Tan só catro xornadas restan para a finalización da Terceira e o Polvorín mantén o liderado logo do seu triunfo diante do Estradense. O Racing Vilalbés gañou no campo do Noia e achégase aos postos de play off, mentres que o Viveiro empatou co Rápido de Bouzas e mantén sete puntos de vantaxe coa zona de perigo. Na Preferente, a Sarriana é líder do grupo de ascenso tras golear na Ribela ao Fisterra, mentres que o Lemos caeu pola mínima diante do Paiosaco. Na pelexa pola permanencia Residencia e Ribadeo igualaron na Cheda e o Santaballés goleou ao Escairón. O Foz descansou nesta xornada.
Tres goles en dez minutos do Polvorín diante do Estradense manteñen ao filial na primeira praza (3-0).
Encontro no que os de Álex Ortiz levaron o temón desde o comezo e gozaron de numerosas ocasións para poñerse por diante no marcador, pero o tanto tardou en chegar. Xurde, Leandro e Álex Ramos tiveron as máis claras para o Polvorín nun primeiro tempo no que o Estradense, que chegaba nunha boa racha de resultados, só se achegou á portería de Julen en dúas ocasións.
No comezo da segunda metade os visitantes comezaron mellor, pero pouco a pouco o Polvorín voltou a controlar o xogo. A falta de vinte minutos para o final nun rexeite do gardameta Coke, Leandro fixo o primeiro. A partir de aí todo foi máis sinxelo para o filial albivermello. En dez minutos o partido quedou sentenciado con dous tantos de Idrissa tras sendos centros laterais.
O triunfo do Racing Vilalbés en Noia achega aos chairegos á quinta praza (0-3).
Primeira parte de moita igualdade, aínda que o Racing Vilalbés foi lixeiramente superior. O Noia apenas xerou perigo en dous saques desde o curruncho, mentres que os chairegos chegaron con perigo por medio de Ángel e Javi Rey, mentres que Otero protagonizou a mellor ocasión dos primeiros corenta e cinco minutos.
Na segunda metade os de Simón Lamas foron moi superiores ao Noia, sobre todo logo da entrada no terreo de xogo de Pedrosa, Rares e Cuadrado, que lle deron ao Racing moita frescura en ataque. O primeiro tanto chegou no ecuador do periodo final. Un balón largo de López deixouno Otero de cara para que Pedrosa cun tiro cruzado colocara o esférico lonxe do alcance do gardameta. Cinco minutos máis tarde, a presión alta de Rares fixo que este lle roubase o balón a rivas e o xove atacante fixo o segundo. O terceiro tanto foi un golazo espectacular de Pedrosa, que tras recurtar a un zagueiro colocou o balón na escadra.
Nos últimos intres o encontro abriuse e o Noia xerou certo perigo, cun lanzamento de falta de Anxo que detivo ben Ángel Fraga.
O Viveiro empata co Rápido de Bouzas e suma a décima xornada sen perder (0-0).
O conxunto mariñán prolongou a súa boa xeira logo de empatar en Cantarrana diante do Rápido de Bouzas, un dos candidatos a xogar a vindeira temporada en Segunda RFEF. Décima xornada sen perder e cuarto empate consecutivo dun Viveiro que mantén oito puntos sobre os postos de descenso e sete sobre o Noia, que ocupa o posto de descenso condicionado.
O fútbol visto no campo viveirense non foi especialmente vistoso, especialmente na primeira metade. O cadro local estivo moi atinado en defensa, sen conceder practicamente ocasións ao seu rival. Preto do intermedio un bo centro de Asier a piques estivo de chegar ao remate Tichu, na mellor ocasión dos celestes. Na segunda metade o Viveiro chegou con máis perigo á portería rival e o gardameta Álex Vila convertiuse nun dos mellores xogadores do cadro vigués. Rolle e Dani gozaron das ocasións máis claras para os de David Páez.
A Sarriana golea na Ribela ao Fisterra e segue no máis alto na pelexa polo ascenso (5-2).
