta impedía xogar o balón raso e as locais adaptáronse mellor a este escenario, xerando máis ocasións que o conxunto lucense.
Na reanudación, o equipo de Luchi mellorou as súas prestacións. O San Lázaro incrementou a súa sensación de perigo. E, sen estar de todo cómodo, desperdiciou varias oportunidades de gol. As Gándaras ditará sentenza nesta fin de semana.

Noa, xogadora Torre de Núñez do mes de maio
Neste mes de maio, só tivemos en conta as dúas xornadas ligueiras para o galardón #XogadoraTorredeNúñez. Era a maneira máis igualitaria posible de concedelo. E a única futbolista que saiu destacada en ambas semanas foi Noa, do Monte Forte. A pesares do descenso do seu equipo, Noa asinou un final de tempada brillante. Noraboa!
Resultados da xornada
Bergantiños 2-1 CD Lugo

PM Friol B 3-0 Xallas
Umia B 8-1 San Roque
Orillamar 1-1 Chantada
Praíña Sporting Club 0-0 San Lázaro
Milagrosa 2-1 Corme