Triunfo claro e convincente da Sarriana diante dun dos firmes candidatos a pelexar polo ascenso. Os de Edu Rodríguez foron mellores ao longo de todo o encontro, malia que o Fisterra logrou igualar o marcador en dúas ocasións. Na primeira metade, o conxunto local tivo varias ocasións para marcar, pero quen o logrou foi Omar preto da media hora de encontro. Non tardou o Fisterra en lograr o empate cun bo lanzamento de falta de Cespón. A Sarriana non acusou a igualada e Jacobo voltou a adiantar a Sarriana antes do descanso cun golazo pola escadra.
Logo do paso por vestiarios non tardou en chegar o segundo tanto dos de Juan Porrúa, nun desaxuste defensivo local que aproveitou Estévez. Pero os sarriaos repoñíanse de cada golpe e na seguinte xogada Diego Torres fixo o terceiro. Ata o minuto 90 non chegou a sentencia con tantos de Gerardo e Álex Pérez, pero en ningún momento perigou o encontro para a Sarriana.
Un gol no comezo do encontro do Paiosaco frustra as esperanzas do Lemos na Pinguela (0-1).
Marcador xusto para o visto ao longo dos noventa minutos no feudo monfortino. O Lemos non entrou ben ao partido e o rival superouno en concentración e intensidade. O Paiosaco foi moi superior no centro do campo e Cristian e Álex Pérez convertíronse nun quebradeiro de cabeza para a zaga local. Aos catro minutos chegou o único tanto do encontro. Iván Amor asistiu e Cristian rematou ao fondo da portería. Os visitantes tiveron os mellores minutos e Pablo tivo nas súas botas o segundo. A ocasión máis clara chegou tras un penalti cometido por Ivo que lanzou Cristian pero detivo moi ben Losada. Sobrepasada a media hora de xogo, o cadro local trocou de sistema e controlou mellor o partido.
A segunda metade foi dominada polo Lemos desde o comezo. A entrada de Álvaro e Diego Arias déronlle outro aire ao equipo, pero a falta de acerto no remate truncou as esperanzas monfortinas.
O Ribadeo prolonga a súa boa xeira logo de empatar diante dun bo Residencia (1-1).
O derbi provincial entre a Residencia e o Ribadeo rematou en empate. Na primeira metade apenas se viron ocasións de gol. O conxunto local levou a iniciativa, pero os mariñáns ben situados en defensa apenas concederon ocasións, salvo unha de Yeray que rematou fóra desde dentro da área.
A segunda metade foi máis vistosa e ámbolos conxuntos buscaron o tanto do triunfo, aínda que as ocasións máis claras foron para os de Dani Galán. No minuto 66 un centro de López rematouno Sergio de cabeza na área pequena ante o que nada pode facer Dos Santos. Txiki puido sentenciar nun remate que saiu fóra por pouco. A falta de cinco minutos para o final nun erro na saída de balón da Residencia chegou o empate por medio de Diego Núñez. No desconto, o propio mediocentro ribadense puido culminar a remontada cun testarazo que detivo Diego Bravos.
O Santaballés gola ao Escairón e pon a primeira pedra para a permanencia (5-1).
O Santaballés comezou con bo pé a fase de permanencia, mentres que o Escairón colleitou a segunda derrota noutros tantos encontros e queda sen marxe de erro para os vindeiros encontros.
O partido comezou igualado, pero os locales non tardaron en adiantarse no marcador cun disparo de Palomo que desviou Yago ao fondo da portería. O Escairón buscou o empate e tivo unha boa ocasión que parou ben o gardameta Ivo. Os de Jorge Rodríguez perdoaron e os chairegos puxeron terra de por medio cun tanto de Miguel. O tanto deulle tranquilidade ao Santaballés que foi quen de controlar ben o encontro, sobre todo coa consecución do terceiro gol, o mellor da tarde, obra de Palomo.
A segunda metade comezou con dous tantos en menos de cinco minutos. Toto recurtou diferencias para o Escairón, pero tan só dous minutos máis tarde Dani San cun bo lanzamento fixo o cuarto. Os de Juan Rodríguez gozaron dos seus mellores minutos, nos que adecuaron o ritmo de encontro ás súas necesidades e mesmo gozaron de varias ocasións á contra. Na última xogada do encontro Hugo fixo o quinto e definitivo gol.